20050917onu iran mahmoud ahmadinejad

De Teherán a Pyongyang

 Mahmud Ahmadinejad, clic para aumentar
¿Será peor Mahmud Ahmadinejad (na foto) que Kim Jon-Il? No recente cumio da ONU, o presidente iraní chegou a propoñer que empresas estranxeiras participasen no programa de enriquecimento de uranio para garantir que este proceso, que sirve para producir o combustible das centrais civís, non sexa utilizado para fabricar armas atómicas. ¿Será esta a razón pola que a UE renunciou ao seu propósito inicial de levar o asunto ao Consello de Seguridade da ONU? ¿Só se trata de intereses comerciais?
 

Corea do Norte e Irán. Os dous forman parte do mesmo eixe do mal e os dous manteñen a mesma aspiración ó desenvolvemento da enerxía nuclear con fins civís, pero o trato que reciben de EEUU e da UE semella ben diferente. Recentemente, nas conversas a seis bandas sobre a desnuclearización da península coreana, Washington chegou a admitir o dereito de Corea do Norte ao uso pacífico da enerxía nuclear e deu plenas garantías de seguridade a Pyongyang. Os norcoreanos recibiron, ademais, a promesa de normalización das relacións diplomáticas e de cooperación en materia comercial e de investimentos, establecendo un punto de inflexión na evolución deste contencioso que en novembro próximo entrará na súa sétima (e probablemente non será a derradeira) rolda de negociacións.

A paciencia e a aposta polo diálogo en Corea, aínda a sabendas dos altibaixos que experimentará o proceso, contrasta coa belixerancia orientada cara Teherán. ¿Será peor Mahmud Ahmadinejad que Kim Jon-Il? No recente cumio da ONU, o presidente iraní chegou a propoñer que empresas estranxeiras participasen no programa de enriquecimento de uranio para garantir que este proceso, que sirve para producir o combustible das centrais civís, non sexa utilizado para fabricar armas atómicas. ¿Será esta a razón pola que a UE renunciou ao seu propósito inicial de levar o asunto ao Consello de Seguridade da ONU? ¿Só se trata de intereses comerciais?

O asunto da proliferación nuclear é un tema grave. Pero está a ser abordado dunha maneira claramente parcial e tendenciosa. En primeiro lugar, non soamente se debería por o acento na non proliferación. O desarme nuclear é un asunto pendiente dende a fin da guerra fría e nada se ten avanzado dende entón. Os maiores posuidores de armas de destrución masiva son os países membros do Consello de Seguridade da ONU. Acúsase a Irán de querer enganar a Occidente, ¿pero non foron EEUU e algúns aliados os que enganaron a toda a opinión pública mundial coa súa afirmación, ratificada por tantos expertos, de que Bagdad posuía armas de destrución masiva? Como poden ter crédito internacional as acusacións de EEUU despois da falacia que supuseron as acusacións contra Iraq? Por outra banda, aínda no suposto de que a pretensión das autoridades iranís sexa a adquisición do arma nuclear, ¿como non advertir neste empeño unha reacción á teimosía de Bush nunha guerra preventiva longamente anunciada co propósito de reordenar Oriente Medio e seguir atenazando a emerxencia china? Como non tomala en serio despois do acontecido en Iraq? Un salto cara adiante, ¿conduciría á confrontación ou a unha mesa de negociación? ¿Por qué non darlle as mesmas garantías de seguridade a Irán que a Corea do Norte?

Europa ten un papel importante na busca dunha solución diplomática en Irán, similar á que China desempeña na península coreana. Pero o papel dalgunhas potencias europeas resulta incomprensible. Parece existir medo a abrir outra fronte de discrepancia con EEUU e óptase por entrar no circulo das declaracións hostís. Rusia e China seguen a defender unha saída negociada, pero precisan do concurso de Alemaña e Francia. A sumisión europea, as súas dificultades para defender un discurso propio e non subordinado á estratexia de Bush, agravará a crise iraniana. Ante o xiro europeo, ¿deixará Teherán de apostar pola creación dun mercado alternativo do petróleo en euros? Ás veces din mais as preguntas que as respostas.