20050808cola inmigrantes oficina ss madrid

Emigración/inmigración e viceversa

Apartados xeográficos Outros ARQUIVO
Idiomas Galego
 Cola de inmigrantes ante ofina Seguridade Social, clic para aumentar
Deixamos de ser un país emisor, para converternos nun país receptor no que os retornados e familiares foron a vangarda do conglomerado multiétnico que chama ás portas. Galicia volvía a recuperar número de habitantes grazas a chegada de inmigrantes e retornados. (Foto: Cola de inmigrantes ante unha oficina da Seguridade Social en agosto de 2005 durante o proceso de regularización).
 

A emigración como fenómeno masivo non é recente. No século dezanove os cálculos elevan a cifra de galegos que partiron cara a migración ata os 900.000, dos que .000 sairían durante a segunda metade na que se acelerarían os fluxos. Éxodo repetido que foi abrindo una greta permanente entre a Galicia metropolitana e a Galicia diaspórica.

Emigración chea de intermediarios e personaxes a mediocamiño entre a picaresca a profesionalidade e o timo, entre axentes comerciais e prestamistas-financeiros, como era os enganchadores. Ganchos, que percorrían Galicia de norte a sur e de Este a Oeste vendendo as excelencias do paraíso, que esperaba a aqueles que decidisen cruzar o Atlántico. Fortunas ao alcance da man polo prezo dunha pasaxe.

A crúa realidade, nada tiña que ver co Eldorado que prometían os enganchadores. En moitas ocasións a man de obra dos pioneiros do Século XIX terminaría empregada como aconteceu en Cuba, para recambio dos escravos que traballaban no azucre, tendo que asinar cláusulas abusivas.

Emigrantes que construíron o Vigo moderno

A Partir do século XVIII, Vigo vaise impoñer como centro reitor socioeconómico da ría.

A fisionomía do Vigo contemporáneo débese, en boa media, a que dende mediados do século XIX se viviu un proceso de urbanización e tercialización da economía galega, sobre todo en torno as actividades xeradas nos portos de Vigo e A Coruña.

Se tivésemos que escoller os tres grandes factores que explican o despegue demográfico da cidade que aínda hoxe se mantén, citaríamos primordialmente:

O Crecemento natural provocado por un drástico descenso da mortalidade infantil.

O fenómeno migratorio, con todo o entramado económico que se xerou ao redor do porto de Vigo. Actividade mercantil florecente, como evidencian as páxinas dos xornais chea de anuncios e prezos de pasaxes na que tentaron instalarse consignatarias viguesas independentes, pero que acabarían cedendo o mercado ás potentes compañías inglesas e alemáns, das que terminaron por ser meros, aínda que poderosos, intermediarios. A incipiente industria que se nutría desta vitalidade portuaria.

Pouco a pouco, durante o século XIX, Vigo vai gañando terreo como lugar de partida marítima cara a emigración, fronte aos outros grandes portos migratorios de A Coruña e Carril-Vilagarcía. O transporte de persoas vaise impoñendo na actividade portuaria galega, que nunca estivera aletargada.

Aínda que, a maioría das remesas enviadas polos emigrantes galegos nos séculos XVIII e XIX, tiñan destino rural, e foron empregadas para redimir a escravitude anacrónica dos foros, para poder mercar terras e facerse propietarios plenos de gando ou casas, para comprar maquinaria e modernizar as explotacións agrarias…, a influencia da emigración a América na conformación da industria viguesa contemporánea, xa aparece no primeiro impulso industrializador de Galicia alá polo anos 1830-1840. As iniciativas industriais máis dinámicas e relevantes naquela época estiveron relacionadas co vidro, os téxtiles e a siderurxia. En todos eles houbo presenza de capital con raíces emigrantes.

Non se pode deixar recoñecer, tamén, o decisivo papel que xogaron inmigrantes chegados da Costa Brava que se instalaron nas Rías Baixas fundamentalmente na segunda metade do S.XVIII. A eles se débeselles boa parte desa incipiente cidade industrial da que foron protagonistas os denominados fomentarores, de orixe catalán.

