Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
17 de Novembro de 2021 VV.AA.

Haberá desunión do Reino Unido? por Teresa Barro

Artigo extraído do Libro Homenaxe a Xulio Ríos Paredes "Unha vida de compromiso para unha Galicia universal"

O 6 de maio do 2021 houbo eleicións no Reino Unido, municipais e dos Parlamentos de Escócia e Gales, e os resultados, máis surprendentes do que se esperaban, poden dar algunha idea de como anda o da posíbel desunión do Reino Unido.

Xusto antes das eleicións parecía haber a posibilidade de que se desunira o Reino Unido se, á vitoria dos independentistas da Escócia que se daba por feito, sumábase un bon resultado para o Playd Cymru, o partido nacionalista de Gales. Iso tería debilitado o unionismo en xeral e levado a pensar que o independentismo estaba subindo.

O partido independentista da Escócia anunciara que, se obtiña outra vez maioría no Parlamento escocés, exixiría outro referendo sobre a independencia do país. Obtivo maioría, non absoluta pero case, e anunciou que o pediría. Podía telo pedido antes, pero non o fixo porque pensaba que non o gañaría. Cando fora o anterior, en 2014, acordárase que non habería outro polo menos até pasada unha xeración, pero o goberno escocés argumenta que as circunstancias mudaron tanto que está xustificado. O que mudou foi que o Reino Unido deixou de formar parte da Unión Europea e o partido independentista alega que Escócia, no referendo do brexit, votou por quedar na Unión Europea. Poderíase dicer, portanto, que os independentistas non queren a independencia total da Escócia, senon cambiar a unión do Reino Unido pola da Unión Europea. E un problema fundamental con iso está en que a Unión Europea até agora dixo que non a aceitaría por non ser unha ¨nazón¨, ainda que no Reino Unido é unha das catro nazóns, así chamadas, que o constitúen: Inglaterra, Gales, Escócia e Irlanda do Norte.

Cando foi o referendo anterior dicíase que Escócia quería deixar o Reino Unido pero levando a ¨subvención¨, a raíña e a libra esterlina. A ¨subvención¨ é o diñeiro que recebe  según a ¨fórmula Barnett¨. que é a que se usa para o reparto do gasto público entre as catro nazóns. O propio Barnett, que inventou a fórmula nos anos setenta, cando estaba no goberno de Callaghan, dixo e escribiu moitas veces que nunca imaxinara que, décadas mais tarde, seguiría usándose algo que el formulara para o momento, e cuxo resultado era arbitrario e inxusto. Con esa fórmula, Escócia está recebendo nestes momentos  case un 30% mais que Inglaterra, por exemplo.  O que antes non querían os escoceses, a pesares da inclinación europeísta que pudieran ter, nen mesmo os independentistas, era entrar no eurozona; agora non se sabe. Mas, se a Unión Europea se abrandara e, por motivos políticos, aceitase a integración da Escócia, sería de importancia fundamental  saber as condicións económicas e se entraría como país contribuidor ou receitor. Agora que a Unión Europa perdeu un dos que mais contribuían, que era o Reino Unido, non parece moi probábel que admitise a Escócia como país receitor de fondos. E entrar como contribuidor neto sería catastrófico para a economía escocesa, de non ser que mudaran moito as cousas.

Todas as previsións apontan a que, se Escócia deixara o Reino Unido, o nivel económico baixaría moitísimo, nos primeiros anos polo menos. Pero na cuestión da independenza dos países o que mais conta é o sentir.  No referendo anterior viuse que ese sentir estaba moi dividido, e semella que segue así.

Neste momento, xusto cando se está empezando a saír da pandemia, é imposíbel sabe como vai ir todo. A xestión da vacinación contra o covid favoreceu a unión do Reino Unido, pois que se viu moi claro que non tería sido tan boa se non a fixera pola sua conta e afastada da Unión Europea. E un elemento importantísimo é o da situación dos outros partidos políticos, porque é moi posíbel que parte do voto que recebe o partido independentista veña de que moitos non queran votar nen polo Partido Conservador nen, menos ainda, polo Laborista, que foi o que, durante moitos anos, contou có voto masivo dos escoceses.

