"O mesmo Deus creou a Satán porque estaba farto dos anxos cantores e eloxiosos. Si o reino dos ceos non pode pasarse sen oposición, ¡canto menos pode facelo un goberno humano e secular!”, así o cría o escritor chinés Lin Yutang, o que non lle impedía afirmar igualmente que “cada vez que contemplo unha campaña electoral en EUA perdo fe na democracia"...
"O mesmo Deus creou a Satán porque estaba farto dos anxos cantores e eloxiosos. Si o reino dos ceos non pode pasarse sen oposición, ¡canto menos pode facelo un goberno humano e secular!”, así o cría o escritor chinés Lin Yutang, o que non lle impedía afirmar igualmente que “cada vez que contemplo unha campaña electoral en EUA perdo fe na democracia"...
A obsesión por eliminar de raíz calquera oposición parece estar detrás das condenas ditadas contra varios letrados chineses acusados de intento de “subversión do poder do Estado”. As sentenzas aluden a actividades relacionadas coa mobilización de opositores e o apoio a protestas que puidesen derivar nunha “revolución de cor”, conivencia con forzas estranxeiras anti-China ou incitación ao odio contra o goberno. Segundo a información oficial, os condenados “confesaron os seus crimes e comprometéronse a non apelar”. Eles mesmos encomiarían a lexitimidade e xustiza do proceso.
As sentenzas culminan unha longa campaña de hostilidade contra aqueles que intentaron explorar as posibilidades de exercer certa contestación aproveitando a aparente ambigüidade suxerida tralas proclamas do Estado de dereito da nova dirección chinesa. A mellora das condicións xerais para o exercicio da avogacía foi un dos liñamentos da reforma xudicial, pero desbotando, tamén neste caso, calquera aceno de independencia.
O momento elixido abunda nos intentos de silenciar calquera crítica ao goberno. Tras desautorizar as “discusións indebidas” no seo do Partido e chamar aos principais medios de comunicación a aliñarse tralas súas posicións multiplicando os controis sobre toda información sensible, estas sentenzas envían unha clara mensaxe á oposición externa en vésperas dun novo pleno do Comité Central que inaugurará un ano político transcendente para Xi Jinping, pois culminará co XIX congreso a celebrar no outono de 2017.
Os avogados condenados participaran en numerosos casos relevantes, incluíndo os relativos ao leite infantil contaminado en 2008 (seis nenos mortos e 300.000 enfermos) ou tiveron na súa carteira a clientes como Ai Weiwei ou membros de Falun Gong e outras seitas ou confesións relixiosas. A sentenza pon de manifesto un rotundo límite ás posibilidades do xogo legal incluso cando simplemente trátase de obter reparacións ante escándalos orixinados polo deficiente funcionamento dos servizos públicos. Para o goberno, máis que a procedencia do caso é relevante a presenza de opositores políticos que tratarían de aproveitar ditas fendas para poñer en cuestión a súa lexitimidade. O recurso ás confesións televisadas retrotráenos a tempos que criamos superados.
As motivacións políticas están detrás destes fallos. O eco internacional das condenas ofusca novamente a imaxe de China e descualifica calquera esforzo do PCCh por modernizar o sistema político do país con medidas de alcance. Os seus infranqueables límites non son unha mostra de fortaleza senón de debilidade.