20060214mani a corunha bolkestein012

Adeus á Europa social

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Contra a Directiva Bolkestein, clic para aumentar
Con Bolkestein na UE todo se poderá mercar e vender. A sanidade, a educación, a cultura, o transporte, a auga… todo o que os avutres financeiros chaman servizos pasan ao taboleiro de xadrez neoliberal. (Foto: Manifestación convocada pola CIG contra a Directiva Bolkestein en A Coruña o 14 de febreiro de 2006. ©Paula Castro/galizacig.com).
 

Paso definitivo. O día 15 o Parlamento Europeo (PE), dirixido polos donos da UE "o Consello, a Comisión e as empresas ás que representan", aprobou a escandalosa directiva Bolkestein sobre comercio de servizos no mercado interior. Fíxoo logo dunha cínica alianza entre conservadores, liberais e socialistas, que pasou por riba das protestas cidadás introducindo pequenas variantes no proxecto inicial, practicando o silencio informativo e levando o da democracia representativa até límites case ditatoriais. O PE esqueceu á mantenta os compromisos que aprobara en febreiro, claudicando perante as imposicións que o Consello argallou en xullo. Unha decisión que anula pola brava a libre escolla dos que dixeron non á Constitución Europea nas urnas, dos que levaban a Europa social por bandeira.

Con Bolkestein na UE todo se poderá mercar e vender. A sanidade, a educación, a cultura, o transporte, a auga… todo o que os avutres financeiros chaman servizos pasan ao taboleiro de xadrez neoliberal. E as transnacionais e os do cumio da nosa bicuda pirámide social levan brancas e negras. Coa súa entrada en vigor no 2009, non o dubiden, medrarán as deslocalizacións, os salarios lixo, a deficiencia nos servizos públicos, as fraudes á seguridade social "ou ao que quede dela" e aos poucos veremos a fin da sociedade do benestar.

Ten razón Carlos Taibo ao afirmar que Bolkestein non é que permita as privatizacións, é que as estimula, por non dicir que as esixe. Todo sairá a pública subasta e todo se xestionará dende o principio da rendibilidade económica no canto do beneficio social. Os servizos son un negocio fabuloso, e seguro. Perante a crise da produción industrial supoñen preto do 70% do PIB e xeran a meirande parte de empregos. Son, asemade, imprescindíbeis para a xente.

Bolkestein foi un engano dende o principio. Negociouse ás agochadas, como o Acordo Xeral sobre o Comercio e Servizos "o famoso GATS, en inglés" da OMC, derradeiro golpe dese neoliberalismo que, como di Galeano, puxo o mundo patas arriba. Usou como carnada o "principio do país de orixe" para convencer aos inxénuos "e intitucionalizados" sindicatos coa vella fórmula de "pide o dobre para que che dean a metade" e por fin socavou a vontade popular cunha esperpéntica representación parlamentaria con actores de soldos millonarios. Entusiastas de Europa, velaí a vosa Unión!