beijing campus universidade pagoda

Novo ano en Oriente

 Campus Universidade de Beijing, clic para aumentar
Neste ano, e por primeira vez dende o abandono do maoísmo, a educación obrigatoria será gratuíta en Beijing. A capital é das máis ricas do país, pero na inmensa maioría de China, a saúde ou a educación son segmentos que o poder público abandonou. O ingreso per capita de 600 millóns de chinos non chega a dous dólares diarios e vense sometidos a espolios constantes por parte dunhas autoridades locais que escapan do control dun poder central que, aínda co seu autoritarismo, non é quen de impoñer doadamente as súas consignas. (Foto: Campus Universidade de Beijing).
 

O mundo chino deixou o ano do galo para entrar no ano do can. Non será un ano fácil. No seu imaxinario, o can é, sobre todo, inquedo, e esa inquedanza, moitas veces laboriosa e leal, vai presidir boa parte dos acontecementos do mundo oriental. A orixe dese desacougo non será a gran economía, senón os problemas sociais e políticos, tanto internos coma externos. As previsións de crecemento da economía china para o 2006 sitúanse arredor do 9% e os últimos axustes estatísticos, equivalentes ao PIB de Austria, permitíronlle asentarse como a cuarta potencia económica mundial.

Pero os problemas sociais comezan a ser moi serios en China. O peso do social e do ambiental gaña espazo na preocupación dos novos dirixentes. Moitos critican xa abertamente o descoido con que se xestionou o medre das últimas décadas. A idea de que primeiro é a eficacia e logo a xustiza acabou por xerar unhas desigualdades que agora Hu Jintao promete corrixir, exaltando o valor da harmonía social, como clave para o progreso e a estabilidade do país. Por poñer un exemplo, neste ano, e por primeira vez dende o abandono do maoísmo, a educación obrigatoria será gratuíta en Beijing. A capital é das máis ricas do país, pero na inmensa maioría de China, a saúde ou a educación son segmentos que o poder público abandonou. O ingreso per capita de 600 millóns de chinos non chega a dous dólares diarios e vense sometidos a espolios constantes por parte dunhas autoridades locais que escapan do control dun poder central que, aínda co seu autoritarismo, non é quen de impoñer doadamente as súas consignas.

Hu Jintao argumenta a necesidade dunha nova mirada a todos estes problemas, reclamando un poder á súa medida. O Fillo do Ceu quere afirmar o seu poder para garantir o éxito do novo impulso reformista do seu mandato, que debe rematar en 2013, na fronteira entre o dragón e a serpe.

No exterior, o máis probable é que Xapón siga recibindo a mesma cara de can que ata agora. Hu visitou numerosos países de Europa, de África, de América e mesmo de Asia, pero non visitou aínda ao veciño nipón, con quen se acrecentan as diferencias. Taiwán centra boa parte das disputas máis fondas. Os independentistas do PDP e da TSU reciben un apoio importante de Tokío. Na capital china esas relacións xeran moito desacougo. Hu conseguiu nestes anos retomar a senda da recuperación da influenza na illa rebelde. Pero a crise política taiwanesa (cinco gobernos nos últimos seis anos) pode agravarse nos próximos meses.