A esquerda uruguaia agardou 89 anos para o trunfo

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

Aínda falta por saber o que aconteza o 28 de novembro, nos definitivos resultados da segunda volta ás eleccións presidenciais. Mais por primeira vez, na historia de Uruguai, unha forza política da esquerda, Encuentro Progresista-Frente Amplio (EP-FA) co seu candidato Tabaré Vázquez, consegue o maior número de votos (38,51%) superando aos liberais do Partido Colorado (31,32%) e aos conservadores do Partido Nacional ou Brancos (21,29%).

A fraxilidade cristalina das democracias latinoamericanas, que soporta con comodidade a tradicional alternancia entre conservadores e liberais, terá que demostrar o seu grao de madurez e consolidación para asimilar a chegada ao poder de forzas da esquerda, sen crebar o xogo democrático.

A medida que as enquisas incidían na victoria do EP-FA, a campaña foise endurecedendo ata chegar a límites repulsivos. Os ataques á esquerda comezaron coa pormenorizada difusión mediática do reciente libro negro do comunismo, no que asumen un papel protagonista destacados personaxes históricos coma Stalin. Logo, os dirixentes brancos e colorados alertaron contra do perigo de votar ao Frente Amplio, que levaba no seu seo o xerme das ideas totalitarias xa que albergaban a declarados comunistas ou ex-guerrilleiros tupamaros. Mais tarde pola vía tecnicista da economía Brancos e Colorados, ao unísono, tocaron nos escuálidos petos dos votantes, asegurando que a EP-FA desestabilizaría a economía devaluando a moeda, disparando a inflación, aumentando o déficit e rexeitando o pagamento da débeda externa.

Os 89 longos e penosos anos de marcha ata este trunfo, comezou nas eleccións de 1910, ano no que foi elixido o primeiro deputado da esquerda Emilio Frugoni. Dende entón ata 1966, liberais e conservadores repartíronse un 90% dos votos. Non vai ser ata 1971 cando o flamante "Frente Amplio" supere o 18 % no país e o 30 % na capital.

Tras da paréntese da dictadura as novas eleccións afianzaron á esquerda que obtivo arredor do 21% entre 1984 e en 1989. O 38,5% acadado nas eleccións do domingo non é tan importante polo un incremento de voto coma pola trascendencia histórica que ten o feito de ser a primeira vez que o candidato con máis votos, non sexa nin Branco nin Colorado.

Tabaré Ramón Vázquez Rosas saltou a escena política en 1989 cando se presentou e gañou para a esquerda Montevideo. A súa proclamación coma candidato á presidencia da república conseguiu aglutinar a históricos loitadores contra do militarismo, a sectores moderados máis posibilistas e sobre todo ás novas capas de votantes.

A segunda volta a celebrar o 28 de novembro preséntase incerta e ninguén se atreve a pronosticar o resultado. Unha mera suma aritmética dos votos de Vázquez cos do Nuevo Espacio de tendencia socialdemócrata só conseguirían o 43%. Moi por baixo do 50% que representan conservadores e liberais conxuntamente. Pero xa existen sondaxes que sitúan a Tabaré Vázquez a mesma altura de Jorge Batlle. As malas relacións entre Brancos e Colorados e as múltiples fraccións internas de cada un dos partidos tradicionais, permanentemente enfrontada entre si, deixan na absoluta incerteza o veredicto final das urnas.