Entre os significativos vigueses de adopción, que nacidos noutros puntos da xeografía galega que recalaron en América, para finalmente fixar en Vigo, a súa morada, o seu mecenazgo, ou súa a actividade empresarial, figuran nomes que conviven no imaxinario colectivo vigués ou na nomenclatura das rúas, mais sen ter o suficiente recoñecemento social.

Apelidos tan habituais na cidade como: Sanjurjo Badía, Antonio, natural de Sada (A Coruña) quen emigrara a Cuba en 1854 con 15 anos, idade habitual nesa época. Ao seu regreso a Galicia elixe o Areal vigués, para instalar a súa primeira industria. Proxecta un taller de fundición, de reparación e construción naval do que sairía a primeira máquina de vapor fabricada en Vigo. Tecnoloxía que transformou as viaxes a América, reducindo drasticamente o tempo da travesía marítima transoceánica.

Personaxes como o baionés, Juán Antonio Alonso Santodomingo, quen en 1844 decide partir cara a Cuba na preadolescencia dos seus 14 anos. Xa de retorno, pero antes de chegar a Vigo é un dos activos fundadores da siderúrxica vizcaína La Basconia, relacionada con Galicia porque fornecía o latón para as industrias conserveiras locais, sector que estaba controlado exclusivamente por familias de orixe catalán. Actividade empresarial na que se centraría dende 1873, ano no que decide establecerse en Vigo. Da matriz conserveira creada por Juan Antonio Alonso, xestaríanse posteriormente novas e activas firmas familiares como Conservas A.Alonso e Hijos. Anos máis tarde, xa en 1904 completa a incursión no sector conserveiro impulsando o primeiro emprendemento empresarial galego La Metalúrgica, centrado na litografía sobre o latón que conviviu no corazón contemporáneo da cidade, na rúa García Barbón, estando activo ata hai poucas décadas.

Para Cuba, onde morou ata 1917, marchou o ourensán Manuel Álvarez Pena. No seu retorno fai de Vigo o centro vital. Cinco anos máis tarde promociona a actividade industrial viguesa en Cabral. Céntrase na actividade cerámica, na que cos anos se formaría o Grupo de Empresas Álvarez, xa en tempo da xerencia e impulso do seu fillo Manuel Álvarez, O’Farril.

Arxentina foi o destino de Enrique Lorenzo Docampo, quen ao seu regreso de Arxentina funda no Areal unha empresa de caldereiría. Con posterioridade esta industria desembocaría nos Estaleiros Vulcano.

Todo vigués de nacemento ou adopción debería coñecer o maxistral documento fílmico de Xosé Gil gravado en 1928, no que deixa retratada a actividade fabril de La Artística de Vigo S.A. En 43 minutos levanta acta das modernas máquinas manexadas por unha clase obreira, maioritariamente feminina, con especialización industrial. Empresa pioneira en Galicia no campo da metalografía, tamén vinculada á emigración americana baixo a tutela de Manuel Salgado se introducía na construción de recipientes enlatados de metal.

Estampas tan habituais na cidade, da primeira metade do S.XX, na que os tranvías enchían as rúas da cidade, débense a Tranvías Eléctricos de Vigo fundados en 1911, por capital chegado das Américas.

Firmas que sen instaran na actual metropolitana de Vigo, como as vinculadas á familia lucense dos Fernández de Sarria: Pescanova, Zeltia, Frigolouro… e que teñen orixes no capital conseguido na emigración, en negocios de comercio de gando vacún. Outros apelidos como Fontán ou Ramilo, que aparece ligados á actividade industrial viguesa van estar, así mesmo relacionadas ao grande fenómeno migratorio que viviu a Galicia dos últimos séculos.

