INSTITUO MACAU

Asinamos Acordo de colaboración co Instituto de Estudos Europeos de Macau

Os acordos de colaboración asinados polo IGADI procuran sistematizar a relación con entidades coas que se comparten intereses e liñas de traballo, dando un salto a unha relación máis estable e produtiva.
Palabras chave China Europa Lusofonía

Nese marco acábase de concretar a sinatura dun acordo de colaboración co Instituto de Estudos Europeos de Macau (China). A formalización dos acordos enfócanse á procura de sinerxías e complementariedades no traballo ordinario das organizacións.

O Instituto de Estudos Europeos de Macao foi creado o 23 de outubro de 1995 e comezou as súas actividades o 6 de febreiro de 1996. Forma parte da estratexia do Goberno que ten como obxectivo promover a internacionalización de Macao e a formación do persoal superior, tendo á vista do enlace con Europa.

A creación do IEEM foi posterior á cooperación existente coa Unión Europea acadada a través do acordo global (terceira xeración) con Macao, en 1992, e a través da creación do Centro de Documentación Europeo. Tamén forma parte da Web de Institutos e Centros Universitarios recoñecidos pola Unión Europea. A súa existencia fai fincapé no papel que xoga Macau como plataforma entre a cultura europea e a cultura chinesa.

O IEEM é unha organización privada dotada de personalidade xurídica, e na actualidade os seus socios son organizacións públicas: o S.A.R. Government of Macau, a Universidade de Macau, a Universidade Politécnica de Macau; Macau Foundation e o Macau Trade and Investment Promotion Institute.