Ninguén o desexaba, pero o escenario político que deixaron as eleccións do pasado domingo celebradas en Alemaña era previsible, sobre todo, na última semana, onde afloraron as principais tendencias que logo se confirmaron: vitoria pírrica da CDU, remontada insuficiente do SPD "en parte, probablemente, pola irrupción de Oskar Lafontaine", aumento dos liberais, mantemento á baixa dos Verdes "en quinta posición", e a resistencia alcista da alianza de esquerda non socialdemócrata. A converxencia aritmética desas variables é complexa e a forma concreta en que se poden materializar as alianzas, ante todo, incerta. O empate técnico entre Merkel e Schröder e a reivindicación por parte de ámbolos dous do propósito de formar goberno engade unha maior confusión. Por último, non debemos esquecer que faltan os resultados de Dresde, que se resolverán dentro de dúas semanas.
Nas reaccións europeas chama a atención que ninguén sabe a quen felicitar e todas as proclamas oriéntanse a reclamar a pronta formación dun goberno estable para non agravar a delicada crise continental. A unión nunha gran coalición, desexada pola gran patronal xermana, adquire o perfil dunha entente case crítica, e non parece que as dificultades coñecidas (desemprego, estancamento, etc) sexan para tanto. Mesmo podería producir o efecto contrario ó desexado e levar á parálise a acción de goberno, ante a dificultade de acordar métodos e receitas que durante a campaña procuraron diferenciarse con moi relativo éxito. Schröder xa adiantou que unha gran coalición, de darse o caso, pasaría por situalo a el á fronte do gabinete, requirimento difícil de aceptar por parte da CDU, que gañou, anque polo momento e pola mínima, despois de contar cunha vantaxe inicial de ata vinte puntos nas enquisas.
Se un acordo entre os grandes é complexo, a dificultade non é menor entre as formacións mais pequenas. Os liberais inclínanse pola CDU, pero Guido Westerwelle non descartou un achegamento ó SPD, levantando non poucas irascibilidades no seu partido. En ámbolos dous casos sería insuficiente. Tampouco chegaría o acordo só cos Verdes, claramente decantados do lado socialdemócrata. Finalmente, é pouco probable que os 54 deputados do Partido da Esquerda apoien calquera das dúas posibilidades, aínda que moitos len os resultados en clave de freo da política neoliberal abandeirada por Merkel. As dificultades de entendemento cos pequenos partidos para construír unha maioría suficiente pode atopar terreo abonado para impulsar a gran coalición, por razón de Estado, que din algúns. Pero se chegado o 18 de outubro non hai acordo, a única saída é realizar novas eleccións.
A mensaxe do electorado alemán é difícil de interpretar, pero semella que primaron o pesimismo, a desconfianza ante os grandes partidos e os temores ante a crise económica e a perda do Estado de benestar. Existe na sociedade alemá conciencia da necesidade de introducir certas reformas, pero as consecuencias provocan desasosego. Hai unha grande incerteza respecto do camiño a seguir. E outra grande incerteza: as transformacións que se albiscan esixirán sacrificios, no fundamental, aos de sempre. Pedir entusiasmo semella excesivo.