Colombia desconxela o proceso de paz

Apartados xeográficos Latinoamérica ARQUIVO
Idiomas Galego

Tres veces, tres… se reuniu o conservador presidente colombiano co xefe das FARC-EP (Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia-Exército popular) dende a súa chegada ao poder o 7 de agosto de 1998.. O proceso de paz estaba en vía morta. O 14 de novembro as FARC, plantexaron a neutralización dos poderosos paramilitares e a paralización do Plano Colombia como paso previo a calquera reinicio de conversas. Certo que Pastrana e Tirofijo precisaban retomar o liderado para tapar bocas de contestación interna, pero a paulatina internacionalización do conflicto e o distanciamento europeo, a respecto da estratexia americana, aparecen como explicacións máis solventes no alumeado nos “Acordos de Los Pozos”.

Todas as cámaras enfocaban cara a Andrés Pastrana para captar o instante no que se produciría o contacto físico entre as cabezas visibles do conflicto armado cando, de súpeto, o rostros de sorpresa se apoderaron dos xornalistas ao asistiren, en directo, á aparición do Guerrilleiro-Comandante do Bloque Oriental Jorge Briceño, coñecido por todos como “Mono Jojoy”. Hai escasamente unha semana, os xefes da III Brigada do exército colombiano certificaban a súa morte “nun turbio episodio de ciumes, namoramentos e sexo”. O xefe guerrilleiro ao que algúns sitúan no sector crítico co proceso de paz, non se separou de “Tirofijo” e ironizou sobre o seu retorno ao mundo dos vivos. “Estaba morto, mais resucitei hai uns días para non perderme este transcendental momento”.

O abismo entre as posicións da guerrilla e do goberno é inmenso. Abarca doce puntos da extensa orde do día pactada para a negociación baixo o lema “Axenda para unha Nova Colombia” (educación, economía, sanidade, reforma agraria, dereitos humanos, fumigacións dos campos de coca….), pero hai dous temas nos que son especialmente inflexibles: O Plano Colombia impulsado polos EEUU co pretexto da erradicación da coca e que está a militarizar a zona con potente material armamentístico;e a impunidade dos paramilitares, denominados Autodefensas Unidas de Colombia, nas que militan máis de 8000 mercenarios, pagados por terratenentes e narcotraficantes, practicando a masacre colectiva como xeito de amedrentar aos campesiños, sen que o exército colombiano se inmute.

O número de víctimas mortais dun conflicto, camiño da súa cuarta década, sitúanse nun amplo abano, entre as 45.000 e ás 130.000. O dos desprazados, por mor do conflicto, nuns dous millóns de persoas. Razóns máis que suficientes para deter o enfrontamento armado.

Pero, detrás dos 13 puntos que se negociaron a 700 quilómetros de Bogotá, plasmados nos acordos de “Los Pozos” e asinados en Villa Nueva Colombia, pódense atopar novos movementos na política internacional. As víctimas do enfrontamento están traspasando as fronteiras dos países veciños como Perú, Brasil, Panamá ou Venezuela, provocando friccións diplomáticas e negras expectativas de estabilidade na zona. Tampouco pode esquecerse que o Plano Colombia, ao que está previsto destinar 1.300 millóns de dólares co obxectivo de financiar a chegada da paz, é visto como un billete seguro cara a guerra por moitos analistas, como unha mutación da omnipresencia do veciño do norte en importantes sectores políticos latinoamericanos, e con enorme desconfianza dende Europa que foi escenificada no Parlamento Europeo.

A ferradura que atopou e gardou Pastrana nada máis baixar do helicóptero pode presaxiar un bo reencauzamento no camiño da paz.

Nas prolongadas sobremesas de típicos almorzos con carne agridoce ou asada, patacas á francesa, e tortas… saíron novos puntos de encontro:

Os insurxentes poderán seguir controlando, gobernando e administrando a “Insua das FARC”, os 42.000 km2 que o goberno desmilitarizou en xaneiro do 99 para evitar enfrontamentos armados durante as negociacións. O 8 e marzo un grupo de países amigos e organismos internacionais visitarán a zona para verificar a marcha do proceso e implicarse na busca de camiños de paz. O abordamento, na mesa a celebrar o 14 de febreiro, dos mecanismos para rematar co paramilitarismo. Así mesmo, intercambiaranse 500 prisioneiros…

Ningún outro presidente anterior tivera a audacia de reunirse co septuaxenario xefe guerrilleiro dende 1964, ano no que principiou a insurrección armada. En plena caída de popularidade insistiu, a contracorrente, na estratexía de paz e voltou á selva na percura de “Tirofijo” duplo alcume de Manuel Marulanda ou Pedro Antonio Marín. Ningún outro presidente tivera a ocasión de ser protexido das xenerosas chuvias tropicais por unha belida guerrilleira que se apresurou a tapalo co seu manto nada máis botar pe a terra.

A implicación internacional pode estirar, en moitas direccións, o manto de paz que se está a tecer. ¡Que así sexa!