Mecenas chegados das Américas

Entre a cadea de filántropos máis relevantes figura o verinense José García Barbón Sola que morreu en Vigo no ano 1909. Cuba foi o destino no que erguería un auténtico imperio económico. Garcia Barbón era considerando por Murguía, como auténtico xenio mercantil. Como retornado elixiu Vigo para morar, nunha quinta de nome Vista Alegre. A el se lle deben os extraordinarios edificios das Escolas Superiores e Elemental de Industriais. Foi el quen doou terreos ao Concello de Vigo, ou quen deu de presente o solar para poder construír o asilo do Neno Xesús de Praga. Entre ás súas grandes contribucións filantrópicas tamén podemos citar a construción das Escolas Salesianas do Areal. Outra das facetas a destacar é a de transformador da fisionomía urbana da parte central da cidade, levantando extraordinarios inmobles na Rúa Policarpo Sanz, ou actuando na barriada de San Lourenzo. Cando o Teatro Rosalía de Castro, ía camiño de acabar nun centro comercial, decidiu adquirilo e preservalo. Como moitos outros emigrantes, tivo unha especial preocupación pola formación, a cultura e o benestar dos conveciños. Con ese fin fundou a Biblioteca Barbón para uso público ou copatrocionou a Cociña Económica, a Casa de Caridade e o Hospital Elduayen. Home de profunda sensibilidade cultural, contribuíu á celebración dos xogos florais de Tui, que tiñan ao galego como lingua oficial.

Ao marinense Policarpo Sanz, nacido no 1841, débelle a cidade olívica o impresionante legado de todos os seus bens, tras da súa morte acontecida en Nova York en 1888. Quizais o motivo de tal xenerosidade estea no feito de ter pasado a súa infancia en Vigo, da que gardaba magníficas lembranzas.

Fixera unha extraordinaria fortuna en América, que completaría ao casar cunha adiñeirada herdeira de orixe cubana. Cos 300.000 pesos de ouro español puido facerse os Instituto de Santa Irene nas Travesas. Quizais o legados que co paso do tempo ten adquirido máis valor patrimonial sexa a colección de pintura doada ao Concello de Vigo composta por cadros dos séculos XVII e XVIII, producidos nos obradoiros das escolas pictóricas flamenca, holandesa, francesa, italiana, española ou alemana. Entre os autores destas obras mestras figuran: Jean Honore Fragonard, Pierre Paul Prud’hon, Peter Paul Rubens ou Fray Bartolomeo della Porta…

Nada menos que 104 obras, das que 83 pasaron inicialmente no ano 1935 ao Museo Municipal de Vigo Quiñones de León. Cinco anos máis tarde acabarían no mesmo recinto as 21 restantes.

Que dicir de Ramón Nieto? Aquel vigués que partiu cara a Chile con quince anos en 1870. Dende traballador nas minas do salitre, acabaría por converterse nun sólido empresario do sector. Fundador do Banco Español e promotor de compañías de seguros, chegou a exercer de asesor presidencial chileno. A súa sensibilidade por temas educativos, coma a de tantos galegos emigrantes, quedou de manifesto coa doazón das Escolas Nieto na área de Cabral.

Preocupación pola educación compartida por outro vigués de Coia, Tomás Alonso que emigrara a Montevideo e financiara escolas de carácter social.

Este Vigo que se adentra no século XXI, sería irrecoñecible sen a pegada da obra cultural de figuras como a de Carlos Maside, quen nacera en Pontecesures, transitara por Madrid, e xa na cidade olívica traballara no Faro de Vigo, ou exercera como director artístico da Editorial Galaxia.

Camiño paralelo ao do esgrevio pintor Urbano Lugris "A Coruña-Madrid-Vigo, orixinario de Sada. Na nosa cidade, o fillo do membro fundador da Real Academia e Presidente Manuel Lugrís, pintou ata que a morte o sorprendeu en activo coma mesma forza e arrebato creativo de sempre.

Outro Coruñés, Alfonso Abelenda Escudero, Recalaría en Vigo, tras da súa estancia en Marrocos por imperativo do servizo militar, expoñendo con grande éxito a súa obra en medio mundo.

Pinceis ilustres coma os do pintor, que viu a luz na ribeiras do Deza, e terminaría por recalar en Vigo. Xa vai para dez anos que non está entre nos, o excepcional Xosé Otero Abeledo, Laxeiro. Desde 1983 Concello de Vigo dispón dun Museo Monográfico, que recolle unha obra na que conviven experiencias vitais recollidas en Cuba, Madrid, Arxentina ou Galicia.

