acorunha.hub 2023 0

A 3ª edición do Foro A Coruña Global convértese nunha Gala presentada por Yolanda Castaño

Celebrarase o mércores 20 de decembro ás 20:30 no cine da Domus (apertura de portas ás 20:00). O evento pon en valor unha ollada colectiva ás conexións da Coruña co resto do mundo, da economía á cultura e o coñecemento, da ciencia e a moda ás diásporas ou a lingua.

Tralo Ciclo de Coloquios online no ano 2020 e as Xornadas na Universidade da Coruña do ano 2022, o Foro A Coruña Global convértese en Gala para construír un espazo mixto entre o espectáculo e a reflexión arredor dos fluxos globais que conectan A Coruña co mundo do S.XXI.

Espectáculo, entrevistas e conexións internacionais…

O evento contará coa música de Mercedes Peón, Ocre e Pava (Lucía Aldao) xunto a participación de convidadas e convidados sorpresa, tanto de maneira presencial como por medio de conexións en liña. A Gala servirá tamén para presentar a versión app-web do Mapa da Coruña global producido durante o ano 2022 polo IGADI co apoio do Concello da Coruña.

As inscrición son gratuítas e pódense realizar desde a web acoruna.hub.gal.

As actividades fan parte do camiño aberto polo documento de Bases de Acción Exterior (2018) e a Declaración institucional “A Coruña global no mundo do S.XXI” (2019) para reforzar a imaxe internacional e a acción exterior da cidade.

As actividades enmárcanse no Convenio entre o Concello da Coruña e o IGADI para o ano 2023.