Unha reflexión de Javier López Prol
Gráfica 1. Exportacións e importacións de bens e servizos no Estado español no período 2000-2013 (eixo dereito, milleiros de millóns); e saldo do comercio de bens e servizos (eixo esquerdo, milleiros de millóns). Prezos constantes de 2005.

Balanza comercial española na última década: crise e superávit

A balanza por conta corrente dun país está formada por catro subbalanzas: a conta comercial ou de mercancías, a conta de servizos, a de rendas e a de transferencias correntes. Aínda que a convencionalmente denominada balanza comercial só inclúe comercio de bens, no presente estudo analizamos conxuntamente as exportacións (X) e importacións (M) de mercancías e tamén de servizos polo peso decisivo que estes teñen na economía española (turismo).

Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego
  1. Limiar

A balanza por conta corrente dun país está formada por catro subbalanzas: a conta comercial ou de mercancías, a conta de servizos, a de rendas e a de transferencias correntes. Aínda que a convencionalmente denominada balanza comercial só inclúe comercio de bens, no presente estudo analizamos conxuntamente as exportacións (X) e importacións (M) de mercancías e tamén de servizos polo peso decisivo que estes teñen na economía española (turismo).

Na gráfica 1 podemos observar, por tanto, as exportacións e importacións de bens e servizos do Estado español en milleiros de millóns de euros, así como o saldo destas dúas magnitudes, que será o que nos indique o superávit ou déficit do comercio de bens e servizos en cada ano. Este exprésase usualmente en porcentaxe do PIB, aínda que na gráfica figura o saldo neto en valores absolutos. Ambas magnitudes están expresadas en termos reais para eliminar o efecto dos prezos e realizar así unha análise máis rigorosa.

  1. Evolución do saldo das exportacións netas de bens e servizos

Observamos que no ano 2000 as M superan levemente ás X. Existe, por tanto, un moderado déficit comercial[1] (X-M<0), que se mantén aproximadamente durante os dous anos seguintes. A partir de 2003, sen embargo, as X e as M empezan a distanciarse a un ritmo cada vez maior, o que supón un aumento do déficit comercial. Precisamente, este incremento do déficit comercial coincide co período de formación da burbulla inmobiliaria, que supón un notábel incremento do PIB e un aumento incluso maior da demanda interna (gráfica 2). Precisamente este avultado incremento do déficit comercial supón un endebedamento excesivo dos axentes económicos internos, principalmente os relacionados cos sectores en auxe: inmobiliario e financeiro.

Xa que logo, observamos cómo perante a época de auxe xerada pola burbulla aumenta o déficit comercial de forma rápida e continuada. Este ten o seu máximo no ano 2007, coincidindo co estoupido da burbulla inmobiliaria e o comezo da crise económica. Estes dous elementos son as dúas caras da mesma moeda: o auxe da construción non podería ter existido sen o endebedamento exterior potenciado polo déficit comercial (que debe ser compensado por financiamento externo, é dicir, endebedamento); e á súa vez o estoupido da crise non é senón consecuencia dese sobre endebedamento xerado pola burbulla inmobiliaria. En 2007-2008 prodúcese o shock da economía real, paralizándose o crecemento do PIB e da demanda interna (gráfica 2). En 2009 prodúcese o peor ano da recesión económica, contraéndose o PIB real e a demanda interna nunha proporción incluso maior. A caída en picado da demanda interna, producida polo incremento do desemprego e a paralización da actividade económica supón unha importante diminución das importacións. Tamén diminúen as exportacións polo descenso da demanda externa provocado pola crise internacional, pero esta faino en menor medida, polo que o resultado final nese ano é unha diminución do déficit comercial.

Aínda que en 2010 fréase o descenso do PIB e se recupera levemente a demanda interna, o proceso de contracción materialízase de novo a partir de 2011 con descensos do PIB e unha contracción moi acusada da demanda interna (gráfica 2). Este descenso brusco da demanda interna supón unha diminución correlativa das importacións, mentres que as exportacións vanse recuperando paulatinamente en consonancia coa recuperación da economía mundial e o aumento da demanda externa.

A partir de 2010, por tanto, como consecuencia da diminución da demanda interna e por tanto das importacións, e a recuperación das exportacións, prodúcese unha progresiva redución do déficit, que se fai cero en 2012. A partir de 2012, as exportacións de bens e servizos superan as importacións polo que se produce un superávit no comercio de bens e servizos por primeira vez dende 1997.

  1. Interpretación da tendencia

Hai que ser coidadosos á hora de analizar os datos anteriormente expostos, pois dáse un paradoxo segundo o cal un galopante déficit comercial coincide cun incremento do PIB, ao mesmo tempo que contribúe á xestación dunha crise financeira e económica que estoura en 2007, e é asemade o agravamento da crise económica interna a que permite a corrección do déficit de bens e servizos e incluso a consecución dun superávit, ao coincidir este agravamento interno cunha recuperación internacional. Por tanto, non é correcto interpretar a corrección deste déficit como un signo de recuperación económica. Mais ao contrario, o que se observa é que precisamente este superávit no comercio de bens e servizos é posíbel debido á contracción da demanda interna. Esta brusca contracción da demanda interna prodúcese como consecuencia do incremento do desemprego, as políticas fiscais restritivas (incremento dos impostos e redución do gasto público) e as reformas laborais (en tanto en canto diminúen a capacidade de compra dos traballadores). Todas estas medidas conflúen na contracción da demanda interna e, consecuentemente, da importacións. Dáse polo tanto o paradoxo de que é precisamente a crise económica interna a que provoca unha melloría do saldo comercial. A esta mellora tamén contribúe un incremento das exportacións nun contexto de recuperación da demanda mundial. Especialmente relevante é no caso español o pulo que supón o turismo como exportación de servizos que permite acelerar esa corrección do déficit.

Sería interesante dilucidar en qué medida as políticas de deflación interna teñen contribuído ao incremento das exportacións, e en qué medida este se debe a factores esóxenos (recuperación da economía mundial, incremento da demanda externa, etc.). Isto necesitaría unha análise en maior profundidade. O que si é evidente é que esas políticas de deflación interna son en gran medida as causantes da brusca caída da demanda interna e das importacións. Isto favorece a consecución do superávit comercial, mais a costa do empeoramento do poder adquisitivo e do nivel de vida dos traballadores. Ademais comprobamos que a  caída da demanda interna é maior que o incremento das exportacións, polo que incluso no caso de que a totalidade do incremento das exportacións se debera ás medidas de deflación interna (o cal é ilusorio), estas provocaron un efecto neto negativo sobre o PIB real, o cal prexudica a recuperación económica e agrava o problema do endebedamento público (xa que este se mide como porcentaxe do PIB). Aínda que a corrección do déficit comercial é necesaria, a consecución dun superávit no comercio de bens e servizos non pode ser interpretada como un signo de recuperación, xa que este se conseguiu a costa da degradación da economía interna.

Gráfica 1. Exportacións e importacións de bens e servizos no Estado español no período 2000-2013 (eixo dereito, milleiros de millóns); e saldo do comercio de bens e servizos (eixo esquerdo, milleiros de millóns). Prezos constantes de 2005.

 

Gráfica 2: Demanda interna (excluíndo cambios de inventario) e PIB real. Milleiros de millóns de euros. Prezos constantes 2005.

 


[1] Aínda que o superávit/déficit comercial refírese só ao comercio de mercancías, como xa se mencionou no limiar utilizamos aquí esa nomenclatura para referirnos ao comercio de bens e tamén de servizos.