Fluxos e contrafluxos migratorios

En pouco máis dunha década os fluxos migratorios teñen experimentado rotundos cambios de tendencias que afectan á estrutura laboral, ao aforro, á demografía, á xeografía electoral, á cultura, á diversidade social, aos salarios, á educación, ás prestacións sociais, ás remesas, etc.

Houbo un tempo no que para explicar as causas da emigración se esgrimiron razóns difusas ou pintorescas, entre as que se atopaban explicacións idealistas ou literarias como a vontade de aventura ou a necesidade de certos pobos de recorrer o mundo.

Os profundos cambios de tendencias migratorias dos que temos sido protagonistas ao longo dos últimos séculos afianzan as teses que sinalan ás causas socioeconómicas como o principal motor da emigración. As técnicas estatísticas ou sociolóxicas confirman esta tese.

Durante os séculos XVIII e XIX, fuxían dun reparto inxusto da propiedade da terra, do déficit cerealista, do incremento de poboación durante as crises alimenticias, da falta de traballo no campo, da imposibilidade de empregarse na case inexistente industria…

Dende á década dos 70, do século pasado a Emigración elixe Europa, en troques de América, tamén por razóns de índole económica. Rematada a Segunda Guerra Mundial comeza un áxil proceso de reconstrución europea que precisou de abundante man de obra que nun primeiro momento subministrou Italia, e que con posterioridade vai fornecer España, Grecia, Turquía, Iugoslavia, Marrocos…

Logo da 2 ªGM as principais potencias continentais viven unha inversión de fluxos, que van partir agora dende as colonias cara as antigas metrópoles.Neste contexto, tamén a Emigración Galega muda América por Europa. Medio século máis tarde somos tamén os galegos protagonistas receptivos.

 

América

Europa

1946-1960

290.000

 

1961-1970

95.000

150.000

Vigo, que rexistra un espectacular crecemento demográfico durante o século pasado, foi e continúa a ser o principal foco de atracción de tres tipos de migrantes:

Os que regresaban do estranxeiro. Dende finais dos 70, comezan a retornar de Alemaña, Francia, Suíza, Venezuela, Inglaterra, Holanda ou Uruguai.

Aqueles que regresaban das grandes urbes do estado, preferentemente de Barcelona, que foi escollida polos pontevedreses, a diferenza dos lugueses e ourensáns que foron maioritariamente cara ao País Vasco ou Madrid.

Por último a progresiva desertización demográfica do interior de Galicia, trouxo aqueles que se sentían atraídos pola urbe máis dinámica do país.

O novo século migratorio, pouco se asemella ao pasado no que Galicia perdeu máis de .000 persoas. Un século XX no que Galicia representou o 33% da emigración española á América. Cen anos nos que a nosa provincia foi protagonista de primeira orde. Entre 1911 e 1979 a Provincia de Pontevedra, forneceu o 10% de todos os emigrantes que saían de España (INE).

Da emigración á inmigración

Nos albores do S. XXI asistimos a un novo escenario no que a inmigración dende distantes latitudes se presenta como fenómeno de masas. Xa a partir de 1990 o numero de emigrantes retornados a Galicia comeza a superar aos que se rexistran na emigración asistida e controlada. O século trouxo aparellado unha inversión demográfica. Aínda que e emigración non estea definitivamente erradicada, nin moito menos. Cada ano saen de Galicia, unhas 15.000 persoas, cun perfil de xente nova, altamente cualificada na procura de expectativa laborais que aquí non poden colmar.

Deixamos de ser un país emisor, para converternos nun país receptor no que os retornados e familiares foron a vangarda, do conglomerado multiétnico que chama ás portas. Galicia volvía a recuperar número de habitantes grazas a chegada de inmigrantes e retornados.

Inmigrantes e retornados que presentan perfiles diferentes no grao de vinculación co país, nas relacións familiares, ou na integración socioenómica. O 70% dos retornados galegos elixe Vigo e a súa área de influencia como residencia. So durante o ano 2003 chegaron a Galicia perto de 13.000 retornados que cos seus aforros, ou abalados polo seu patrimonio crearon 80 empresas, das que logran sobrevivir o 90 %, e xeraron uns 800 empregos. Promocións inmobiliarias, hostalería, aparcamentos, gasolineiras ou comercio, figuran entre os sectores nos que se mostran máis activos.