Nesas eleicións de maio destacou o desgosto dos votantes de todo o Reino Unido, menos os de Gales, có Partido Laborista. Se a esquerda aínda seguía pensando que o ¨pobo¨ se equivocara có brexit e que estaría pesaroso e votaría aos que querían quedar na Unión Europea, demostrouse  máis unha vez que non era así. E, se pensaba que a clase traballadora do Norte, que votara masivamente polo partido Conservador dirixido por Johnson porque fora o que prometera deixar a Unión Europea  e o fixo, estaría tamén arrependida, sucedeu todo o contrario: o ¨muro roxo¨ (the Red Wall), os distritos eleitorais do Norte, que sempre votaban polo Partido Laborista até os últimos tempos, refrendaron que non querían ese laborismo que lles parecía elitista e condescente, e que non conectaba coa xente nen lle facía caso.

Porén, a mais grande surpresa desas eleicións foi mesmamente o trunfo do Partido Laborista,  e o fracaso dos independentistas, en Gales. Semella que en Gales a esquerda conectou coa xente corrente e obtivo un grande trunfo. E iso é algo que podería suceder na Escócia se, no futuro, o Partido Laborista mudara de maneira de pensar e actuar e abandonara esa condescendencia e atitude distante que, polo que se está vendo, tanto incomoda aos votantes ingleses e escoceses.

E qué pensan os da nazón inglesa, a única que non ten Parlamento propio? Porque en toda a historia da devolution, conceito xurídico que significa transferencia de poderes ou descentralización, das catro nazóns do Reino Unido, a única que quedou sen Parlamento foi Inglaterra, e iso resulta na anomalía ou asimetría de que os ingleses non podan intervir para nada nos parlamentos escocés, galés e norirlandés, pero que no Parlamento de Westminster, que é o de todas as nazóns do Reino Unido, teña que haber debates ás veces de asuntos que son só ingleses, porque non hai outro sitio onde debatilos. A razón desa asimetría foi seguramente a de que Inglaterra ten moita mais poboación que as outras nazóns e, ainda que a cuestión se menciona algunha vez, non parece que preocupe moito nen que haxa moita ansia de cambiar as cousas. Pero o que parece, segundo as enquisas de opinión, é que o sentimento dos ingleses mudou algo desde o último referendo, no que, se Escócia tivera votado en favor de deixar o Reino Unido, teríano sentido en xeral. Agora semella que a moitos non lles importaría que marchara e que mesmo hai algúns que quererían que o fixera, de cansados que están dos laios dos independentistas en Westminster e de que Escócia leve a mellor parte no reparto do diñeiro entre todos.

Boris Johnson, o Primeiro Ministro do goberno británico, está determinado a loitar polo unionismo e Nicola Sturgeon, a Primeira Ministra do goberno escocés, polo independentismo. Se houbera un  referendo na Escócia, que é case seguro que haberá, non sería nos dous anos próximos, que haberá que dedicar a recuperarse da pandemia, e niso parece que están todos dacordo. Non é posíbel adeviñar como estarán as cousas daquí a dous anos: Johnson asegura que o seu goberno vai descentralizar máis e levar prosperidade a todo o Reino Unido e non só a Londres e o Sur. Se fai o que di, talvez os escoceses sentiranse menos inclinados a buscar a separación, porque en todo isto hai un elemento de fondo e importante: o feito de que Escócia formou parte de todo o británico, desde o imperio até a revolución industrial, tanto ou máis que Inglaterra, e que moitos escoceses séntense tan británicos como os ingleses. E un grave problema que podería xurdir se houbera un referendo e gañaran os independentistas, pero unha grande parte dos escoceses votaran por seguir no Reino Unido,  sería o de que Escócia podería terminar como Irlanda, dividida entre unha Escócia independente e unha Escócia unionista. Será interesante observar o desenvolvimento da  devolution do Reino Unido nos dous próximos anos.

 

Sobre a autora: María Teresa Barro Muñoz-Ortiz, nada na Coruña o 8 de marzo de 1936, é unha tradutora e escritora galega afincada no Reino Unido. Membro fundadora do Grupo de Traballo Galego de Londres, ten colaborado con distintas publicacións galegas, como Grial, A Nosa Terra ou Nós Diario, así como nos programas de radio da BBC. En 1980 obtivo o certificado da Faculty of the Astrological Studies de Londres.

 

 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais