Megaeleccións para militares

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

O 28 de maio Venezuela renovará máis de 6000 cargos institucionais nos concellos, nos estados ou na Presidencia da República. O MVR (Movemento Quinta República) que servira de plataforma política para encumiar a Chávez Frías á presidencia do país comeza a desfiarse por mor das loitas partidarias para asegurarse o apoio oficial ás súas candidaturas. Na carreira por conseguir o autorelevo, na que leva significativa vantaxe, Hugo Chávez ven de atopar un clónico por obstáculo. Trátase dun militar coma el, participou no cuartelazo contra Carlos Ándres Pérez coma el, metido na cruzada anti corrupción coma el, flaxelador implacable contra os partidos tradicionais coma el….pero, sen embargo, Arias Cárdenas será a alternativa de todos os que non están con el.

Militar contra militar, comandante contra comandante, Chávez contra Arias, este é o dilema de Venezuela. Ambos disputan unha boa parte das adhesións do exército e ofrécense coma a única oportunidade de rexeneración para unha sociedade encouzada pola corrupción. Os outros non superan o papel de figuróns de terceira categoría nesta obra.

A nova constitución Bolivariana fixaba a inmediata renovación de todos os cargos institucionais nun prazo de tres meses que se cumprían neste mes de marzo, mais as inundacións e a burocracia ten adíado a xigantesca macroconsulta, xa coñecida popularmente coma "megaeleccións", ata finais de maio.

Hugo Chávez, a pesares da súa cuestionable política económica, saldada con discretísimos resultados, conserva un 70% de popularidade. Mantén intacto o apoio de todos os que, arrastrados á miseria durante as crónicas enchentes de corrupción foron precipitados na miseria como a maioría da poboación venezolana, e que agarraron con forza a maroma que Hugo Chávez lles votou para levantar o voo da autoestima e a ilusión de sobrevivir.

Non se soltan aínda que, segundo datos de Datanálisis, durante o último ano se teña incrementado nun 5% a taxa de desemprego, aproximadamente unhas .000 persoas, e, aínda que .000 persoas dos extractos medios e altos baixasen un chanzo no escalafón socioeconómico. A maioría da poboación segue a confiar en Chávez, a pesares de que, tamén, o PIB ten caído nun 72% e o consumo nun 10%.

Tampouco son boas as noticias que veñen do interior do MVR xa que afloran tensións, con perigo de rupturas, con partidos internos coma o MAS(Movemento ao Socialismo) e o PPT(Patria Para Todos) nas disputas por colocar os candidatos das distintas faccións á alcaldes e gobernadores.

Hugo Chávez Frías impregnado polo carisma dun populista, eríxese coma valedor das ansias que o pobo venezolano ten de findar coas décadas de gobernos socialdemócratas (AD) e Democratacristiáns (Copei), nas que a riqueza do país evaporouse para acabar concentrada en moi poucas mans, mais agora ten que enfrontarse a un novo contratempo. O seu opoñente non provén da vella garda desprestixiada, senón que emerxe das mesmas entrañas dun reputado exército.

Francisco Arias Cárdenas, de 49 anos e catro anos máis vello que o Presidente, foi un dos ideólogos da intentona de febreiro do 92. Presenta coma aval a eficiente xestión coma gobernador de Zulia, pero ten no currículo a mancha de ter aceptado o apoio do Copei para acceder ao cargo e gobernador. Vai atopar apoios incondicionais dos sectores firmemente enfrontados a Chávez coma os empresarios, a maioría dos medios de comunicación, a igrexa, o mundo financeiro etc. Pero son precisamente estes desprestixiados sectores demasiado identificados do desfenestrado "puntofijismo" da anterior etapa política os que poder lastrar definitivamente o se despegue. Os seus detractores etiquétano como o posibilista candidato dos EE UU.

Hugo Chávez atesoura como principal éxito ter acabado coas putrefactas estructuras tradicionais sen deteriorar as liberdades individuais e colectivas. Posúe un discurso acendido e convincente. É unha persoa accesible, directa, sinxela. Ten demostrado unha enorme coherencia e austeridade orzamentaria no goberno. Cumpriu a promesa dunha nova constitución…O resto dos candidatos que concorran ás presidenciais xogan ao seu favor ao dividiren o voto anti-Chávez

Pero o tempo está na súa contra, ten pouco máis de dous meses para endereitar os sanguentos resultados económicos que recolleu. Os seus adversarios teñen xa tomada ista xugular, da que chuchan para tentar engordar desta ferida económica que desangra a Venezuela e pode debilitar os sólidos apoios do actual presidente da República Bolivariana.