Polonia racha un muro na UE

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Jerzy Buzek, ex primeiro ministro polaco, fixo historia a semana pasada en Estrasburgo ó ser elixido presidente do Parlamento Europeo. Así, Buzek, convertese no primeiro político dos antigos países do Centro e Leste de Europa que ocupa un cargo relevante na Unión Europea.

Esta elección pode significar a fin da división entre os “vellos” e os “novos” membros da UE e un xesto simbólico cando se celebra o 20º aniversario da reunificación europea. No seu discurso como novo presidente do Parlamento, Buzek  afirmou que “non hai vós e nós. Esta agora é a nosa Europa compartida”. A elección é positiva, pero non solucionará, por si mesma, os problemas de harmonización en moitos destes Estados coa primeira velocidade da Unión.

O polaco ocupará unha das tres grandes cadeiras da UE, pero, de feito, é a presidencia de menor poder político. Esta elección, ademais, permitirá aos europeos occidentais seguir tendo o monopolio dos postos clave, é dicir, a presidencia da Comisión Europea, o Alto Representante da Política Exterior e, se entra en vigor, o Tratado de Lisboa, a presidencia do Consello da UE, polo que podería parecer máis unha decisión política ca democrática.

Os países da Europa do Leste que ingresaron na UE nas últimas dúas ampliacións están subrepresentados nas institucións europeas. As diferencias entre os Estados membros son evidentes. Dende a ampliación de 2004, a presidencia do Consello da UE soamente en dúas ocasións foi asumida polos novos membros (Eslovenia, xaneiro-xuño 2008, e República Checa, xaneiro-xuño de 2009). Ademais, en ocasións evidenciouse falta de confianza por parte dos membros occidentais da representación que fan da UE os membros do Leste, dando lugar a conflitos diplomáticos e desacreditando á Unión. Por exemplo, na crise de Gaza o pasado xaneiro amosouse un notorio choque de competencias, cando o presidente francés Nicolás Sarkozy apresurouse a actuar en nome da UE, nun momento en que a presidencia rotativa estaba en mans da República Checa.

Así mesmo, non se conseguirá unha solidariedade e igualdade entre tódolos Estados membros mentres algúns países, como Reino Unido, seguen gozando dun status especial. Parece haber membros de primeira e de segunda, pois os países “vellos” puideron elixir adoptar ou non o Euro ou ingresar no espazo Schengen, mentres que para os novos membros é unha condición obrigatoria para adherirse á Unión. É como se un pano de aceiro invisible continuase separando Europa e non é de estrañar que nos países de Europa do Leste haxa unha certa desconfianza de cara á UE. A Unión padece unha crise de confianza e a cohesión interna dos seus membros púxose en dúbida no transcurso dos últimos anos.

En Polonia, o nomeamento de Buzek foi celebrado como o reflexo da influencia crecente do país e consideran que reforzará a súa posición en Europa e no mundo. Sen dúbida, Polonia debe ter un peso na Unión, pois representa a metade en materia demográfica e económica dos xa non tan novos membros, pero aínda está por ver que deixemos de falar de Europa do Leste e do Oeste no eido da Unión Europea.