O aumento da fenda dixital, económica e social
images 1

O modelo de dixitalización imposto

A dixitalización da información presenta vantaxes sobradamente coñecidas: desde o aumento da eficiencia e da produtividade derivada da substitución de tarefas manuais por ferramentas dixitais, pasando polo incremento do acceso á cantidade información e de datos e coñecemento, o aforro de custes de recursos físicos como o almacenamento ou a impresión, a mellora da conectividade global facilitando a conexión instantánea desde case calquera lugar, a flexibilización da xornada laboral e o traballo a distancia, ata o fomento da creatividade dixital a nivel artístico, musical ou de desenvolvemento de software.

dgitalizar pyme

A planificación europea

Conscientes da nova realidade dixital, en decembro de 2022 o Parlamento Europeo e o Consello da UE adoptaron a Decisión pola que se establece o Programa Estratéxico para a Década Dixital 2030, que fixou catro ámbitos que centrarían a transformación dixital de Europa: a) Formar cidadáns con capacidades dixitais e profesionais do sector dixital moi cualificados; b) Desenvolver infraestruturas dixitais sostibles que sexan seguras e eficaces; c) Transformar dixitalmente ás empresas; d) Dixitalizar os servizos públicos.

Como resposta á axenda dixital europea, o estado viña de distribuír en 2021 os fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia en catro eixos principais, dos cales o segundo estaba centrado na transformación dixital (os outros foron a transición ecolóxica, a cohesión social e territorial e a igualdade de xénero). Para atender os eixos de actuación marcados neste plan puxéronse en marcha unha serie de pancas de apoio a nivel estatal, sendo a quinta delas a destinada á planificación territorial española, destinada á modernización do ecosistema industria-servizos, orientándose á dixitalización e transición enerxética. Ademais desta planificación, a posteriori o Estado planificou a existencia dun PERTE específico de dixitalización.   

A nivel galego, a execución dos Fondos NextGenerationEU focalizouse en catro eixos de actuación (a) Modernización do tecido produtivo; b) Mobilidade sostible e transporte ecolóxico; c) Cohesión social e territorial; d) Administración dinámica e dixital, estando dous deles –o primeiro e o cuarto- aliñados coas estratexias dixitais precedentes.

As eivas do modelo de dixitalización

En pleno vórtice multinivel de planificación, programación e execución de recursos orientados á dixitalización, hai algunhas consecuencias do modelo de dixitalización actual que cómpre ter presentes.

En primeiro lugar, os procesos de dixitalización e automatización no sector privado acaban frecuentemente na supresión –temporal ou definitiva- de empregos. En segundo lugar, o actual modelo de dixitalización da administración pública (e privada) está a producir unha fenda dixital que deriva nun progresivo distanciamento respecto dos cidadáns. Ademais, o actual modelo de  dixitalización das AAPP recae na centrifugación de tarefas cara o sector privado, co conseguinte risco de descapitalización das propias administracións. En terceiro lugar, en canto aos procesos de dixitalización do ensino, e tras a pandemia de Covid-19, a negativa experiencia de aprendizaxe contrastada por alumnado (a formación presencial pública é un factor igualador), docentes e empresariado non debe ser esquecida á hora de implantar novas ensinanzas. En cuarto lugar, coa chegada de innovacións en campos como a intelixencia artificial o impacto ambiental das tecnoloxías -ávidas de metais e terras raras, entre outros- será crecente. Por último, a proliferación de redes sociais, que se serven de contornas dixitais, promoven o incremento do individualismo e a descomposición das redes de apoio presenciais, alén de producir sobrecarga de información e fatiga dixital.

Pero claro, se non se executan os fondos, moitas veces pérdense. Nese dilema ampáranse os policy makers. Pero o actual modelo de dixitalización precisa axustes. Un modelo que redunda en maiores desigualdades entre traballadores e estudantes, maior distanciamento para os cidadáns respecto dos servizos públicos, maior contaminación, e na xeración de burbullas de negocio que enriquecen a aquelas empresas que logren situarse na órbita dos tomadores de decisións, ben merece ser revisado.

[Publicado en Nös Diario o 01-09-2023]