Retornados galegos que lanzan un desgarrador laio no que, con frecuencia, denuncian amargamente ser tratados como cidadáns de segunda na súa propia terra.

Ao rematar o ano 2005, 69.363 estranxeiros moraban en Galicia, aos que hai que engadir alomenos outros 40.000 retornados. Case a metade deles ata o ano pasado eran inmigrantes vivían, en situación ilegal, antes da última regularización. O 50% dos estranxeiros elixen para residir as áreas metropolitanas de Vigo ou da Coruña.

 

2005

2004

Diferencia

Poboación Galicia

2.762.198

2..985

+11.213

Estranxeiros Galicia

69.363

58.387

+10.976

Poboación área metropolitana Vigo

413.966

410.753

+3.213

Estranxeiros área metropolitana Vigo

14.540

11.947

+2.593

Fonte: Instituto Nacional de estatística, 2005, Poboación Galicia.

Persoas que veñen fuxindo de condicións socioeconómicas adversas, ou de abismos en forma de crises e xogan un papel activo na economía galega.

O formidable crecemento na cifras da inmigración, está a espertar actitudes xenófobas nalgúns sectores, que manifestan reticencias diante colectivo que no ano 2015 representará a cuarta parte da poboación española. Seis de cada dez españois consideran que hai demasiados inmigrantes.

Repasar os argumentos dos que se opoñen rotundamente aos inmigrantes, é verse retratado no espello na nosa emigración dos séculos anteriores. Constatar o mesmo tipo de argumentacións:

Problemas como: as divisións entre traballadores na que os inmigrantes poden ser sinalados como competidores laborais, dificultade na integración cultural, desarraigo, situación legal, acceso aos servizos sociais, igualdade de dereitos, participación cidadá, marxinalidade nos barrios nos que moran, desconfianza nos alugueres, vivendas en condicións precarias ou superpoboadas…

Dende o punto de vista sociolóxico a situación é complexa. Compre fuxir de análises esquemáticas. Dixerir harmonicamente un crecemento anual da orde do 18% deste colectivo, tal como aconteceu en Vigo no último ano, require axustes para reacomodar o xogo de equilibrios sociais. No estudio feito público por CCOO en novembro de 2003, no que se analizaba a período 1996-2000 en España, se concluía que a inmigración reducía os salarios en varios sectores económicos como o comercio, a construción (-13%), a hostalería (-6%), industria ("6,4%) ou o transporte (-3,5%).

Pero, non é menos certo que case un millón de estranxeiros xa cotizan a Seguridade Social, contribuíndo a manter o estado de benestar dunha poboación envellecida. Que revitalizan a pirámide demográfica. Que ocupan, e moitos casos, postos de traballo fundamentais no sector primario que os autóctonos descartan, ao pretender outros con maior cualificación profesional.

No noso país a maioría se encadra en sectores como a pesca, a agricultura a hostalería, a pesca, a construción ou o servizo doméstico.

No caso dun piar da actividade produtiva viguesa como é a pesca, cada vez un maior número de mariñeiros son inmigrantes, africanos ou latinoamericanos. Estanse a enrolar non so na pesca de altura, senón que xa deixaron de ser esporádicas anécdotas no sector da baixura.

Situación extrapolable ao interior rural, vítima dun éxodo masivo. Para as organización agrarias tanto os mozos, como os inmigrantes son a clave para frear o peche de 44.000 explotacións agrarias, en perigo. Demandan axudas para o asentamento de inmigrantes, como se fai con éxito nos Perineos.

Outras 5.000 inmigrantes traballan como empregadas de fogar en Galicia.

En definitiva pertencer a un área xeográfica que é suxeito receptor do fenómeno migratorio é sinal de país en expansión.

