Conectar a Deputación de Pontevedra coa acción exterior de Galicia

O IGADI presenta as actividades do convenio “Conectar a Deputación de Pontevedra coa acción exterior de Galicia” na web lusofonias.hub.gal

  • As actividades contan coa primeira parada o 3 de novembro en Pontevedra (Casa das Campás) coas Xornadas “Galicia na lusofonía dos anos 20”.
  • No marco do convenio 2022 Deputación de Pontevedra-IGADI organizarase o 16 de decembro a Gala “A República dos Sonhos” que presentará a xornalista da TVG Esther Estévez.
  • O IGADI está a elaborar un informe sobre o impacto e oportunidades da Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento que se entregará antes do final de ano.

As actividades nacen da misión estatutaria do IGADI (1991) para desenvolver a acción exterior de Galicia, así coma no seu traballo histórico acumulado en relación aos estudos internacionais e a paradiplomacia galega. De maneira particular as actividades do IGADI no proxecto vincúlanse especialmente arredor das relacións da provincia de Pontevedra con Portugal e a lusofonía, e a liña de traballo do IGADI mediada polo Observatorio Galego da Lusofonía desde 2009

Así as cousas o Convenio 2022 coa Deputación de Pontevedra e a web lusofonias.hub.gal enmárcanse no traballo histórico do IGADI, en liña co desenvolvemento da proxección internacional da Deputación de Pontevedra na última década, así como do seu compromiso actual coa Axenda 2030 e as relacións con Portugal, onde destaca de maneira específica a creación da AECT Río Minho no 2018.

Cómpre subliñar que o estudo final “A Deputación de Pontevedra e a acción exterior de Galicia”, as Xornadas “A lusofonía en Galicia nos anos 20” (3 e 4 de novembro) e a Gala “A República dos soños” (16 de decembro) realizaranse no novidoso contexto institucional e normativo que significou a publicación no Diario Oficial de Galicia, en marzo do 2021, da Lei de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento de Galicia, así como na entrada de España na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa coma observador asociado no verán do 2021.