Artigo publicado orixinalmente en Nós Diario, o 17 de novembro do 2023
agenda2030

Os ODS por mal camiño

No último informe do progreso sobre os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), o secretario xeral da ONU, António Guterres, denuncia que o 80 por cento das 169 metas mostran un progreso feble ou retroceso. Hai quen achaca isto aos efectos da pandemia de Covid-19 pero, en realidade, esta non fixo mais que agravar unha tendencia inapelable. Este réxime de capitalismo depredador e insaciable que nos abafa non é quen de introducir os mecanismos correctores mínimos para garantir que o noso mundo de abundancia reverta nunha mellora das condicións básicas de existencia para a inmensa maioría da humanidade. Os que mandan no mundo viven só para ganar, como cantaba Fausto.
Apartados xeográficos Cooperación ao desenvolvemento
Palabras chave axenda 2030

Dos 17 ODS, o 10, o da redución das desigualdades é o que máis retrasado vai de todos. A desigualdade entre países aumentou por primeira vez en tres décadas. E todo indica que non se contén esa tendencia a pesar da existencia de recursos mais que suficientes para facelo. É por tanto un asunto estrutural e de políticas. O financiamento climático, a axuda oficial ao desenvolvemento, o alivio da débeda ou a reforma financeira internacional amosan un contraste irritante entre a retórica e a falta de vontade para adoptar medidas fiscalmente progresistas.

Mentres os gobernos dos países ricos incrementan as partidas orzamentarias para a defensa de forma espectacular e sen regateos, o FMI e o Banco Mundial volven ás andadas impoñendo condicións para os seus préstamos que van en detrimento dos mais elementais dereitos económicos e sociais, exacerbando a pobreza e a desigualdade. Chamadas agora de consolidación fiscal, volven as políticas de austeridade.

Nun recente informe de OXFAM, o 57 por cento dos países máis pobres do mundo, onde viven 2.400 millóns de persoas, terán que recortar o gasto público nun total de 229.000 millóns de dólares nos próximos cinco anos. Por cada dólar que o FMI alenta a gastar en servizos públicos, esixe un recorte seis veces superior a través de medidas de austeridade. As políticas do BM e do FMI favorecen, di OXFAM, a acumulación de riqueza, castiga aos pobres e aos mais vulnerables e prexudica a sostibilidade das economías.

Para a conxura deste rumbo a única medida sensata é unha acción mundial coordinada para gravar a riqueza e os fluxos financeiros. Pouco probable. Segundo OXFAM, focalizando no Medio Oriente e Norte de África, a prosperidade dos ricos está garantida. As previsións indican que o 0,05 % máis rico viu aumentar a súa riqueza nun 75% nos últimos tres anos. Os 23 multimillonarios da rexión acumularon máis riqueza no último trienio que en toda a década anterior.

A erradicación da pobreza extrema e a fame para 2030 é un obxectivo imposible de cumprir coas tendencias actuais. É máis, segundo as contas do Fondo Internacional de Desenvolvemento Agrícola, daquela seguirán vivindo na pobreza extrema uns 575 millóns de persoas, practicamente os mesmos que en 2015: 600 millóns.

A débeda dos países pobres asfixia as súas finanzas e anula calquera capacidade para financiar o progreso dos ODS. É un circulo vicioso. Segundo a propia ONU, todos os países do Sur en desenvolvemento enfrontan esaxerados custes de endebedamento e pagan máis polo servizo da débeda que pola sanidade ou a educación. Un de cada tres países do mundo corre agora un alto risco de crise fiscal.

Os ODS concretaban a promesa de construír un mundo de progreso, saúde e oportunidades para todos. Ninguén quedaría atrás. O que estamos apreciando, sen embargo, é que a combinación de salto tecnolóxico e tensións estratéxicas está a provocar un agrandamento da mesma fenda que deberamos estar pechando.

Encarreirar a consecución dos ODS antóllase unha ambición necesaria e lexítima. Non obstante, será imposible de todo punto de non se habilitar os compromisos financeiros e políticos para encarar as desigualdades económicas, de xénero e raciais, a crise climática e os conflitos e crises humanitarias actuais.

Sen un incremento do financiamento do desenvolvemento, a reforma dos bancos multilaterais, alivio da débeda, financiamento de continxencia para investir en servizos básicos e enerxía limpa, os ODS seguirán á espera.

Non falemos xa de abordar as causas profundas desta situación, comezando por acoutar o poder das grandes multinacionais que condicionan os modelos de desenvolvemento. Os gobernos deben tomar en serio os riscos derivados dunha situación que de seguir agravándose, afectará criticamente á estabilidade global.

A galaxia alternativa que xira en torno aos BRICS, as plataformas financeiras como o BAII ou o NBD, teñen aquí unha oportunidade para idear propostas capaces de transcender este colapso. A grave crise de liderado nestes asuntos é un ingrediente tóxico. Precisase un novo enfoque que parta do aseguramento deses dereitos económicos e sociais básicos que tamén son dereitos humanos.