Europa e os seus centenarios

O pasado 11 de novembro, con motivo do centenario do final da I Guerra Mundial, París reuniu aos principais líderes europeos, de EUA e de Rusia, para advertir sobre os perigos do nacionalismo. Simultaneamente en Varsovia, celebrábase o centenario da independencia de Polonia, nun acto que reuniu dun xeito multitudinario a varios partidos de xenófobos, “neofascistas” e de extrema dereita de Europa oriental, baixo o lema “Deus, Honra e Patria”, clamando por unha Europa “nacional e cristiá”. As vellas pantasmas do nacionalismo populista, agresivo e excluínte parecen reaparecer hoxe nunha Europa fragmentada que comeza a observar con preocupación como quedará o seu mapa político para as eleccións ao Parlamento europeo previstas para maio de 2019.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Europa
Palabras chave Europa centenarios
Idiomas Galego

O pasado 11 de novembro, con motivo do centenario do final da I Guerra Mundial, París reuniu aos principais líderes europeos, de EUA e de Rusia, para advertir sobre os perigos do nacionalismo. Simultaneamente en Varsovia, celebrábase o centenario da independencia de Polonia, nun acto que reuniu dun xeito multitudinario a varios partidos de xenófobos, “neofascistas” e de extrema dereita de Europa oriental, baixo o lema “Deus, Honra e Patria”, clamando por unha Europa “nacional e cristiá”. As vellas pantasmas do nacionalismo populista, agresivo e excluínte parecen reaparecer hoxe nunha Europa fragmentada que comeza a observar con preocupación como quedará o seu mapa político para as eleccións ao Parlamento europeo previstas para maio de 2019.

Estas pantasmas déronse cita simultaneamente o pasado 11 de novembro, aínda que baixo contextos e perspectivas diferentes. Paralelamente, realizáronse en París e Varsovia diversos actos que conmemoraban o centenario do final da I Guerra Mundial. Pero o clima conmemorativo de ambos os eventos distaba de confluír politicamente.

En París, o anfitrión presidente Emmanuel Macron reunía a 70 grandes líderes mundiais, entre eles os presidentes de EUA, Donald Trump, de Rusia, Vladimir Putin, e a chanceler alemá Ánxela Merkel, para conmemorar o centenario do final da I Guerra Mundial (1914-1918).

Pola súa banda, en Varsovia, unhas 200.000 persoas convocadas entre outros por partidos de extrema dereita de Polonia, estendendo convite os seus correlixionarios de Eslovaquia e Hungría, celebraban o centenario da Polonia independente, un dos feitos históricos consecuencia do final da I Guerra Mundial. Entre 1792 e 1918, Polonia estivo territorialmente repartida entre os imperios ruso, austrohúngaro e prusiano.

A “caixa de Pandora” europea

Ámbalas dúas celebracións son sintomáticas do momento político e social que está a vivir Europa. Ante o Arco do Triunfo de París, símbolo emblemático dos valores republicanos da Revolución francesa, Macron emprazou aos principais líderes mundiais ante as ameazas que están a rexurdir en Europa, principalmente provenientes do nacionalismo populista.

O presidente francés lembrou que “os demos do pasado rexorden”, ao advertir sobre o retorno do nacionalismo. Considerou así que “o patriotismo é exactamente o contrario do nacionalismo”, instando a revalorizar os “valores republicanos franceses” desde unha perspectiva europea.

O seu discurso semellaba abrir a veda da campaña electoral para os comicios do Parlamento europeo previstos para maio de 2019. Reunidos en París líderes como Trump, Putin, Merkel, o Rei de España, o presidente turco Recep Tayyip Erdogan e outros mandatarios europeos, nesta conmemoración brillaron dúas ausencias chave: a da primeira ministra británica Theresa May, e a do primeiro ministro húngaro Viktor Orban.

Xunto a Francia, Gran Bretaña foi a gran vencedora na I Guerra Mundial, o cal ameritaba a presenza británica na conmemoración de París. Pero a ausencia de May tamén é alegórica sobre o cisma que viviu recentemente a Unión Europea co Brexit, a saída británica da UE, que cobrará forma a partir de 2019.

