Moitos fenómenos da vida política dende a segunda mitade do século XX teñen en común a perda de sentido de valor do que é público fronte ao que é privado. O desprestixio da clase política e da política mesma como actividade é un dos mais visibeis. Pero tamén responden a esa clave os fracasos da chamada "terceira vía", das novas esquerdas e das novas direitas, a crise da seguridade cidadá, a precariedade en tantas esferas básicas, e moitos outros motivos de preocupación de cada día na vida das nosas sociedades.
Semella que perdimos de vista a "res publica", coa que naceu a noble dedicación a un aspecto esencial da criación do humano no seu millor sentido. O neoliberalismo e os seus avatares transformistas, entre os que se contan as novas socialdemocracias, non foron só antosocialistas, senón fondamente "antisociais". Que é como decir negadores do público.
Urxe moito precisar e salientar o ámbito do público, no seu concepto e na sua realidade. Porque, igual que tantas outras dimensións da vida humana, existe ainda que non a queramos ver, pero non é operativa se non a concienciamos e elaboramos. Non é doado definir o que é público con fórmulas positivas. Como tantas outras realidades, das mais importantes da política e da vida, é máis facil contestar á pergunta decindo o que non é. Poderíase decir, por exemplo, que hai unhas necesidades comúns aos humanos que non poden ser atendidas por una actividade inspirada en criterios de proveito privado. Esto que albiscamos na teoría estase vendo a cotío na práctica. Nun país tras outro verifícase que os servicios públicos non poden ser prestados pola empresa privada. Desde os correos ata a saude, desde a policía ata os ferrocarrís, cando se xestionan con criterio de proveito privado, perden o seu carácter de servicio a toda a cidadanía. Có pretexto de que o consumidor escolle o que prefire, prívase do disfrute de eses servicios a boa parte dos cidadáns; e decir, deixan de ser públicos. Péchanse estacións ou liñas ferroviarias non rentabeis, obrígase a que acudan a servicios paralelos ou máis caros a quen queira servicios postais eficaces, ou a quen queira atrincheriarse na seguridade da sua casa para isolarse dunhas ruas perigosas. Rúas que deixan de ser espacio público por non estar públicamente protexidas.
Non son cuestións menores que encontren solucións por separado. Hai que se remontar a principios moi fundamentales. A esfera pública está no cerne da democracia. O democrático é defender os valores públicos por riba de todo e protexelos contra o dano que lle poden facer tanto os intereses privados como o propio Estado.
Un dos factores que dificulta a restauración dos valores públicos é que ata agora foron monopolizados polo Estado. Por razóns moi válidas, sen dúbida. No fondo, porque no Estado foi onde parecía que poderían sintetizarse as varias forzas sociais, e onde poderían localizarse responsabilidades políticas. Simplificando moito, esa foi a esencia do longo e nunca rematado proceso de democratización que alentou a grande aventura do Estado moderno. Chegou, nembargantes, unha hora na que o Estado foi deixando de ser o foco das esperanzas democratizadoras. Por duas bandas: a do experimento do "socialismo real" e a da "ocupación" do Estado, nos países alleos a ese experimento, por intereses sectoriais prepotentes e, no fondo, privados. Non pode ser ese xa o foco da "res publica".
Cando se fala de que non é axeitada a empresa privada para xerir os servicios públicos (por eficaz que sexa noutros terreos), axítase inmediatamente o espantallo do estatismo, sinónimo da reximentación, falta de libertade, burocracia e asfixia da iniciativa individual.
Habería que ir pensando, pois, en emancipar o concepto do público do de estatal, como alternativa ao privado, que ten con certeza a sua esfera de actuación propia e respetabel, pero que non pode servir de proveedor de servicios públicos. Nin, o que é ainda máis importante, de cementador da vida social.
A polis ten que definir e configurar algo máis que a âlibertade de escolla", que en todo caso non existe para quen non poida mercala. Sen ese algo mais, ¿cómo adxudicar recursos e necesidades humanas básicas nas que non hai escolla? A saúde, por exemplo, ou o direito ao traballo, ou a supervivencia física.
O problema e o perigo das chamadas entidades paraestatais, que non son as que temos en mente ao falar desta emancipación, é que se prestan tanto ou máis que o Estado á corrupción e o caciquismo. Habería que definir moi ben os lindeiros có monopolio, para o que se pode recurrir á definición clara da necesidade pública a que responden. E facelas responsables a órganos mais representativos da pluralidade que os gobernos. Hai implicacións orzamentarias interesantes e pouco exploradas ainda, como a transferencia de poderes fiscais que permitan o financiamento aparte dos recursos estatas en xeral. Todo un universo conceptual que explorar e que ter claro para analisar o existente e proxectar o futuro.
Compre non esquecer que hai unha proxección internacional da supravaloración do privado na idea de que o mercado mundializado pode ser a base, o motor e o axente da comunidade internacional. Nembargantes, nin os valores das diversas sociedades e culturas, nin as do mundo en conxunto, poden ser definidas, respetadas nin servidas polo interés privado.
Unha tarefa intelectual e política que podería valer a pena é a de cómo artellar e democratizar axentes non estatais do interés público. Non será fácil, pero precisámola para un futuro mais respirabel. Os bens e servicios públicos non son un luxo que haxa que sacrificar, son os alicerces de tecido social mesmo, sin o que nada do demais funciona. E iso non ten precio nin se atopa no mercado.