Este artigo fai parte do IGADI Annual Report 2025-2026
O novo mundo: Multipolaridade inestable nun sistema internacional en conflito — IGADI Annual Report 2025-2026

Gaza, xenocidio e “proceso de paz”: balance de 2025 e perspectivas para o 2026

O ano 2025 marcou un punto de inflexión no conflito en Gaza. Case dous anos despois do inicio da ofensiva militar israelí tras os ataques de Hamás do 7 de outubro de 2023, e o xenocidio contra o pobo palestino cada vez máis aberto, o 9 de outubro de 2025 Israel e Hamás anunciaron un acordo de alto o fogo que abriu a porta a un novo proceso político impulsado polos Estados Unidos. Este acordo constitúe a primeira fase do chamado Plan Integral do Presidente Donald J. Trump para pór Fin ao Conflito de Gaza, presentado oficialmente como unha folla de ruta cara a unha “paz sólida, duradeira e eterna”.
Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Oriente Medio
Palabras chave Israel Gaza Trump Xenocidio

O Plan estrutúrase arredor dun programa de vinte puntos que combina medidas inmediatas —como o intercambio de reféns, a retirada parcial das forzas israelís e a entrada de axuda humanitaria— cun proxecto político máis amplo para Gaza. No centro da proposta sitúase a creación dun goberno transitorio palestino tecnocrático e apolítico supervisado por un organismo internacional denominado Board of Peace (Xunta de Paz), presidido polo propio Donald Trump e integrado por diversos líderes internacionais. Este organismo asumiría a administración temporal de Gaza, mentres que unha forza internacional de estabilización sería despregada para garantir a seguridade e implementar as disposicións do plan. A Faixa sería ademais desmilitarizada e sometida a un amplo programa de reconstrución económica baseado en investimentos internacionais, proxectos de infraestrutura e a creación dunha zona económica especial destinada a atraer capital estranxeiro.

Dende o primeiro momento, o Plan de Paz recibiu importantes críticas. Así, máis de trinta relatores especiais das Nacións Unidas e outras expertas en dereitos humanos expresaron profundas preocupacións sobre as implicacións do plan para os dereitos humanos e a súa compatibilidade co dereito internacional1. Ao mesmo tempo, o acordo de alto o fogo foi vulnerado de maneira reiterada por Israel, mentres continuaban os ataques contra a poboación palestina en Cisxordania. A pesar diso, en novembro de 2025, o Consello de Seguridade das Nacións Unidas deu respaldo xurídico a este marco mediante a Resolución 2803 (2025)2. Adoptada con trece votos a favor e as abstencións de Rusia e China, a resolución autoriza formalmente o establecemento dunha administración transitoria internacional para Gaza e o despregamento dunha forza de estabilización, nun marco que, sen invocar explicitamente o Capítulo VII da Carta da ONU, reproduce a lóxica das medidas adoptadas ao seu abeiro.

No que vai de 2026, o Plan comezou a poñerse en práctica. A Carta da Xunta de Paz, que a establece como organización internacional, foi asinada o 16 de xaneiro e ratificada por Donald Trump o 22 de xaneiro durante unha cerimonia solemne en Davos (Suíza). O 18 de febreiro, a Xunta reuniuse por primeira vez en Washington D.C. Nos vindeiros meses previsiblemente avanzará a posta en marcha doutros elementos previstos no Plan, en particular o establecemento e despregamento dunha Forza Internacional de Estabilización baixo mando estadounidense, así como o desarmamento de Hamás, unha das prioridades declaradas por Israel.

Mais traerá este proceso tamén a paz en Palestina? Os vinte puntos do Plan de Trump semellan menos unha folla de ruta cara á paz ca o preludio dunha nova fase de dominación colonial sobre o pobo palestino en Gaza e máis alá. O Plan abre a porta a unha administración tecnocrática e apolítica da Faixa baixo supervisión internacional, á súa desmilitarización e á entrada masiva de capital internacional, mais non ofrece nin garantías reais de seguridade nin unha vía viable cara á autodeterminación do pobo palestino. De feito, os únicos intereses de seguridade explicitamente recoñecidos no Plan son os de Israel, mentres que calquera avance para as palestinas queda supeditado a eses intereses. Cuestións centrais como a continuidade da ocupación militar ilegal de Palestina, o sistema de apartheid ou a responsabilidade polos crimes internacionais cometidos polas forzas de ocupación israelís en Gaza están completamente ausentes3.

En última instancia, o Plan redefine a propia noción de paz como un proxecto de xestión: a reconstrución preséntase en lugar da xustiza, e o control internacional substitúe á soberanía palestina. A través da Resolución 2803 (2025) do Consello de Seguridade —que, sen invocar explicitamente o Capítulo VII da Carta das Nacións Unidas, mobiliza facultades e instrumentos propios das medidas adoptadas ao seu abeiro— o dereito internacional termina por lexitimar esta concepción neoliberal da paz, formalizándoa mediante unha linguaxe xurídica aparentemente neutral e converténdoa nunha interpretación autorizada da legalidade internacional.

Dende unha perspectiva histórica, esta lóxica lembra certos precedentes do sistema internacional moderno, particularmente os chamados “tratados desiguais” impostos polas potencias occidentais a distintos territorios do Sur Global nos séculos XIX e comezos do XX. Naqueles casos, a retórica da civilización, da seguridade ou do desenvolvemento serviu para lexitimar estruturas duradeiras de dominación política e económica. O desenvolvemento dos acontecementos en 2025 e 2026 no caso de Palestina suxire que esta lóxica non só persiste, senón que continúa a reproducirse baixo novas formas.

1 Nacións Unidas, “Palestine: Any peace plan must respect international law, beginning with self-determination and accountability, urge UN experts”, 3 de outubro de 2025, https://www.ohchr.org/en/press-releases/2026/03/un-experts-condemn-board-peace-call-reparative-rights-based-approach.

2 Consello de Seguridade, Resolución 2803 (2025), UN Doc. S/Res/2803 (2025), 17 de novembro de 2025, https://docs.un.org/es/s/res/2803(2025).

3 Véxase tamén a crítica máis recente contra a Xunta de Paz por varios Relatores especiais da ONU. Nacións Unidas, “UN experts condemn ‘Board of Peace’, call for a reparative, rights-based approach to reconstruction in Gaza”, 2 de marzo de 2026, https://www.ohchr.org/en/press-releases/2026/03/un-experts-condemn-board-peace-call-reparative-rights-based-approach.

Coñece o IGADI Anual Report 25-26: O novo mundo: Multipolaridade inestable nun sistema internacional en conflito