eleccions 2024 xunta de gal

Máis importante do que semella: A acción exterior nas eleccións galegas do 2024

Convocados os comicios autonómicos para o próximo 18 de Febreiro, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI, considera oportuno trasladar ao conxunto da opinión pública e ás diferentes formacións que concorren neste proceso, as seguintes consideracións e propostas.

Onde estamos?

Nos últimos 14 anos os orzamentos e programas da Xunta para internacionalizar o territorio, desde as empresas ou desde o turismo, especialmente, non deixou de medrar. Sen embargo, a Acción Exterior, como política pública para levar adiante de xeito coordinado estes esforzos, perdeu orzamento e capacidade de intervención (desde o 2009, degrádase a Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, UE e Cooperación da Xunta, nunha Dirección Xeral de Relacións Exteriores, UE e Cooperación).

A Xunta de Galicia e o mundo global
Diplomacia económica: Consellería de Economía (IGAPE e Axencia Galega de Innovación).
Diplomacia turística e cultural: Xacobeo, Axencia Galega de Turismo e Consellería de Cultura.
Diplomacia da diáspora: SX de Emigración.
Diplomacia do mar: Consellería do Mar.
Diplomacia da lingua: SX de Política Linguística.
Diplomacia europea, eurorexional e de DDHH: Dirección Xeral Relacións exteriores, EU, e Cooperación (Vicepresidencia)
Diplomacia verde e Axenda 2030: Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

Alén deste problema estrutural tamén houbo avances nestes anos. Especificamente desde o 2014 coa Lei de Acción Exterior española, a Xunta, coa participación do Parlamento galego, deu un impulso xurídico e lexislativo singular no Estado para desenvolver unha Acción Exterior galega con maiores capacidades: Decreto de Acción Exterior de Galicia (2015), elaboración da primeira Estratexia Galega de Acción Exterior (2018) e, finalmente a Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento en marzo do ano 2021.

Non menos importante, e froito dunha iniciativa cidadá, no 2014 o Parlamento galego aprobou por unanimidade a Lei Paz Andrade, para promover o portugués en Galicia e conectarnos ao mundo de lingua portuguesa. Froito do impacto desa Lei, España entrou a formar parte como observador asociado en 2021 da CPLP (Comunidade de Países de Lingua Portuguesa).

Así as cousas, aínda que contamos cun marco normativo de vangarda a nivel europeo para a nosa internacionalización, na práctica non se está a empregar a súa potencialidade, xa que a Lei de Acción Exterior de Galicia ou a Lei Paz Andrade non contan con recursos, nin coordinación ou seguimento específico.

Gañar o futuro nun mundo incerto: Tarefas para unha nova lexislatura

A nova lexislatura que nace coas eleccións do 18F é unha oportunidade para aproveitar os avances e superar as contradicións actuais. Os próximos catro anos poden ser o momento de normalizar a Lei de Acción Exterior de Galicia, para ordenar e coordinar todo o que xa se está a facer e para potenciar o consenso arredor da plusvalía que ten o perfil internacional de Galicia: somos unha das nacionalidades históricas do Estado, cunha Diáspora que permite unha rede de contactos humanos, comerciais ou culturais, que poucos países poden exhibir.

Desde esta análise queremos levar aos partidos políticos unha serie de medidas para impulsar a internacionalización de Galicia tralas eleccións do 18 de febreiro:

1. Creación dunha Secretaría Xeral de Acción Exterior na estrutura da Presidencia da Xunta de Galicia.

2. Desenvolvemento dun Plan de Acción para a Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX) 2023-2027 que coordine as iniciativas de todos os departamentos da Xunta, ordenando as moi variadas convocatorias de internacionalización e a comunicación pública da proxección internacional de Galicia. Plan que conte con obxectivos e actividades avaliables, que integre a participación das cidades, Universidades e o conxunto do ecosistema da Acción Exterior de Galicia.

3. Mellorar e elevar o status xurídico-político da actual Fundación Galicia-Europa.

4. Execución dun Plan Brasil e Plan China, como proxectos piloto de desenvolvemento da Acción Exterior de Galicia. Estes programas terían que facer fincapé na coordinación de todos os esforzos institucionais-económicos que xa están a facerse desde hai décadas (desde os distintos departamentos da Xunta) e servirían de modelo para futuras iniciativas.

5. Desenvolvemento dun Plan Director da Lei Paz Andrade no marco do Plan de Acción para a Estratexia Galega de Acción Exterior (EGAEX) 2023-2027.

6. Creación da Casa da Lusofonía en colaboración co Ministerio de Asuntos exteriores no marco da diplomacia pública do Estado.

Cómpre indicar para finalizar que para a execución destas medidas precisamos dunha colaboración entre Galicia e o Estado, como xogo de gañar-gañar, como fórmula de posicionamento en Europa e no mundo e de modernización do propio Estado.

Para saber máis pode consultar os anuarios da Acción Exterior de Galicia -Nós No Mundo ou os artigos e análises da nosa Liña de Investigación en Paradiplomacia.