Macao regresa ó futuro

Península de Macao e Illas Coloane (Luhuan) e Taipa (Yishuizi)Con unha extensión similar á de Ribadavia pero con unha poboación que se aproxima, en datos reais, ós cincocentos mil habitantes, Macau é unha pequena península situada sobre o estuario do río Sikiang, que inclúe a cidade de Macao e as illas de Coloane (Luhuan) e Taipa (Yishuizi).

Os portugueses conseguiron establecerse en Macao en 1557 co propósito de comerciar con China e pagaban por iso un tributo anual (o chamado foro do chao). En 1849, Portugal declarou unilateralmente a pertenza de Macao ao Imperio portugués, que China acabaría por recoñecer en 1887, no Tratado de amistade e comercio. Pero a pesar dalgúns momentos de tensión, coa perspectiva actual, pode afirmarse que a soberanía real de Macao sempre pertenceu a China ou, como moito, atravesou breves periodos de ambigüidade durante os máis de catro séculos de presencia portuguesa. Dende 1979, ambas partes, de común acordo, definiron o enclave como un “territorio chinés baixo administración portuguesa”. E na Declaración Conxunta de 1987 xa se perfilaba o camiño da transición devolutiva.

Pese a todo, Portugal sempre otorgou un alto valor simbólico a esta colonia. Foi esta a única praza do Imperio que rexeitou o dominio castelán cando a Coroa española exerceu a soberanía sobre o país veciño, entre 1580 e 1. Dahí que na simboloxía incrita na bandeira municipal, a carón das armas da cidade, figure a frase “Cidade do Nome de Deus de Macau, Nao Há Outra Mais Leal”.

O tecido económico de Macao ven determinado esencialmente pola presencia do lucrativo negocio do xogo, en boa medida en mans dun único home, Stanley Ho, o administrador da “Sociedade de Turismo e Diverssoes de Macau”. Non conta a derradeira colonia portuguesa con unha industria punteira, pero si con dez casinos que son visitados anualmente por millóns de turistas, especialmente hongkoneses. O xogo atrae a uns seis millóns de visitantes cada ano e proporciona a metade das rendas da Administración local. Os intentos de diversificación a través da implantación de manufacturas ou industrias transformadoras tivo o seu mellor momento nos anos oitenta, pero na actualidade atópanse en crise. Na veciña Zhuhai, unha moderna zona económica especial, elaboranse plans para fagocitala e diluila no triángulo de prosperidade que moldean Hong Kong e Shenzhen.

O xogo é o sector refuxio e motor da economía local. Ao seu redor movese o turismo e os servicios, pero tamén a prostitución, a droga e as sociedades ilegais vencelladas ás “tríadas”. No chamado “Montecarlo de Oriente”, a apertura de novas salas de xogo ven acompañada a miúdo de enfrontamentos entre as numerosas bandas do crime organizado. Soamente durante o pasado ano foron detidos uns 1.200 individuos por feitos delictivos ligados ás tramas mafiosas. Todo o ano 1998 estivo marcado por diversos atentados do crime organizado contra funcionarios da administración e a detención de achegados líderes da secta 14K, unha das máis activas xunto coa Soi Fong. As concesións dos casinos rematan no ano 2003 e será entón cando o Partido Comunista terá que encararse coas sociedades secretas e decidir sobre a prórroga automática ou impoñer un novo reparto no que boa parte do negocio podería trasladarse a mans continentais.

Coa devolución non haberá grandes cambios na estructura administrativa (Gobernador, Asemblea Lexislativa, Consello Consultivo, etc). China asumirá, en boa medida, o papel que ata agora viña desempeñando Portugal, pero con un maior seguimento. Aquí non hai partidos políticos e a marxe de manobra de Beijing é mais ampla. A participación social instrumentase a través das máis de setecentas asociacións de diverso carácter que configuraron unha infraestructura paralela para dar cobertura ás necesidades dunha poboación chinesa, abrumadoramente maioritaria pero moi distanciada da administración portuguesa. En moitas delas, especialmente as deportivas, atopase o mellor viveiro para reclutar adeptos ás sociedades secretas.

Comprometerse a manter o actual sistema económico e social de Macao di ben pouco a favor das preocupacións sociais de Beijing. As desigualdades son moeda común nun enclave no que tradicionalmente, e sobre todo dende a Revolución Cultural, China exerce unha enorme influencia. Baixos salarios (a retribución media ascende a unhas 2000 patacas ó mes, menos de 200 dólares); elevadas xornadas laborais que poden superar incluso as dez horas diarias; inexistencia de servicios sociais de carácter público e claros desequilibrios nun mercado inmobiliario no que a penetración das mafias resulta cada vez máis plausible, son bos exemplos das graves carencias existentes neste ámbito. Coas asociacións patronais e sindicais controladas por Beijing, Portugal eludiu o asunto e para China o prezo dunha equívoca paz social non parece ter límites agora que se sinte máis dona que nunca do seu futuro.