Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, figura clave na preservación e promoción da identidade galega e o seu patrimonio cultural, naceu o 30 de xaneiro de 1886 en Rianxo, Galicia.
Destacado escritor, ilustrador, pintor e político, foi membro do Partido Galeguista, desempeñouse como deputado nas Cortes españolas durante a Segunda República e continuou as súas actividades políticas en 1940 desde o exilio en Buenos Aires trala Guerra Civil Española (1936-1939) e o posterior réxime franquista. Desde alí continuou defendendo a cultura e os dereitos dos galegos e loitando polo logro da autonomía galega ata a súa morte, acaecida o 7 de xaneiro de 1950.
Ao ser emigrante e tamén exiliado, as súas vivencias biográficas impregnaron decisivamente a súa percepción e a súa sensibilidade fronte a esas cuestións. Moitas das súas temáticas e opinións sobre a emigración vinculáronse ás súas propias vivencias. Os seus pais trasladáronse con el a Arxentina onde viviu aproximadamente entre 1896 e 1900. Alí aprendeu castelán ao cursar a escola primaria aínda que vivía nunha comunidade pechada galegófona.
Ao seu retorno a España, a diferenza doutros pensadores e intelectuais galegos non fixo uso da caricatura do emigrante retornado de éxito -como o seu propio pai- que accedeu en dúas oportunidades á alcadía de Rianxo.
Se acompañamos a Castelao na última década da súa vida, transcorrida en Buenos Aires, observamos o seu dilema entre o seu posicionamento como artista ou como político que el mesmo sinalou como facetas inseparables da súa actividade. No tocante á primeira, hai que constatar que nestes anos a súa produción pictórica tivo menos importancia -Castelao estaba practicamente cego cando chegou á Arxentina- e abandonou a pintura cara 1945 tras producir o seu gran óleo “A derradeira lección do mestre”, exposta en forma permanente no Centro Galicia de Buenos Aires.
No ámbito da escritura xa é imposible separar o intelectual do político. A súa obra escrita pode clasificarse en artigos e ensaios breves publicados en “A nosa terra”, publicación da Irmandade Galega de Buenos Aires e que el dirixiu durante os anos 1942 a 1948. Apareceron escritos seus noutras publicacións como Galeuzca (en Buenos Aires en 1945-46). A actividade oratoria de Castelao tamén foi moi intensa, tanto con textos de conferencias e intervencións orais, como con capítulos de “Sempre en Galiza”, libro que apareceu en 1944 editado polo Centro Ourensán de Buenos Aires baixo o selo As Burgas.
A análise da actuación política de Castelao incluíu a reconstrución do Partido Galeguista, que abarcou á emigración previa a 1936 e á do exilio posterior a esta data en distintos lugares de América e as relacións coa resistencia galeguista clandestina no interior. Castelao mantivo unha correspondencia intensa cos galeguistas da resistencia interior e cos do exilio, como con Xohán López Durá, delegado do Consello de Galicia en México.
A actuación política de Castelao enfocouse en dous grandes obxectivos: defender a autonomía de Galicia, conquistada política e xuridicamente en 1936 e fortalecer a conciencia nacional do emigrante mediante a difusión da cultura galega. Con este obxectivo a finais de 1941 organizou a mencionada Irmandade Galega, máis cultural que política, na que militaba o núcleo máis íntimo dos seus seguidores e que se orientaba máis cara á colectividade emigrante que cara aos exiliados. Impulsou a creación de Centros provinciais como o Centro Ourensán, o Centro Pontevedrés, ambos en 1941 e un ano despois o Centro Lucense. Houbo enfrontamentos entre estes centros ―controlados por Castelao― unidos á Irmandade Galega contra a Federación de Sociedades Galegas que terminaron separándose en 1944-45. Aínda que Castelao coidouse de entrar en polémica aberta cos dirixentes da Federación, a súa posición concitou o desacordo de amplos sectores do galeguismo porteño. Estas discrepancias foron voceadas con especial énfase por Eduardo Blanco Amor, que chegou a dirixir a súa censura directamente ao propio Castelao.
De todos os xeitos a contraposición logrou reivindicar unha nación negada pola historia á vez que lexitimaba a personalidade nacional de Galicia en nome do pobo e da cultura.
Castelao forxou política sen deixar en ningún momento de tecer cultura, pero é, sobre todo, unha figura que se converteu nun símbolo con aureola do mito.
Como complemento á súa prolífica obra non desexo deixar de mencionar que Castelao tamén propuxo unha bandeira galega que substitúe os elementos relixiosos por outros que consideraba máis afíns ao pobo galego: unha sea loura como tenante heráldico, unha estrela vermella de cinco puntas e unha fouce de ouro emprazada en vertical sobre un campo de azur, elementos presentes en escudos representativos dos Mariño e Lobeira de Rianxo. Tiven ocasión de admirar esa bandeira con detemento, transformada en mosaico, no restaurante “13”, fronte ao convento de Santa Clara en San Roque, Santiago de Compostela.
En 1984, os restos de Castelao foron trasladados desde Buenos Aires a Santiago de Compostela –non sen controversias- e depositados no Panteón de Galegos Ilustres no cemiterio de Bonaval, xunto aos de Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas, Francisco Asorey e Alfredo Brañas.
En 2011 a Xunta de Galicia declarou a súa obra como Ben de Interese Cultural inmaterial.
Nota da autora: Non recibín ningún tipo de compensación (económica ou non) por escribir este artigo, non teño conexión material coas marcas, produtos ou servizos que mencionei e a miña opinión é independente.