Especial #CimeiraDoFuturo #SummitOfTheFuture #CumbreDelFuturo, Segunda Parte
pactforthefuture

Cales son os principais temas na Axenda do Cumio do Futuro? (Especial, Segunda parte)

O cumio do futuro é unha reunión de alto nivel que se celebrará os dias 22 e 23 de setembro de 2024 na cidade de Nova York (Estados Unidos). O evento estará conformado polos líderes dos diferentes países membros das Nacións Unidas e nel abordaranse diversas cuestións a nivel internacional cuxo principal obxectivo será a elaboración dun novo consenso internacional capaz de facer fronte aos desafíos do futuro.

Os temas na axenda do Cumio do Futuro non son novos nin descoñecidos, senón que estes reflexan en gran medida os principais desafíos aos que se leva afrontando a ONU desde fai moito tempo. A primeira vez que estes foron documentados por escrito, foi na carta inicial do 30 de agosto do 2023, redactada polo presidente da Asemblea Xeral en consenso cos Estados membros a través de negociacións intergubernamentais previas.

Negociacións, que transcorren desde aquela altura e mediante as que se conseguiu elaborar un borrador 0 do Pacto do Futuro, que foi presentado o 29 de xaneiro deste mesmo ano 2024. O borrador non só recolle as achegas dos Estados membros senón que tamén reflexa as mais de cincocentas contribucións de organizacións da sociedade civil e o sector privado. Alemaña e Namibia, como estados co-facilitadoras do Cumio, foron tamén os encarregados de presentalo.

O documento estrutúrase en cinco grandes liñas de interese, que presentamos de maneira superficial a continuación:

  • A primeira delas en grandes liñas trata a cuestión do desenvolvemento sostible, que ven a tratar a cuestión de acelerar a aplicación da Axenda 2030. Os Estados membros exixen a elaboración de medidas concretas e unha ampliación do financiamento para o desenvolvemento. Destacando así a necesidade de elaborar un plan de acción conxunto deixando atrás as medidas coercitivas tomadas por un Estado de forma unánime e que pode prexudicar a outros.
  • A segunda achégase ao tema da construción da paz e a seguridade a nivel internacional. Os Estados reclaman unha maior participación da ONU nos procesos de mediación así como unha promoción da paz a nivel global, co obxectivo de frear a violencia desmedida que se leva a cabo en certos territorios que están dentro da súa area de actuación.
  • En terceiro lugar, trátase o tema da ciencia, a innovación e a cooperación dixital, que recolle basicamente como as novas tecnoloxías poden ser unha gran ferramenta na consecución do resto de obxectivos. Así destácase a utilidade destas en áreas como poden ser a saúde ou a seguridade.
  • A cuarta liña temática fai referencia ás xeracións futuras. Esta foi destacada por moitos Estados como unha prioridade de primeira orde e con ela aspiran a introducir todas as cuestións relacionadas co dereito das xeracións futuras a un pleno emprego e unha educación de calidade. Así como temas que son de alta relevancia na actualidade para as xeracións mais mozas, como poden ser a saúde mental ou reprodutiva. Todo isto pretende conseguirse mediante a incorporación da mocidade na toma de decisións.
  • Para rematar, a ultima fai referencia a transformación da gobernanza mundial. O obxectivo é mellorar os mecanismos de cooperación mediante a reforma do Consello de Seguridade así como reformar a estrutura financeira internacional mediante a actualización dos Bancos Multilaterais.

A idea de presentar este borrador é que os Estados e as organizacións o analicen e realicen os comentarios pertinentes sobre os aspectos que consideren.

Así é que algúns Estados xa manifestaron a súa opinión sobre este, e a gran maioría deles considérano canto menos insuficiente, demasiado ambiguo e amplo. Por exemplo Colombia, destacou que o borrador non lle da a importancia necesaria ao tema da desigualdade. Para eles este debería aparecer de forma explícita, introducindo criterios de inclusividade mediante a incorporación de todos os grupos en situación de vulnerabilidade, como poden ser os pobos indíxenas.

Se fose de interese ampliar información, adxunto a sesión de consultas que se levou a cabo na ONU, onde se aproximaron a estes temas de forma mais exhaustiva, e na que poderán encontrar as declaracións de numerosos Estados: Informal consultations on the Summit of the Future

Para concluír, gustaríame convidar a reflexión sobre que temas puideron quedar fóra neste borrador e cales deberían ser engadidos.