É tradición que a muller en China, aínda sen levar velo ningún, atópese ocupando posicións de clara marxinalidade. Mao, cando dixo aquilo de que a muller é a metade do ceo, establecía unha ruptura abismal co tempo anterior, incluído o republicano, que non tivo oportunidade de fomentar un marco diferente. Con Mao, as cousas foron mellor, cando menos no plano formal ou do discurso, pero sobre todo favorecidas pola dinámica mobilizadora que engulía a homes e mulleres no común vocábulo de “masas”, unha febre enganosa que retrocedeu en boa medida ás súas orixes, cando Deng Xiaoping virou o rumbo da revolución china e os vellos hábitos e costumes, ás veces aliados coas novas tecnoloxías, reapareceron con inusitada forza coma por arte de maxia.
Agora, neste atribulado limiar do século XXI, podemos ler na prensa chinesa que o programa especial de Beijing seleccionou a trinta e cinco mozas para constituír un grupo de candidatas posíbeis para un primeiro lanzamento ó espazo no 2010. Non todo vai ser sétimo arte, onde pezas como Qiu Ju (unha muller china), do afamado director Zhang Yimou, contan a historia dunha muller que busca a reparación moral a unha humillación sufrida polo seu esposo por parte dun líder local do Partido. Son as novas formas de combate da muller en China?
Dende as reformas impulsadas en 1978 por Deng Xiaoping, China vive un acelerado desenvolvemento económico que trouxo consigo cambios radicais na vida da poboación. Mareas de emigración do campo á cidade, política dun só fillo, peche de centos de empresas estatais, desemprego, fin dos beneficios sociais e do traballo de por vida, liberalización da maior parte dos sectores económicos e unha crecente cultura do consumo. Este programa de reformas tamén promovía, timidamente, a igualdade dos sexos, pretendendo elevar o status da muller, pero os seus intereses en China están condicionados polo éxito ou o fracaso das reformas económicas que se puxeron en marcha.
Estes cambios, que afectaron de maneira diferente no ámbito urbano e rural, tiveron implicacións moi diversas. Deste modo, mentres a muller urbana aceptou a con maior docilidade a restrición do fillo único en favor dunha mellor calidade de vida, maiores ingresos e oportunidades, no campo, os fillos contribúen á economía familiar e son o fundamento das mesmas. No ámbito rural, os matrimonios poden solicitar permiso para un segundo fillo se o primeiro é nena, e son os funcionarios da oficina local para o control da natalidade os que establecen o momento adecuado para o embarazo a partir de cotas rexionais. Ademais, a preferencia polo varón nas zonas rurais leva ao infanticidio e ao aborto selectivo de nenas. A interrupción do embarzao está fortemente asociado ó incremento de suicidios en China e a muller vese moi condicionada a abortar cando non consigue evitar embarazos non desexados. Steven W. Mosher relata no seu libro A Mother´s Ordeal. One Woman´s Fight Against China´s One Child Policy (1993) como incontables mulleres foron arrestadas e encarceradas ata aceptaren que se lles practique un aborto ou a esterilización. Outras sufriron torturas. Moitos homes foron encarcerados ata que as súas esposas aceptaran estas prácticas ou nalgúns casos, se lles retiraban os víveres, a electricidade, o salario ou, incluso, se lles derrubaba as súas vivendas.
Como pano de fondo, hai substrato de maior calado que transcende á propia reforma: as actitudes da poboación respecto ao nacemento de nenos e nenas, participación no sistema educativo, igualdade de oportunidades no emprego, acceso da muller ós postos claves da sociedade e sobre todo, unha mentalidade que discrimina á muller xa dende antes da súa chegada ó mundo.
Porén, hai esperanzas e indicadores que mostran avances e melloras en canto á situación da muller na sociedade e política chinas. A modo de exemplo, ademais do citado programa espacial, o Comité Olímpico de China (COCh) incluíu o mandato “Promover e impulsar a participación da muller china no deporte” na versión recentemente emendada da súa Carta, que foi aprobada e adoptada pola Asemblea Xeral de dito Comité o 11 de xaneiro do 2000. Asemade, o Comité alcanzou o obxectivo establecido polo COI de que o 10% dos postos con poder de decisión no ámbito deportivo foran ocupados por mulleres: na administración central do deporte, o 36,6% do persoal son mulleres e ocupan o 12% dos postos con poder de decisión. En termos de participación de atletas femininas, nos Xogos Olímpicos de Verán que tiveron lugar en Sydney no 2000, competiron 186 mulleres, cifra que representou o 67,1% do equipo enviado por China.
No eido político, o Goberno chino fixou unha cota de cadros femininos non só para os distintos sectores, senón tamén para o órgano supremo de poder do Estado, co cal impulsou fortemente a participación feminina. Segundo cifras oficiais, a finais do ano 2000, o número de cadros femininos era dun 36,2% do total. Ademais, a muller china desempeña un papel vital nos gobernos locais. Wu Yi, Pen Peiyun ou Zhu Lilan son claros exemplos de mulleres influentes na política china.
Debido á elevación do nivel educativo das mulleres chinas e a desproporción existente entre o número de homes e mulleres, o número destas que pasan a formar parte dos equipos dirixentes aumenta día a día, fenómeno que é mellor aceptado polo conxunto da sociedade. Na orde do día das asembleas populares, hai cada vez máis propostas relacionadas coas mulleres, e tanto os dereitos como a protección destas ocupan un lugar de crecente relevancia. A maioría dos homes consideran que a participación feminina non só beneficia á política senón que tamén a humaniza. Así, a participación feminina está transformando o mundo masculino.
Non obstante, con ser certos todos estes síntomas, a muller en China segue ocupando unha posición feble na sociedade e nun contexto no que o éxito económico é un referente clave para confirmar ou desmentir os progresos, a muller aínda ten por diante un longo camiño para que os vellos slogans do maoísmo e as novas prédicas do denguismo aseguren nunha igualdade efectiva dos sexos. Pero non é mala empresa empeñarse na equiparación.