Un país, dous presidentes

 Proclamación López Obrador presidente de México, clic para aumentar
O luns 20, coincidindo co 95 aniversario da Revolución Mexicana, Andrés Manuel López Obrador (AMLO, polo seu acrónimo) adiantouse a Calderón e proclamouse presidente "lexítimo" do país.
 

O próximo venres debe producirse o relevo na presidencia mexicana. Vicente Fox entregará a Felipe Calderón o bastón de mando e con el unha morea de problemas engadidos que advirten dun México enredado nunha crise institucional e social de grandes proporcións. O luns 20, coincidindo co 95 aniversario da Revolución Mexicana, Andrés Manuel López Obrador (AMLO, polo seu acrónimo) adiantouse a Calderón e proclamouse presidente "lexítimo" do país. As medidas de seguridade adoptadas polo gabinete de Fox para contrarrestar o anuncio de AMLO de impedir a asunción da presidencia polo seu rival, son espectaculares. O Palacio de San Lázaro é un autentico búnker. Calderón gañou por menos dun punto de diferenza nas eleccións do pasado 2 de xullo. A negativa das autoridades electorais a facer un reconto non desactivou as denuncias de fraude da oposición e pode saír moi custosa a México.

O legado de Fox é un país en crise aberta, quizais macroeconomicamente estabilizado pero sen avances, coas grandes reformas pendentes, politicamente polarizado e cunha grave crise de seguridade arredor do narcotráfico. México rexistra a diario máis mortos por causa da droga que EEUU na guerra de Iraq. Ao conflito sen saída de Chiapas sumouse o de Oaxaca. A maiores, Fox, aumentando os prezos de artigos básicos (leite, gasolina, as tortillas, etc), iso si, despois das eleccións para non restar votos a Calderón, candidato polo seu mesmo partido, o PAN, deu azos a máis descontento social.

O pronunciamento de López Obrador non é un brinde ao sol. No Zócalo, ante milleiros de persoas, prometeu impedir o programa de privatizacións de Calderón e defender unha política social. O seu gabinete na sombra, integrado por doce científicos e intelectuais, marcará de preto as accións do novo goberno. Arredor da protesta, López Obrador agrupa todo un movemento social que lle está a dar as costas á institucionalidade oficial. A actitude de Fox foi a de ignorar os requirimentos da oposición, e está por ver se esa vai ser a mesma actitude de Calderón, quizais confiando en que o paso do tempo peche as feridas. Un terzo da cidadanía deste país, cando menos, non lle recoñece a Calderón lexitimidade política para gobernar. Como destacaba o semanario mexicano Milenio, Calderón será, como moito, un semi-xefe de Estado. Por iso, a herdanza de Fox vai ser un pesado fardo para o seu sucesor e para toda a sociedade mexicana.