Unha análise de Martín Boado Carro (estudante en prácticas da USC)

Kazajstán, a cabalo entre Rusia e Ucraína

O conflito en Ucraína ameaza o cantado éxito da política exterior impulsada por Nursultan Nazarbayev. Kazajstán ten presumido de ser o país centroasiático coa diplomacia mellor enfocada, outorgando primacía a unha estratexia “multilateral” subscribindo acordos coas principais potencias económicas do globo.

Apartados xeográficos Asia
Idiomas Galego

O conflito en Ucraína ameaza o cantado éxito da política exterior impulsada por Nursultan Nazarbayev. Kazajstán ten presumido de ser o país centroasiático coa diplomacia mellor enfocada, outorgando primacía a unha estratexia “multilateral” subscribindo acordos coas principais potencias económicas do globo.

En termos de desenvolvemento, Kazajstán é o país ex soviético – agás Rusia e os estados do Báltico – que máis progresou trala súa independencia. Como ben é sabido, o territorio ocupado actualmente polos países eurasiáticos ten unha enorme abundancia de recursos naturais tales como petróleo ou gas natural, que Astaná presume de xestionar con bo criterio, tanto no ámbito económico como á hora de se relacionar cos diversos actores internacionais. A independencia económica máis os grandes acordos coas potencias hexemónicas mantiveron ao país kazajo afastado dos conflitos e sen adversarios notorios. Todo este caudal de relacións permitiulle conformarse como un actor  relevante na economía global, ademais de atraer investimentos estranxeiros e evitar depender económica e politicamente dunha ou outra potencia mundial.

Pero esta tendencia pode verse esnaquizada coa evolución do conflito ucraíno-ruso. Dunha banda, Kazajstán estase a converter nun importante aliado de Rusia tralas últimas sancións impostas pola UE. Os constantes esforzos europeos máis dos EUA por illar a Putin premen sobre o país kazajo. Pola contra, o país centroasiático pronúnciase de forma reiterada pola súa autonomía, evitando unha encrucillada que lle obrigue a tomar partido. A pesar das aspiracións de manter unha política exterior “multilateral” e de bo relacionamento ata con países enfrontados entre si, Nazarbayev pode verse na ‘obriga’ de decantarse a prol dun único bando, o que sen dúbida afectaría sensiblemente ao devir do país.

Neste sentido, cómpre destacar a crecente importancia que están a manifestar as relacións cos EUA e a UE. Aínda que non sexan aliados tan transcendentes como Rusia, Kazajstán chegou a importantes acordos cos países occidentais en temas enerxéticos e de seguridade, especialmente coa UE no primeiro caso e con EUA no segundo. Ademais, Astaná trata de manter boas relacións con outros actores relevantes como Xapón, Turquía ou Corea do Sur. Porén, China é o aliado oriental máis significativo. O país asiático decidiu investir en varios sectores da industria kazaja como o petróleo ou o uranio, aínda que quizais o seu maior proxecto sexa o renacer da Ruta da Seda, que aposta polo desenvolvemento das infraestruturas e a conectividade propiciando unha nova espiral de cooperación entre China e os países centroasiáticos.

Armenia e Kirguistán uníronse recentemente ao proxecto económico común formado por Rusia, Kazajstán e Bielorrusia, a Unión Económica Eurasiática (UEE, en adiante). Esta decisión non privou ao país kazajo de seguir estreitando lazos comerciais con outras potencias, a pesar das reservas sobre unha utilización da UEE por parte do Kremlin para respostar ás sancións impostas pola UE e os EUA. Así e todo, Kazajstán conta con capacidades específicas para sortear as estrataxemas rusas.

As sancións internacionais non foron as únicas culpables do retroceso da economía moscovita e, consecuentemente, da kazaja. A caída dos prezos do petróleo máis o recente estancamento da economía chinesa tamén influíron nas contas do goberno de Kazajstán que optou por depreciar a súa moeda (o tenge kazajo). Unha das alternativas que o presidente Nazarbayev propón para rematar coas “antieconómicas” sancións a Rusia e as súas consecuencias é a busca dunha solución definitiva ao conflito en Ucraína, lonxe da realidade a curto prazo.

No seo da ONU, ata agora Kazajstán mantivo unha posición neutral respecto ao conflito. Na única votación sobre a “integridade territorial de Ucraína”, en marzo de 2014, o país kazajo abstívose ao igual que os demais estados de Asia Central. Dos países ex soviéticos, tan só Rusia, Bielorrusia e Armenia votaron en contra. Sen embargo, é probable que co paso do tempo, tanto Rusia como EUA preman nos países centroasiáticos coa finalidade de que tomen partido. De acceder, minaríase algún dos vértices da política exterior do país kazajo.

¿Pode Kazajstán operar como un efectivo mediador entre as partes? Esta posible saída favorecería o mantemento dunhas relacións internacionais múltiples que axudarían no desenvolvemento do futuro económico e político de Kazajstán.