UE: a lista de espera

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Tras a gran ampliación da UE en 2004 e a entrada de Romanía e Bulgaria en 2007, o tema das adhesións está de novo na orde do día nos países europeos. Na actualidade, os candidatos oficiais para a adhesión da UE son Croacia, Macedonia e Turquía. E Albania, Bosnia-Herzegovina, Montenegro, Serbia, Cosova e Islandia son potenciais candidatos. Así e todo, sen ter en conta a recente petición islandesa, a penas se experimentaron avances no camiño dos demais candidatos.

Croacia iniciou as negociacións coa UE en 2005, á vez que Turquía, e contábase con que puidera ingresar un ano despois. Sen embargo, dende decembro de 2008, as negociacións quedaron bloqueadas por Eslovenia a causa dun conflito fronteirizo e postergáronse por tempo indefinido.

No seu caso, é preciso resolver esa cuestión bilateral para seguir avanzando, pero os dous países defenden firmemente a súa postura e é moi pouco probable que se atope unha solución fácil e rápida. O conflito territorial entre Eslovenia e Croacia remóntase a 1991, cando ambos se independizaron da ex-Iugoslavia. O principal escollo é a fronteira marítima no Golfo de Pirán. Croacia considera que se debería dividir pola metade, en atención ao establecido tamén polo Dereito Internacional, mentres que Eslovenia, pola súa parte, reclama toda a baía e a súa saída ao mar aberto.

Cabe mencionar que, noutros contextos, Dinamarca e Polonia tampouco teñen unha fronteira marítima definida, pero Dinamarca non bloqueou a Polonia cando esta negociaba a súa adhesión á  UE. Así mesmo, sería interesante ver que pasará con Islandia, quen mantén unha disputa marítima con Reino Unido, Irlanda e Dinamarca, sobre a soberanía nas Illas Feröe, pola cunca de Hatton Rockall. Vetarán por iso estes países as negociacións de ingreso de Islandia?

No caso de Turquía, as negociacións van moi a modo por moitas razóns pero o seu intento de adhesión está especialmente freado polo seu enfrontamento histórico sobre Chipre e os receos de Francia e Alemaña. O goberno turco rexeitou a apertura dos portos e aeroportos a barcos e avións procedentes da República de Chipre, de maioría grega, a única entidade recoñecida internacionalmente e membro da UE dende 2004.

Así mesmo, os países da UE divídense entre os partidarios do ingreso turco, como España, e os detractores, como Francia e Alemaña, quen consideran que un país principalmente musulmán cambiaría o carácter da UE e para quen o futuro de Turquía, pasa por un acordo de Asociación Privilexiada. Neste momento, Turquía abriu só 11 dos 35 capítulos da adhesión.

Outro país é Macedonia, cuxo principal problema son as disputas que este país mantén con Grecia, en especial, o conflito sobre o nome oficial macedonio. Grecia argumenta que o nome de “Macedonia” non pode monopolizalo un só país, porque implicaría unha reclamación territorial sobre a rexión de norte de Grecia co mesmo nome.

Pola súa banda, Albania comunicou este ano o desexo de negociar a súa adhesión á UE. Este país leva dende abril esperando a que se solicite o seu informe preceptivo, mentres que no caso islandés solicitouse cando só pasaran catro días dende que presentaron formalmente a solicitude para entrar na UE.

Os obstáculos que argumenta a UE neste caso albanés son varios: que Albania avanza lentamente na loita contra a corrupción e o crime organizado, que dubida do seu sector enerxético, debido a que sofre un subministro inestable e que aínda non logra as condicións de seguridade nas súas fronteiras esixidas para saltar ao outro lado do muro de Schengen, ao igual que no caso de Bosnia-Hezegovina.

No caso das negociacións da UE con Serbia, país avantaxado dende o punto de vista económico e lexislativo, segue paralizado pola posición dos Países Baixos, quen reclama que Belgrado entregue inmediatamente aos seus últimos criminais de guerra ao Tribunal Penal Internacional para a Antiga Iugoslavia, e non levantará seu veto mentres Belgrado non deteña a Ratko Mladic, acusado da masacre de Srebrenica.

O último da fila é Cosova, cuxa independencia proclamada en 2008 aínda non é recoñecida por algúns países da UE, entre eles España. Serbia non acepta a independencia cosovar, considerándoa parte do seu territorio nacional, polo que Cosova é o gran interrogante dos Balcáns occidentais.

Entre estes países involucrados nas negociacións de admisión, abertas dende hai tempo e outros con peticións recentes, pulula un sentimento de decepción ante a prioridade de entrada que parece ter a candidatura islandesa. Neste momento semellan existir varios factores que apuntan a que Islandia adiantará a Croacia, quitándolle o posto como o Estado membro número 28º da UE.