Xuntanza Igadi compostela

Reunímonos co Concello de Santiago: Da promoción turística á acción exterior na capital de Galicia?

Poucas cidades teñen a proxección internacional tan intensa como a de Santiago de Compostela, unha proxección que non diminue co paso do tempo e que vai máis aló do seu papel "tractor" no mundo do Turismo da man dos Camiños a Santiago. A súa condición de sede universitaria, das institucións do país ou a puxante oferta cultural e empresarial, converten a Compostela nun lugar clave da proxección global de Galicia...

Este transfondo estivo presente na reunión que a Alcaldesa Goretti Sanmartín e a Tenenta de Alcadesa, María Rozas, tiveron co Director do IGADI, Daniel González Palau Director e o seu Secretario e Coordenador da Liña de investigación en Economía, Diego Sande.

Por medio dun diálogo sincero e produtivo analizaron os antecedentes -nomeadamente o documento de Bases de Acción Exterior realizado para o Concello no 2019- a situación actual e as potencialidades de futuro.

O IGADI transmitiu ao novo Goberno municipal as potencialidades de poñer en valor a proxección turística da cidade para reinventarse, apoiándose na acción exterior para fortalecer o seu modelo de desenvolvemento económico e sociocultural para o presente e o futuro.

Neste sentido os representantes do IGADI incidiron na necesidade de revisar as BAEX da cidade no actual contexto, enmarcado pola definición da Estratexia Galega de Acción Exterior 2023-2027 e o lanzamento do Observatorio da Lusofonía Paz Andrade, como ferramenta da Lei de Acción Exterior.