Este artigo fai parte do IGADI Annual Report 2025-2026
O novo mundo: Multipolaridade inestable nun sistema internacional en conflito — IGADI Annual Report 2025-2026

Galicia e España ante a Axenda Von der Leyen II: competitividade, transición verde e involución autonómica

A segunda Comisión von der Leyen, un ano despois de iniciar o seu mandato, consolidou un método político baseado na aceleración lexislativa, na coordinación interservizos e no uso intensivo de paquetes omnibus para reaxustar políticas recentes. Una receita debedora do corporativismo alemán (Mesa para o Agro, para a Automoción) ante a crise de identidade do modelo socioeconómico europeo, sobre todo renano-carolinxio, substituíndo a granularidade regulatoria por procesos integrados orientados a resultados. Estes paquetes, que en 2025 integraron dez reformas simultáneas e que continuarán en 2026, están a transformar sectores como a automoción, a industria química, o agroalimentario, as políticas ambientais e a gobernanza dixital. A prioridade esencial da Comisión: reforzar a competitividade europea nun contexto de transición verde, tensión xeopolítica e crecente presión sobre cadeas industriais, en liña co informe Draghi.
Apartados xeográficos Europa
Palabras chave UE Galicia Von der Leyen

Para Galicia e España, isto implica que fondos e políticas tenderán a apoiar macroproxectos estruturados arredor de fitos verificables, seguindo a lóxica do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. A capacidade de anticipar, deseñar e xustificar carteiras de proxectos que combinen transición verde, reindustrialización e cohesión territorial será determinante para competir nun escenario máis centralizado.

Do Green Deal ao Clean Industrial Deal

O Clean Industrial Deal (CID) é o eixo central das novas políticas económicas europeas. Pretende compatibilizar neutralidade climática e base industrial mediante medidas que van da simplificación técnica na automoción á reforma das redes enerxéticas, á aceleración de permisos, á ampliación do CBAM e á creación dun fondo temporal de descarbonización. A isto súmanse medidas de capital e innovación como o InvestAI, o apoio ao ecosistema start-up, o impulso á bioeconomía e o programa RESourceEU para materias primas críticas. No ámbito sociolaboral destacan a Union of Skills e a futura Quality Jobs Act, destinadas a responder á escaseza de habilidades laborais e técnicas.

Para Galicia e España, as implicacións son amplas. A cadea da automoción dependerá dos futuros estándares de CO₂ e da efectividade da simplificación técnica. As novas marxes de axudas de Estado permitirán maior flexibilidade, pero requirirán execución acelerada en portos, chans industriais, subministración enerxética e tramitación ambiental. A prometida Single Investment Union favorecerá territorios con capacidade para estruturar proxectos bancables, polo que Galicia deberá profesionalizar instrumentos financeiros se quere acceder a recursos asegurados e fondos de pensións.  España foi levada ao Tribunal de Xustiza non por crear un inferno aos xestores da Lei de Contratos senón por transpoñer tarde e mal a directiva. Pois a nova Direciva que prometeu o Comisario galo Séjourné, ao igual que o novo Fondo Europeo de Competitividade (25% do futuro orzamento da UE), apunta a que favorecerá ós proxectos prioritiarios europeos…ogallá que non só os do Norte.

No ámbito dixital, o digital omnibus, a data union e aEuropean Business Wallet poden reducir custos reguladores, especialmente para pemes innovadoras. Porén, isto só será efectivo se Galicia reforza a gobernanza de datos, a privacidade e a ciberseguridade nos seus clústeres tecnolóxicos.

A nivel global, a UE está a priorizar defensa e seguridade no orzamento e nas políticas de innovación. A transición cara a unha verdadeira Unión Europea da Defensa avanza con máis gasto nacional, a implementación do EDIP, a planificación conxunta de capacidades e unha nova gobernanza para a procura e a mobilidade militar. Isto complétase co reforzo de Europol e Frontex e cun novo ciclo de políticas de migración centrado na execución.

A UE e o cambio de paradigma global

A erosión do consenso transatlántico é un proceso en marcha. En febreiro de 2025 o Secretario de  Guerra e Vicepresidentes advertiron en Múnich e Bruxelas a UE non pode depender indefinidamente do paraugas defensivo americano, aínda que continúa financiando en gran medida a industria de defensa dos EUA. Ao igual que a IA, a xestión de datos na nube e as redes sociais, estes posúen o  killer switch do orde europeo de postguerra. Ninguén renunciou ainda ao F35 (se ben o adiamento de Pedro Sánchez á súa merca condena ao buque insignia Juan Carlos I a ser un portaavións sen aeronaves) pero que isto se plantexe amosa coma os máis atlantistas están por primeira vez a dubidar da súa propia fe.

En xullo de 2025, a visita de von der Leyen ao campo de golf de Turnberry para negociar con Donald Trump provocou críticas por aceptarse aranceis do 15% a cambio de compras masivas de enerxía estadounidense. Con todo, a realidade é máis complexa: a ameaza estadounidense sobre Groenlandia en 2026 recuou en Davos ante o temor a unha reacción europea que desestabilizase mercados. O “Efecto Bruxelas” non é o que era mais pervive. Aínda así, a cacofonía de posturas e actos de Chipre ao Despacho Oval, segue a ser a constante da política de potencia europea, como vemos da nova Guerra de Irán. 

2027, o ano da involución do Estado das Autonomías

O debate do orzamento da UE  2028–2034 determinará a marxe de acción real dos territorios. A proposta da Comisión reduce cabeceiras e reorienta fondos desde PAC e cohesión cara competitividade e defensa, cun nivel do 1,26% do RNB. O Parlamento reclama 1,38% e rexeita substituír políticas tradicionais por NRPP estatais únicos, alertando de riscos para o control democrático e a cohesión territorial.

No agro, mar e natureza, a folla de ruta 2040 e a negociación da PAC 2028–2034 introducen incertezas: integración en Planos Nacionais únicos (Planos CNR) desaparición dos piares, falta de mínimos ambientais e maior latitude para o ministerio de Facenda. Isto pode alterar a previsibilidade para agro e pesca. Fusionar PAC, cohesión e política marítima reduce transparencia e substitúe custos reais por fitos pouco garantidos. A Declaración de Galicia (un golpe de efecto de Rueda con Page e Chivite), o ditame Boc-Cordeiro do Comité das Rexións e a resolución do Bundesrat coinciden en advertir que os Planos CNR poden recentralizar decisións, erosionar a gobernanza multinivel (“cogobernanza”). Dado que a maioría do gasto autonómico en investimento provén de fondos europeos, goberne quen goberne en Madrid a mediados de 2027 pode operar unha reorientación xacobina da constitución económica do Estado Autonómico.  Supostamente en nome das exixencias europeas, como xa ocorreu en 1986.

Coñece o IGADI Anual Report 25-26: O novo mundo: Multipolaridade inestable nun sistema internacional en conflito