20081009 dow jones industrial averdage 8579 2

Ironías da vida

 09/10/2008. O Dow Jones Industrial perde 678.91 puntos, quedando en 8.579,19 ao remate da sesión; clic para aumentar
Aquel neoliberalismo que postulaba a cegas a idea de que as forzas do mercado, por si soas, aportarían o progreso e impulsarían o desenvolvemento da economía e dos países, acabou rematando na defensa da cobiza e irresponsabilidade empresariais coa desidia cómplice dos líderes políticos. Aínda hoxe, con toda a que está caendo, cabe sospeitar que esas inercias do pasado acaben convertendo as chamadas iniciativas de rescate en meras operacións de privatización das ganancias e socialización das perdas. (Foto: Un operador observa o índice bursátil da Bolsa de Nova York ao peche da sesión do 9 de outubro de 2008. O Dow Jones Industrial perdeu 678.91 puntos, quedando en 8.579,19, por baixo do nivel dos 9.000 puntos por primeira vez desde agosto de 2003).
 

A presidenta chilena Michelle Bachelet falou recentemente das ironías da vida ao referirse á conduta dos países ricos, sempre dando receitas aos países latinoamericanos sobre como debían facer para xerar progreso e benestar, e que hoxe, en plena crise financeira, atópanse ao borde da recesión. Sempre dando leccións sobre como organizar e modernizar o estado e os mercados, promovendo a morte a idea de que as grandes finanzas non debían estar controladas polos gobernos, e agora constátase que a falla de regulación pode desencadear unha das crises máis graves e crispadas do sistema financeiro internacional. Para colmo, EEUU, sempre veloz á hora de criticar o intervencionismo dos demais estados, hoxe non ten reparos en facer o propio, mobilizando 700.000 millóns de dólares para encarar unha crise hipotecaria que ameaza con desestabilizar a economía estadounidense e mundial.

As receitas que Washington, directamente ou a través do FMI ou do Banco Mundial, impoñía aos demais países nas últimas décadas, incluían a desaceleración da industrialización e a volta a economías exportadoras de materias primas, as privatizacións, fin dos subsidios, garantías de pago da débeda externa, flexibilización so sistema tributario, eliminación das barreiras cambiarias e flotación das divisas, liberalización absoluta dos sectores de bens e servizos, etc, provocando a intensificación da desigualdade e o incremento das diferenzas na distribución do ingreso, socavando as redes sociais organizadas polo poder público. Hoxe é evidente que cada país debe aplicar programas económicos adaptados ás súas realidades negociando en pé de igualdade cos organismos internacionais e apostando por regulacións que organicen o mercado coidando de que sexa o Estado quen poida garantir a xustiza social.

Aquel neoliberalismo que postulaba a cegas a idea de que as forzas do mercado, por si soas, aportarían o progreso e impulsarían o desenvolvemento da economía e dos países, acabou rematando na defensa da cobiza e irresponsabilidade empresariais coa desidia cómplice dos líderes políticos. Aínda hoxe, con toda a que está caendo, cabe sospeitar que esas inercias do pasado acaben convertendo as chamadas iniciativas de rescate en meras operacións de privatización das ganancias e socialización das perdas.