Remesas de ida e volta

Remata o tempo das remesas dos emigrantes. Comeza a era nas remesas dos inmigrantes. Segundo fontes do Banco de España, no 2004, por primeira vez na historia, as transferencias enviadas polos inmigrantes superaron ás que envían os emigrantes no estranxeiro, en 74 millóns de euros. Este fenómeno é observado con lentes diverxentes: mentres para uns representa un fabuloso mercado potencial, outros como o BM ou o BID, prefiren catalogalo coma "o rostro humano da globalización" ou, dito en termos más amábeis, como "instrumento de democracia financeira".

O binomio remesas-volume de inmigrantes, non escapa aos pescudadores de business que albiscan nesas 3.690.000 persoas residentes en España (2005), un nicho de negocio, que ata o de agora só se centraba nos emigrantes galegos ou españois no exterior. Se no período 2001-2004, a chegada de remesas só se incrementou nun 2,02%, o fluxo de remesas en dirección contraria experimentou unha subida do 72%.

Capacidade de Aforro da que os emigrantes galegos foron pedra angular do desenvolvemento da Galicia metropolitana. Mentres o PIB galego se situaba por baixo da media española, o nivel de diñeiro na contas é superior á media grazas ás remesas de emigrantes. Remesas que sempre figuraron como estratéxicas para as entidades financeiras galegas, tal como se recolle na memoria dos 25 anos de existencia de Caixa Galicia. Remesas de inmigrantes para as que Caixanova entrou a finais do ano pasado na plataforma da CECA coa finalidade de competir nun mercado que ata agora estaba controlado por empresas como Western Unión ou Money Gram.

Emigración, recurso humano cinco estrelas

O capital relacional e humano acumulado por séculos de emigración galega representa un enorme potencial como país. Ollar para a Emigración coa exclusiva perspectiva dun drama colectivo impide investigar no capital relacional que temos atesourado. É preciso investir en pontes que estruturen as relacións nesta Galicia crebada entre metrópole e emigración. Un recurso que abre novas posibilidades de internacionalización da nosa economía, de presenza exterior da nosa cultura, de proxección do universo galego alén das nosas fronteira.

É verdade que e emigración tamén comporta graves efectos negativos, tanto persoais coma colectivos, como desarraigo, a fuga de cerebros, a partida de man de obra cualificada con cargo aos orzamentos nacionais, gretas familiares, perdas das identidades, fracturas emocionais… Pero habería que revalorizar todo o que o fenómeno migratorio aporta a receptores e emisores. Todo un capital relacional, humano, cultural, político, de desenvolvemento e, por qué non, tamén, financeiro.

Vigo, que con tanta o maior intensidade que o resto de Galicia, viviu e vive a dobre faceta emisora-receptora, está en condicións óptimas para rendabilizar esta oportunidade histórica, para observar todas as arestas deste complexo mundo migratorio coa súa experiencia, para abrirse a novas posibilidades de cooperación, para estar na vangarda dos servizos prestados a emigrantes e inmigrantes, e para integralos como recurso prioritario na construción do Vigo e da Galicia do século XXI.


Bibliografía:

Alonso Álaverez, L., Vázquez González, A, Leiceaga, J., Novo Corti, M.I. (1992): Os intercambios entre Galicia e America Latina. Economía e historia, Santiago.

Álvarez Silvar, Gabriel (1997): La emigración de retorno en Galicia, Santiago.

AAVV (1980): Vigo en su historia, Vigo.

Ferrás Sexto, Carlos (1996): Movementos Migratorios, cambio socio-económico e desenvelmento rexional en Galicia 1970-1990, Estudios Migratorios, Santiago.

Losada Álvarez, Abel (1995): As relacións entre Galicia e os países de destino da emigración, Santiago.

Outes Ruso, X.L. (direct.) (2001): Estructura productiva del sector privado en Vigo y su área de influencia, Vigo.

González Torres, Manuel (Coord.) (1992): A Emigración Galega, Santiago.

Precedo Ledo, A. (1990): Vigo, área metropolitana, A Coruña.

Rodríguez Galdo, María Xosé (Dir.) (1996): Galicia & América, Cinco séculos de Historia, Santiago.

Yáñez Gallardo, C. (1994): La emigración española a America (Siglos XIX y XX), Gijón.

Rodríguez Arzúa, J. (1981): El puerto de Vigo. Estudio económico 1900-1975, Vigo.