Serie de Análise
flag reino unido

Efecto Bruxelas? A encrucillada da normativa da IA no mundo: 7. Europa (II) Reino Unido: fóra da UE, dentro do xogo

Mentres a UE optou por unha lexislación horizontal e exhaustiva co RIA, o Reino Unido decidiu trazar un camiño diverxente, apostando polo que denomina un “enfoque pro-innovación” (A Pro-Innovation Approach). Esta estratexia caracterízase, ata o momento, pola súa flexibilidade e pola ausencia de novas leis primarias ríxidas que abarquen todos os sectores, preferindo un modelo liderado polos reguladores existentes. A diferenza do modelo de “lista única” de riscos da UE, o marco británico non establece niveis de risco fixos nin prohibicións xerais inmediatas, senón que delega en organismos como a Oficina do Comisario de Información (“ICO” polas súas siglas en inglés), para datos, ou a Autoridade de Competencia e Mercados (“CMA” polas súas siglas en inglés), para competencia, a responsabilidade de crear regras específicas dentro dos seus ámbitos. Este sistema articúlase en torno a cinco principios transversais que estes organismos deben interpretar e aplicar: seguridade e robustez; transparencia e explicabilidade adecuadas; equidade (fairness); rendición de contas e gobernanza; e a posibilidade de impugnación e reparación. Este modelo permite, en teoría, unha regulación máis áxil onde as regras se adaptan ás necesidades específicas de cada industria, evitando o enfoque de “talla única” que os críticos atribúen ao modelo europeo, operando actualmente baixo un réxime de directrices voluntarias ou soft law.

Emporiso a postura de “mans libres” do Reino Unido está a evolucionar cara a un marco estatutario máis firme, ante o recoñecemento de que as directrices voluntarias poden ser insuficientes para garantir a seguridade xurídica e a confianza pública. Neste contexto aprobouse o Artificial Intelligence (Regulation) Bill, un proxecto de lei que busca formalizar a gobernanza da IA introducindo figuras e obrigas máis estritas. Este texto propón a creación dunha Autoridade de IA (AI Authority) cuxas funcións incluirían asegurar a aliñación entre os distintos reguladores e realizar análises de lagoas normativas. Algunhas novidades son a obriga para certas empresas de designar un “oficial responsable de IA” (AI responsible officer) encargado de garantir o uso seguro e ético da tecnoloxía, así como normas de transparencia que obrigarían a subministrar á Autoridade un rexistro de todos os datos de terceiros e propiedade intelectual utilizados no adestramento dos modelos, asegurando o consentimento informado. O proxecto tamén promove a colaboración obrigatoria para crear sandboxes de regulamentación [entorno de proba controlado] proba seguros] onde as empresas poidan experimentar as súas innovacións en condicións seguras.

Conclusión

Aínda que o Reino Unido busca diferenciarse para atraer investimento, non é inmune ao efecto Bruxelas. A natureza transnacional da economía dixital implica que moitas empresas británicas que desexen operar no mercado único europeo deberán cumprir de facto cos estándares do RIA, o que podería levar a unha aliñación normativa práctica independentemente da diverxencia formal de Londres. De feito, iniciativas como o Algorithmic Transparency Recording Standard Hub (ATRS) [Centro do Estándar de Rexistro da Transparencia Algorítmica], que obriga aos departamentos do sector público a publicar información sobre as ferramentas algorítmicas que utilizan, xa mostran paralelismos coas esixencias de transparencia características da Unión Europea. Isto demostra que, malia a retórica de diverxencia e flexibilidade, a gravidade normativa da UE e a necesidade de interoperabilidade global seguen a exercer unha influencia innegábel na configuración real da normativa británica.

Accede ao conxunto da serie desde a ficha da autora