A ampliación de Europa, o tamaño conta

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

O incerto e non adiable reto globalizante provocou a aparición nos derradeiros meses do século do enésimo mapa “definitivo” de Europa. Un mapa non tan novidoso entendido coma o mapa das fronteiras orientais da Unión Europea en toda a súa extensión de comunidade euroaliada trunfadora.Mais as vellas chancelerías saben que non é prudente establecer arestora as fronteiras dunha Unión que é un proceso en por si.

En efecto, sabedores do cativamente edificador que resultaría o cumio matemático de Niza (outro cume definitivo que haberá de experimentar unha longa poscorrección intergobernamental), foi precedido dun emocionante e grandilocuente discurso do tipo “o retorno de Europa”, “rematar para sempre coa división do continente”, pero tamén “maior mercado único do planeta”. É consubstancial a esta organización o crerse o seu propio mito como organizadora da complexidade do continente. Por que se non fose a casa europea a que constrúe o seu propio percorrido, xurdirían preguntas desacougantes. É posible que algúns dos movementos que este ano vimos en Seattle, en Davos, en Niza, desen respostas a algunhas delas.

Ao presentar a ampliación como un xeneroso aínda que caro rescate da Europa secuestrada, a fin da Europa dividida, pásase por alto que unha nova e enorme demarcación de máis de 4.000 km, está a se espallar do Báltico ó Mar Negro, e que tan importante é quen está dentro coma quen queda fóra dela. Daquela, esta forma de reorganización xeopolítica do continente leva tamén no seu cerne a definición dos grandes estados “externos” da Unión: Turquía (polo de agora), Ucraína, ¿Balcáns?, e, máis aló, a Rusia.

As autoridades de Ankara (o semicandidato nº 13) seguiron moi de preto o cumio de Niza e non tardaron en reaccionar. Rebordar o límite da cristiandade ha se-lo tributo para que a OTAN apoie no futuro a “defensa europea”. Xa en novembro de 1999 (un mes antes de que o cumio de Helsinki entreabrise as portas á candidatura de Turquía), o premio Carlomagno, Bill Clinton, adiantaba no cumio da OSCE en Estambul que “a nova Europa ceibe e unida DEBE incluír a Turquía”.

A grande Ucraína achégase progresivamente a Occidente; é obxecto dunha moi ampla estratexia da UE, que contempla dende a súa posible participación en misións de Petersberg da PESC, a creación no futuro dunha zona de libre comercio UE-Ucraína, pasando polo proxecto TRACECA de construcción dun corredor entre Asia Central e Europa lanzado pola UE coa colaboración atlántica (Ucraína ten un acordo de participación coa OTAN dende xullo de 1997) ata as moi importantes negociacións en temas de xustiza e interior. Polo momento, Hungría e Eslovaquia xa introduciron visados ó paso dos seus cidadáns, mentres Polonia resiste aínda as presións de Bruxelas para que faga o mesmo. Fálase inclusive dun Servicio Europeo de Protección de Fronteiras. O mapa de visados fai tanxible e material a realidade da “Europa fortaleza”.

A reorganización debe ser total e “o outro lado” tamén se move. A xeito de exemplo, o proxecto de unión confederal Rusia-Belarús (decembro de 1999), ademais do seu valor estratéxico-militar perante a ampliación da OTAN, rescataría tamén Kaliningrado, a provincia rusa separada do groso do país por territorio belarús, letonio e mais lituano, que Moscova arela converter en zona piloto da cooperación interrexional coa UE. A Historia amosa que non hai corredor sanitario perfecto no seu hermetismo.

Pola súa banda, o actor paciente (aínda que xa ten números en Niza), os países liberados, agora liberalizados, denominados na xerga comunitaria PECOS (o cal nos proporciona unha nova sigla que designa unha ducia de países coma se fosen unha mesma cousa) levan dez longos anos dende a data máxica cunha cativa marxe de auténtica liberdade para deterse a pensar na súa propia identidade. O inmediato plano de choque FMI-UE fixo do retorno a Europa o eixe central e teimundo do seu proceso de modernización, e esta non semella se-la mellor maneira de atopar esa sociedade civil que, por outra banda, é tamén o suxeito ausente de cincuenta anos de construcción europea occidental.

As negociacións de adhesión han continuar no decurso do vindeiro quinquenio, arestora nin Günter Verheugen, comisario europeo para a ampliación, nin ningún outro oráculo comunitario se compromete a dar unha data efectiva nin ós máis “adiantados” (Hungría, Polonia, Chequia, Eslovenia, Estonia e Chipre) nin aos máis “atrasados” (Romanía, Eslovaquia, Letonia, Lituania, Bulgaria e Malta).

Namentres, as fronteiras da nova periferia do Leste continuarán armándose cos infravermellos de Schengen e negociaranse e imporanse ferintes períodos transitorios. Trátase o desencanto con novas vías de colaboracións e integracións parciais e temporais dos candidatos. O chanceler Schröder recolleu ó cabo o froito do investimento económico que Alemania fixo na UE, recobrando a iniciativa política e propoñendo un período transitorio de 7 anos (a partir da adhesión) para a libre circulación de traballadores.A existencia de 3, 8 millóns de parados (a meirande parte nos länder do Leste) limitan a súa capacidade de acollimento. Fontes da Comisión cualificaron de “útil” esta proposta.

En resumo, o proceso de reestructuración postcomunista como extensión territorial de Occidente e a adaptación á mundialización, á súa vez, adaptación última e ultraperfeccionada do capitalismo vencedor, será longo e complicado no vello continente, en tanto que resucitará e activará vellas formas de división. Os vellos debates sobre a falla de lexitimidade democrática e de proxecto político da Unión Europea están xa gastos, porque converteu estas eivas na virtude elixida como instrumento do seu desenvolvemento futuro.