O pasado 11 de outubro de 2019, nun acto organizado pola Academia Galega da Língua Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela “Juventude, Diáspora e Mobilidade Académica” a Directora Xeral da CPLP (Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa) anunciou diante das persoas asistentes, entre outras, a Presidenta do Consello da Cultura Galega, a Vicerreitora da USC e o Director Xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, que España comunicara verbalmente a vontade de adherir á CPLP como observador asociado.
O pasado 11 de outubro de 2019, nun acto organizado pola Academia Galega da Língua Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela “Juventude, Diáspora e Mobilidade Académica” a Directora Xeral da CPLP (Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa) anunciou diante das persoas asistentes, entre outras, a Presidenta do Consello da Cultura Galega, a Vicerreitora da USC e o Director Xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia, que España comunicara verbalmente a vontade de adherir á CPLP como observador asociado.
O anuncio apañou a audiencia por sorpresa. Case con precisión suíza un ano antes, o 9 de outubro de 2018, o Parlamento galego aprobara por unanimidade no Debate do Estado da Autonomía, por iniciativa do BNG, a solicitude da entrada de Galicia na CPLP. A resolución unánime do Parlamento fundamentouse na coñecida como «Lei Paz Andrade» para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía, do ano 2014, tamén aprobada no Parlamento por todas as forzas políticas con representación.
O anuncio representa o final dun camiño (por agora) do que poeticamente e desde o mapa da península ibérica, poderiamos falar de séculos, mais en concreto e acoutando no calendario, unha andaina que iniciara a sociedade civil no ano 1986 coa participación da Comisión Galega do Acordo Ortográfico nas reunións para o Acordo de Unificación da Lingua Portuguesa, en Brasilia (1986) e Lisboa (1990), antecedentes fundamentais para a creación da CPLP en 1996. Participación galega no Acordo Ortográfico que, cómpre significar, se realizou na altura coa aprobación do Ministerio de Asuntos Exteriores da España e coñecimento das autoridades galegas, e a colaboración proactiva do goberno brasileiro (no primeiro caso) e do goberno portugues no segundo, como pode comprobarse na documentación disponíbel.
Así as cousas, coa proposta da entrada do Estado español, a participación directa de Galicia na CPLP como Comunidade Autónoma fica agora na incerteza, á falta de coñecer os plans de incorporación de España á CPLP nos diversos aspectos que deberá recoller o documento de adhesión. Nese plan agardamos un papel relevante e explicitamente recoñecido para Galicia, principalmente e desde o máis puro formalismo, porque a solicitude de entrada de España prodúcese despois das xestións que o Goberno galego realizou en lisboa coa mediación da AGLP, e do traslado da resolución do Parlamento galego ao Ministerio de Asuntos Exteriores do Reino.
Alén das evidentes sinerxías e complementariedades a nivel lingüístico e sociocultural, coidar estratexicamente as relacións desde Galicia coa CPLP e os Estados e territorios de lingua oficial portuguesa, terá que ser un pilar do noso modelo de desenvolvemento do futuro. Falamos do ámbito económico e comercial, mais tamén de ámbitos estratéxicos para Galicia onde temos complementariedades e sinerxías por explotar co espazo xeopolítico da lusofonía: o pesqueiro, o académico, a industria cultural ou o turístico, por significar algúns.
De Portugal ao Brasil ou Macau, pasando polos PALOP (Países Africanos de Lingua Oficial Portuguesa) temos, como galegas e galegos no mundo, unha vantaxe comparativa recoñecible, que desde Galicia debería ser tamén estratéxica tanto para o Estado español como para a Unión Europea.
O Ministerio de Asuntos Exteriores presentou a solicitude formal ao Secretariado Executivo da CPLP en decembro. Se todo se producir coa previsible normalidade, España será admitida ao mesmo tempo que outros estados que presentaron a sua solicitude, como é o caso da Rusia, na Cimeira de Luanda, prevista para xullo de 2020, em que Angola tomará a presidencia pro tempore dese organismo internacional. E o ano non puido comezar mellor para que así sexa, co intercambio de “Obrigados” entre o deputado Néstor Rego e o Presidente do Goberno de España Pedro Sánchez durante a investidura de comezos de ano.
Para a Xunta de Galicia tanto a incorporación de España á CPLP como estes mediáticos Obrigados deberan ser motivo de orgullo, xa que a nosa Estratexia Galega de Acción Exterior, que conta con 2 obxectivos transversais, di no seu primeiro “España debe ver a Portugal como outra nación irmá, merecedora de toda prevalencia na área da cooperación institucional”.
Para que esta Historia para o S.XXI sexa aínda máis interesante, no 2020 será o Día das letras galegas para Carvalho Calero. É o momento, en todos os ámbitos, de pasar da hiperinflación simbólica aos feitos e as medidas concretas. En palabras dun empresario galego significado, non facelo lévanos a seguir perdendo diñeiro… Se é para acontecer que seja agora, que dirían as portuguesas Deolinda.