Pola súa banda, Hungría foi un dos países que recobrou a súa independencia en 1918, trala disolución do imperio austrohúngaro. Pero o seu actual xefe de goberno, Orban, enmarcouse nunha especie de cruzada “antieuropeísta”, defendendo os valores da “identidade cristiá europea”, e gobernando co apoio de partidos xenófobos de extrema dereita como o Fidesz.

Desde mediados de 2018, Hungría converteuse nunha especie de “paria” dentro da Unión Europea polas súas veladas críticas a este organismo. Neste sentido, Budapest foi o único país sancionado pola UE pola súa política claramente contraria aos valores europeístas. Isto pode intuír que, máis cunha ausencia, Orban en realidade non foi convidado á conmemoración en París.

É por iso que a celebración do centenario da independencia polaca en Varsovia foi igualmente alegórico sobre o estado de ánimo político que está a percorrer a Unión Europea. Un aspecto chave principalmente no país de orixe do actual presidente da Comisión Europea, o polaco Donald Tusk.

A manifestación nacionalista extremista en Varsovia convócase desde 2009 a petición de movementos de extrema dereita polacos. Pero non foi a única. Outros movementos cívicos e partidos políticos europeístas tamén marcharon nesta conmemoración da independencia polaca, contrariando e denunciando a manifestación da extrema dereita.

De feito, a alcaldesa de Varsovia, Hanna Gronkiewicz-Waltz, pertencente ao partido de oposición Plataforma Cívica, quen liderou unha manifestación paralela máis acorde cos valores europeístas, chegou a declarar que “Polonia xa sufriu bastante na súa historia co nacionalismo agresivo”. Un discurso máis acorde co que simultaneamente pregoaba Macron desde París.

Pero a ruptura que se vive en Europa parece tamén evidenciarse en Polonia, un dos países estratéxico dentro da Unión Europea. En Varsovia, centenares de miles de simpatizantes de partidos nacionalistas e “neofascistas”, de extrema dereita e populistas marcharon ao son do lema ““Deus, Honra e Patria”, clamando por unha Europa “nacional e cristiá”, preocupados ante o que consideran como unha “invasión musulmá”. Xa en 2017, esta manifestación logrou reunir a unhas 60.000 persoas baixo o lema “Queremos a Deus”, nunha evidente referencia á identidade cristiá europea.

En perspectiva, a mensaxe que se emana desta manifestación de partidos nacionalistas e de extrema dereita sobre a independencia polaca traduce a súa intención por construír unha Europa “cristiá” como valor moral da identidade europea.

A presenza en Varsovia de simpatizantes de partidos nacionalistas populistas e de extrema dereita de Eslovaquia e Hungría, quen fixo causa común cos seus veciños polacos, dá conta dunha especie de “entente” na extrema dereita que está a cobrar forza en Europa do Leste. Por iso, a presenza de “nacionalistas” húngaros en Varsovia parecía explicar simbolicamente unha das razóns polas cales Orban non estaba a París.

Con iso, Europa parece hoxe presenciar unha reprodución da división entre bloques Oeste-Leste pero ideoloxicamente diferente do que foi durante a “guerra fría”.

Outro mundo, un século despois?

Pero o vivido en Varsovia non semella ser un feito casual. A reiteración do discurso relixioso cristiá e as reivindicacións de lemas como “Deus” e “Patria” parecen que están volvendo ao discurso político dos novos liderados que están a aparecer no mundo de 2018.

Os lemas dos manifestantes de extrema dereita en Varsovia non son moi diferentes en comparación, por exemplo, coa mensaxe do próximo presidente brasileiro Jair Bolsonaro. Durante a campaña electoral, Bolsonaro recuperou o discurso “cristiá” de defensa de “Deus” así como da mensaxe “patriótica” como lemas aparentemente “redentores” ante a preponderancia do liberalismo e do progresismo, principalmente de esquerdas, observado nos últimos anos.

