Eleccións en Israel, referendo para a paz

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego

A partir de hoxe comeza unha nova etapa no longo conflicto palestino-israelí. As eleccións antecipadas en Tel-Aviv constitúen algo máis ca un simple proceso electoral e mesmo podería dicirse que consulta de hoxe equival a un auténtico referendo no que os cidadáns israelís deben decidir o futuro do deteriorado proceso de paz.

O actual xefe do Likud, Ariel Sharon, emerxeu durante toda a campaña como o virtual gañador das eleccións. Home de ideas e carácter definidos por todos como intolerantes, rexurdiu das súas cinzas cando ninguén o agardaba, gracias á fuxida pola porta de atrás do seu compañeiro no Likud, Benxamín Netaniahu e ó estrepitoso fracaso da xestión do laborista Ehud Barak. O seu ascenso non é, pois, por méritos propios.

O descrédito laborista incrementouse ademáis pola loita no seo do Partido entre dúas correntes, a partidaria de Barak e a que demanda a súa retirada en favor de Simon Peres (apoiada por sectores internos e externos do partido). Os "baróns" toman posicións para suceder a Barak. Nesa carreira pretende situarse en cabeza o ministro de exteriores, Ben-Ami. A este declive contribuíron tamén os partidos relixiosos moderados que lonxe de colaborar co laborismo optaron por aproximarse aos ultraortodoxos. Aínda que non piden o voto para o líder da dereita, tampouco condenan a Sharon.

A pesar das reiteradas declaracións do actual líder do Likud sobre a súa intención de promover o proceso de paz, ninguén esquece a súa visita á explanada das mesquitas que provocou o comezo da Intifada palestina que dura xa máis de cinco meses.

Existe medo a esta victoria. Os líderes dos países árabes veciños falan non soamente da fin das negociacións, senón tamén dun retroceso sen precedentes. Sharon anunciou o reforzamento dos asentamentos a todo o longo de Cisxordania, Neguev e os polémicos territorios dos Altos do Golán – o que pecharía de golpe a fiestra aberta á paz con Siria, trala sucesión de Al-Assad-. O novo primeiro ministro deberá negociar co parlamento onde está en clara minoría e isa hipoteca pode axudar, sen embargo, a moderar as súas posicións iniciais.

Os países que apadriñan o proceso de paz están expectantes. Aínda que sexan lentos, apostan polos avances. A nova administración americana de Bush II tampouco parece disposta a consentir que a tan fráxil paz de Oriente Medio se esvaia alegremente. Non é a zona ideal para repetir algunhas das tan afamadas "intervencións humanitarias".

A victoria de Sharon pode ser hoxe unha realidade, pero a súa pervivencia á fronte do goberno non promete ser pan comido.