O artigo fai parte do Informe Nós No Mundo 2023-2024 "Conectar á Diáspora á Acción Exterior de Galicia". Este artigo foi escrito por Serafín Pazos, Coordenador da Liña de investigación en Unión Europea do IGADI e Karan Novo, economista e representante do Festival Emigrason.
Nós no Mundo 2024

O asociacionismo galego en Bruxelas: banco de probas do futuro da galeguidade

O 24 de Xullo de 2024 celebrouse o Maratón de Galeguidades. Organizado polo IGADI, foi un percorrido mundial da diáspora galega: entrevistas e tertulias online saltando de país e continente e retransmitidas en directo pola IGADITV- A lista de reproducción completa con vídeos por país, así coma un resumo dispoñibles en Youtube constitúe un valiosísimo documento para entender a diversidade e diferentes xeitos de entender a diáspora e a propia galeguidade. Bruxelas non podía faltar, por capital de Europa onde miles de galegos viñeron traballar nas e arredor das institución europeas e por capital de Bélxica, onde durante corenta anos existiu unha ampla comunidade galega que chegou a ter dous centros galegos un en Saint Gilles/Anderlecht (o barrio galego) e outra no centro.
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Palabras chave Galicia diásporas

O segmento bruxelense correu a cargo de Serafín Pazos, veterano en Bruxelas de 20 anos e secretario no seu día da Asociación Couto Mixto Bruxelas, que aínda existe, e organizador do Festival de Cans en Bruxelase Karan Novo, con 4 anos na cidade e xa coordinador de dúas edicións do Festival EmigraSon, de ampla repercusión mediática en Galicia. Evidenciouse rapidamente dúas diferencias sobre a necesidade e utilidade de organizar actividades culturais galegas no exterior. Esta conversa é un rico resumo de 20 minutos dos dilemas aos que se enfronta a diáspora galega xa case superado o primeiro cuarto do século XXI.

Dicía Serafín Pazos, parcialmente retomando varios traballos de investigación sobre a diáspora galega en Bruxelas que a presenza galega non é a falta de xente (coma xa ocorre en moitos centros de emigración galega europea e latinoamericana) nin de iniciativas: hai só dez anos había dous centros galegos, entre eles a sala de festas privada máis grande de Bruxelas, unha xestora cultural con acceso a un teatro, varios grupos musicais e mesmo unha libraría Galega e Portuguesa (Orfeu) a carón dunha tenda galega “Gallaecia” versión moderna das máis serodias das tendas e restaurantes que existían nos barrios galegos do sur da cidade, (e da que sobrevive “España Calidade”) e da que o Couto Mixto , fundado no 2006 supuña unha versión máis postmoderna, cultural e centrada nos galegos de maletín.

E malia todo isto, só unha década despois, para cando chegou o EmigraSón apenas quedaba nada. Moi doroso a desaparición sen dar nin pedir explicacións pola desaparición dos bens do Centro Galego. Simbólico foi a enorme biblioteca, moito máis completa cá de moitos concellos de Galicia cun riquísimo fondo pagado polo goberno galego durante décadas e que desapareceu da noite á mañá, así coma todo o fondo documental de catro décadas de asociacionismo galego en Bélxica. Máis dramático aínda, logo de tanta presenza galega en Bruxelas a maioría de belgas e eurócratas non sabe que é Galicia nin onde está. En Bruxelas, coma en Galicia, sobran iniciativas pero falta concertación. Así que cada nova iniciativa faise conscientemente á marxe do que xa existía, en vez de construír sobre o pouso deixado por outros.

Karan Novo, pola súa banda mantén que as novas formas de emigración exterior galega, nos últimos tempos máis enfocados cara a grandes cidades europeas (Londres, Berlín, Bruxelas), mudaron na súa forma de relacionarse. No caso particular de Bruxelas, existen eventos esporádicos como poden ser o EmigraSON ou as actividades do Couto Mixto que recollen a parte da galeguidade. Tamén, organizados por varios grupos de WhatsApp que dinamizan quedadas nas datas máis relevantes para a diáspora; o día das Letras Galegas, o Apóstolo, ou os magostos. Dende o seu punto de vista, estas novas formas de relacionarse non rachan co “anterior”, coa idea que hai no imaxinario galego dos centros galegos e a emigración, senón que só a transforman e están “cos tempos”.

Se ben é certo que todas estas iniciativas son impulsadas por individuais ou grupos de individuais, Karan mantén que se queremos posicionar Galicia na liga das grandes redes de poder de nacionalidades cohesionadas, como poden ser a catalá ou mesmo a italiana, é necesario crear e artellar unha rede de galegos en Bruxelas que parta dunha estratexia en conxunto coa Xunta de Galicia, e que poda servir como rede de apoio e de contactos.

Non é de esquecer que unha gran parte de galegos e galegas que traballan en Bruxelas, coñecen os labirintos das políticas europeas, da importancia de estar e de tratar de influír moito antes de que estas se publiquen e o que é máis importante: están posicionados no núcleo do policy-making que despois afecta ás actividades políticas, sociais e económicas de Galicia.

Capitalizar esto debería ser unha prioridade na política exterior da Xunta en un sitio como Bruxelas, na que teñen unha oficina (a Fundación Galicia Europa) que cuns recursos limitados chega máis lonxe do que poderíamos pensar en temas de política comunitaria.

A creación dun Foro Galego en Bruxelas que dinamizase actividades tanto sociais como de traballo podería ser dun gran valor engadido para Galicia. Dende a organización de xuntanzas despois de traballar (after-works, para os anglófilos) para cohesionar á diáspora galega, ata charlas de entidades galegas que viñeran expoñer ás súas prioridades á capital comunitaria, pasando por actividades que poñan en valor a gastronomía, a cultura, a música galega para que o soft-power que ten Galicia siga medrando serían dun valor enorme para o potencial que podería ter o pobo galego en materia comunitaria.