Sobre o recente cumio da APEC (Foro de Cooperación Económica de Asia-Pacífico) celebrado en Shanghai entre os días 20 e 21 deste mes, planeou a sombra da guerra contra Afganistán (¿contra o terrorismo?). A China, unha vez máis, distanciouse do discurso de Bush, enfatizando a necesidade de que a ONU asuma un papel protagonista na resposta. A Rusia de Putin, pola contra, pechou fileiras arredor de Washington. Taiwán, en precampaña para as eleccións lexislativas de decembro, non enviou o seu representante como protesta polo veto continental.
A importancia da APEC para China é decisiva. O oitenta por cento do volume do seu comercio exterior e o noventa por cento dos investimentos no exterior teñen como escenario os países desta rexión. O Foro, creado en 1989 e no que, con Taiwán e Hong Kong, se integrou a partir de 1991, reúne a un total de vinteún países para promover a cooperación económica rexional, non a integración. Reunirse en Shanghai, na véspera do seu ingreso na OMC, contribúe a afortalar unha cidade, sen dúbida a máis beneficiada pola política de reforma e apertura, que experimentou enormes cambios nas últimas décadas e considerada coma o mellor exemplo dos resultados do denguismo. Por outra banda, a elección de Shanghai evidencia o interese das autoridades chinesas en respostar á agudización da competencia cos países do sudeste asiático cos que rivaliza cada vez máis no ámbito das exportacións (producen artigos moi similares) e na captación de fondos foráneos.
Pero os asuntos económicos previstos na axenda resultaron en boa medida opacados pola guerra contra Cabul. Certamente, Beijing non é indiferente a canto aconteza en Afganistán, especialmente pola súa influencia na provincia de Xingjiang, poboada por uigures turcófonos e musulmans que contan con movementos armados de signo independentista. En xullo de 2000, a capital de Tadxiquistán, Dushambé, acolleu a quinta cimeira do grupo coñecido coma “Os cinco de Shanghai” (Rusia, China, Kirguistán, Tadxiquistán e Kazastán) creado en 1996 na métropole chinesa co obxectivo de arranxar os conflictos fronteirizos e asegurar a estabilidade da rexión. Os participantes nese encontro expresaron xa daquela a súa firme determinación de loitar contra o terrorismo internacional, asumindo a programación de actuacións conxuntas e coordinadas. Á marxe do Grupo dos cinco, o presidente chinés mantivo contactos bilaterais cos seus socios rusos, pero sobre todo cos asiáticos (Tadxiquistán e Turkmenistán).
Pero as autoridades de Zhonnanghai non cren na eficacia do armamento ultramoderno occidental, sospeitan das últimas intencións da Casa Branca e lembran a Bush os criterios estratéxicos de Sun Tzu e o seu arte da guerra: “os guerreiros victoriosos vencen primeiro e despois van á guerra, mentres que os guerreiros vencidos van primeiro á guerra e despois intentan vencer”. Sabiduría milenaria para a primeira guerra do novo milenio.