Asinamos acordos de colaboración coa Asociación Internacional de Estudos Galegos, a Revista Murguía e a Juventude Unida dos Países da Língua Portuguesa

Os acordos de colaboración asinados ao longo do primeiro cuadrimestre deste 2023 aspiran a sistematizar a relación co IGADI e a visibilizar os intereses compartidos entre as tres entidades. A formalización dos acordos procura sinerxías e complementariedades no traballo ordinario das organizacións, así como oportunidades de colaboración concretas, reforzando os intereses comúns arredor da proxección internacional de Galicia.

A Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) xurdiu na década de 1980 na costa leste dos Estados Unidos. Esta asociación foi impulsada e desenvolveu o seu labor de maneira específica no terreo académico e universitario. As áreas de traballo principal da AIEG como comunidade académica galega de coñecemento global son: a literatura, a historia, a cultura e a lingua galega. O IGADI é socio da AIEG desde comezos do S. XXI.

O Instituto Galego de Historia é unha entidade científica, que edita Murguía, a Revista Galega de Historia. Publicación semestral, monolingüe en galego, fundada en 2003 e que promove e divulga investigacións sobre Historia. O IGADI e o IGALHIS intercambian as súas publicacións, mantendo colaboración entre Tempo Exterior e Murguía, Revista Galega de Historia desde o ano 2005.

A Juventude Unida dos Países de Língua Portuguesa naceu en xullo de 2020 co obxectivo de converterse nunha representación da mocidade lusófona. É un movemento creado por e para persoas novas, co obxectivo de xuntar as nacións en proxectos que promovan o diálogo, o debate e o intercambio cultural. Destaca que na actualidade a mocidade destes países representa o 16,4 % da poboación que fala a lingua portuguesa. Colaboraron co IGADI na «Gala da Lusofonía: A República dos Sonhos» celebrada en Tomiño o 21 de xaneiro deste 2023 e na moi recente publicación en liña do IGADI, «Especial Lusofonía: 15 anos do OGALUS».

Pode ver as nosas Alianzas nesta ligazón.