Un discurso non moi diferente do que emanan, por exemplo, Trump e Putin. O discurso de Trump de “Make America Great Again” parece enmarcarse igualmente nesa orientación. Curiosamente, Trump estivo presente no centenario conmemorativo de París, nos que igualmente se resaltaban os valores “liberais” e “ internacionalistas” trazados en 1918 polo entón presidente demócrata Woodrow Wilson.

O “wilsonianismo” de 1918 deu paso á creación da Sociedade de Nacións, antecesora da actual ONU. Con Wilson, EUA abandonou a súa tradicional neutralidade e o illacionismo no concerto internacional. Con todo, en 1920, o Senado estadounidense, entón de maioría republicana, votou a súa negativa ao ingreso de EUA na Sociedade de Nacións.

Precisamente, un século despois, Trump parece encarnar os valores contrarios ao legado “wilsoniano”: proteccionismo, unilateralismo e illacionismo, algúns dos valores estruturais que aínda permanecen presentes na cultura política estadounidense. E, cen anos despois, o Senado estadounidense segue baixo dominio republicano, tal e como se observou nos pasados comicios lexislativos do 6 de novembro.

Unha perspectiva particular enfócase noutro dos invitados en París, o presidente ruso Putin. Mentres asistía en París á conmemoración do final da I Guerra Mundial, o sinuoso xogo xeopolítico que se libra entre Rusia e Occidente proseguía o seu camiño dunha forma tan silenciosa como decisiva.

Coa atención mundial enfocada nas conmemoracións de París e Varsovia o pasado 11 de novembro, Moscova enviaba un equipo de expertos en tecnoloxías electorais á rexión do Donbass, nas repúblicas de Donetsk e Lugansk no Leste de Ucraína, para celebrar un simulacro electoral orientado a lexitimar simbolicamente ás autoridades das Repúblicas Populares de Donetsk e Lugansk.

Nun momento crítico das relacións entre Rusia e Occidente, en particular ante a recente retirada de Trump do tratado de mísiles de curto alcance subscrito en 1987, Rusia move habilmente as súas fichas noutro escenario tan estratéxico como perigoso: Ucraína.

As recentes relacións entre Ucraína e Rusia están no seu punto máis baixo, en vésperas dunha ruptura de calado histórico. A viraxe nacionalista “antirrusa” en Kiev faise patente tras a recente ruptura do acordo de amizade con Rusia. Os Protocolos de Minsk subscritos entre 2014 e 2015 sobre a pacificación no conflito do Donbass están practicamente desarticulados precisamente pola intransixente posición “nacionalista” de Kiev.

A OTAN acelera exercicios militares con Ucraína, toda vez Rusia blíndase militarmente ao mesmo tempo que se achega estratexicamente a unha alianza con China. Mesmo, a ruptura ruso-ucraína achégase ao apartado do cisma relixioso, coa decisión da Igrexa ortodoxa ucraína de romper a súa obediencia á autoridade ortodoxa de Moscova.

Ucraína celebrará eleccións presidenciais en maio de 2019, case simultaneamente coas eleccións parlamentarias europeas. Mentres o nacionalismo ucraíno parece consolidarse en Kiev, amparando unha posición radicalmente “antirrusa” con perspectivas de integrarse dentro da OTAN e a UE, Moscova move habilmente as súas fichas na rexión do Donbass, coa finalidade de consolidar unha ruptura de feito de Ucraína.

Un século despois, a pantasma da guerra tampouco se esvaece. Un día despois das conmemoracións de París e Varsovia, Italia convocaba en Palermo a un cumio internacional para poñer fin ao conflito de Libia, cuxos efectos en Europa obsérvanse na constante riada de inmigración que foxe deste conflito ás portas de Europa, non moi diferente ao que se libra aínda en Siria. Precisamente, Macron tentou en maio pasado impulsar unha iniciativa similar de cumio internacional, que terminou sendo infrutuosa.

Pero a historia parece ser circular e caprichosa. Un século despois, as advertencias do presidente francés Macron e da alcaldesa polaca Gronkiewicz- Walt sobre os perigos do nacionalismo agresivo parecen seguir cobrando unha actualidade inalterable.