Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 9 de Decembro de 2014 Vilachá

Un 2014 convulso para Occidente

O ano 2014 é arestora un ano convulso no escenario internacional para os intereses occidentais. O conflito na Ucraína semella que está a tomar unha nova dirección após o cesamento de hostilidades entre as tropas de Kiev e os soldados pro-rrusos en setembro pasado. O alcance ruso tivo o seu punto culminante coa anexión de Crimea en marzo pasado, malia que dende diversos sectores da sociedade europea se tentara crear a falsa idea dun renovado expansionismo ruso baixo a figura de Vladimir Putin. 

A anexión de Crimea após do referendo do día 16 de marzo non foi máis que a afirmación, unha vez mais, das contradicións políticas occidentais e da idea dunha Rusia ou ben débil e pro europea ou forte e ameazante. É porén lóxico entender a posición a defensiva da política exterior rusa fronte os europeos e americanos.(1) A península de Crimea é unha rexión de vital importancia para os intereses rusos, no canto que alí atópase a base naval e único porto de saída o Mar Mediterráneo, Sebastopol, e tamén constitúe unha vía de paso para os oleodutos que conectan Rusia cós Balcáns.

O conflito ucraíno ten amosado o arrefriamento das relacións UE-Rusia. As sancións impostas por Bruxelas e o veto aos produtos agrícolas levado a cabo por Moscova, contribúen á situación actual de desconfianza entre as dúas potencias. Aínda e todo, cómpre mencionar que non estamos asistindo a unha Guerra Fría 2.0 nin tampouco veremos enfrontamentos bélicos directos entre Europa e Rusia, como foi mencionado nalgúns medios occidentais o comezo da crise ucraína.

Aínda que poda parecer sorprendente, dada a escalada de tensión vivida durante a primeira metade de ano, as relacións entre Europa e Rusia son mais fortes do que parecen. Menciono Europa e non Bruxelas porque non hai unha política unitaria dos 28 Estados Membros de cara a Rusia como cabería agardar. Os Estados europeos oscilan entre aqueles cunha política artellada no enfrontamento directo có Kremlin, froito da súa historia recente, estou a falar dos países Bálticos, Polonia, Hungría, etc. Pola outra banda, atoparíamonos cos países cunha política mais proclive cara a política exterior de Putin. As relacións económicas, e mais concretamente a cuestión enerxética, son a base desta política mais pro-Kremlin, na que destacan neste contexto Alemaña ou Italia.

A falta de acordo en materia exterior dos líderes europeos pon unha vez mais de manifesto a falta de coherencia na política exterior europea. Os intereses propios e nacionais aínda representan o maior peso na acción exterior común. Este feito, unido á creba democrática das institucións europeas con respecto os cidadáns e as medidas económicas adoptadas polos Estados membros do Sur, levou ao Kremlin a deseñar unha política exterior artellada na división aínda mais do club de Estados que conforma a Unión Europea.

A reacción europea ante os sucesos na praza Maidan de Kiev foron a primeira vista correctos, máis se analizamos en profundidade os mesmos, decatámonos de que a cousa non foi tal. O Kremlin xogou a dividir e a mostrar as carencias en política exterior europeas e, sobre todo, dos intereses difusos en canto a promoción e defensa da democracia e dos intereses económicos europeos.(2) Non é Rusia o país mais democrático do planeta, nin Putin un demócrata visionario do século XXI, máis a promoción da democracia é unha das bases fundamentais da condicionalidade democrática que emprega a UE nas súas relacións con terceiros Estados. Porén non ten sentido apoiar un referendo en Kosovo é non en Crimea, noutras palabras, apoiar a democracia en Ucraína e non en Crimea. A resposta semella doada: o déficit enerxético comunitario xogou primeiro que os intereses dunha rexión étnica e socialmente rusa.

A política europea debería de avanzar cara unha política enerxética común para facer fronte o déficit enerxético existente e, o mesmo tempo, para frear o monopolio ruso na importación deste recurso enerxético. Alxeria é unha vía a explorar segundo nos indica o Instituto El Cano, máis habería que estudar se a oferta española é viábel tendo en conta as infraestruturas existentes e o devandito interese dos outros 27 socios europeos nesta opción. Son moitos os desafíos que ten o equipo da nova Comisión do novo Presidente Juncker, máis pode que o desafío enerxético fronte a Rusia sexa un dos mais importantes.

O porqué dunha Rusia non europea e da que desconfían tanto Bruxelas coma Washington non ten ningunha base xeográfica, histórica, nin relixiosa xa que a efectos é europea como a que mais.(3) O futuro inmediato albisca crises e dificultades enerxéticas que poden afectar o noso nivel de vida occidental. Porén, non parece intelixente afastar a unha potencia europea dos nosos intereses cando a UE conta cun déficit enerxético importante e  Rusia conta con recursos suficientes como para aumentar a cooperación a todos os niveis.

Recentemente, e có galo do arrefriamento das relacións UE-Rusia pola crise ucraína, asistimos as cimeiras China-Rusia e á busca dun contrapeso o poder caduco de Occidente en política internacional. Temas como as importacións de gas ruso ou ofortalecemento do iuan chinés e do rublo ruso fronte ao dólar americano. O mundo de hoxe é multipolar, mais semella que o etnocentrismo aínda pesa moito na mentalidade de moitos.



(1) TAIBO Carlos, Rusia frente a Ucrania. Imperios, pueblos, energía. La Catarata. Madrid, 2014. Páxina 110

(2) Ibid, páxina 112

(3) Ibid, páxina 128

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais