Sombras serbias

Os asasinatos de Zeljko Raznatovic, alias Arkan, antigo xefe das milicias paramilitares serbias, e de Pavle Bulatovic, ministro de Defensa iugoslavo, reflicten certa pugna e descomposición no seo do núcleo básico de apoio con que conta o Presidente Slobodan Milosevic.Algúns observadores destacan o feito de que ambos crimes puideron ser obra de auténticos "profesionais". Únicamente persoas moi preparadas serían capaces de golpear en menos dun mes e en pleno corazón de Belgrado, a dúas referencias claves do réxime.

Pero as causas reais destas accións poden ser múltiples. En primeiro lugar, cabería a hipótese dunha acción impulsada e planificada dende o exterior. Tería sentido para acadar dous obxectivos de indudable importancia: dunha banda, restar apoios significativos a Milosevic; doutra, enviar unha clara mensaxe ó propio Presidente iugoslavo e outros acólitos a propósito da súa vulnerabilidade (¿será Radovan Karadzic o seguinte?). En suma, que ninguén está a salvo. Nesa coidada estratexia, poderían participar, claro está, servicios secretos occidentais, ben directamente, ou valéndose, poñamos por caso, de sectores vinculados á guerrilla da UÇK. Cómpre ter en conta que todo o Kosovo podería ser contemplado neste sentido como un inmenso campo de entrenamento para preparar operacións de intelixencia.

A diferencia do caso de Iraq, nas capitais occidentais non se manifestan operadores que confíen na utilidade destes "pequenos empuxes", é dicir, na liquidación física de certas persoalidades para precipitar os cambios políticos que non chegan; pero podería habelos. Vista a inoperancia do Partido Democrático e outras instancias opositoras, agobiado pola frustración, alguén podería perder tanto a paciencia como a confianza na virtualidade dun cambio dende dentro; esta arela ademáis cobraría certo carácter urxente para evitar a emerxencia doutra guerra nos Balcáns, esta vez para impedir a secesión de Montenegro.

Outra hipótese explicaría esta nova escalada no dramático proceso iugoslavo a través de conxeturas exclusivamente internas. Unhas farían de Milosevic o instigador e outras, simplemente un presidente que vai a menos, incapaz de poñer orde entre os seus seguidores. Certamente pode existir interese en eliminar testigos incómodos en previsión dunha remota comparecencia ante o Tribunal internacional que xulga os crimes cometidos na antiga Iugoslavia; pero tamén para minguar escollos que porían pegas a unha nova operación de travestismo político, que probablemente esixiría o seu sacrificio, para establecer un marco de conciliación coas potencias occidentais. Pero quizáis resulte máis creíble, algunha composición para reducir a poderosa influencia política que nos últimos anos gañaron os sectores vinculados á guerra na economía e no aparato estatal iugoslavo. A hipótese dunha guerra mafiosa non se pode desbotar totalmente, sobre todo no caso de Arkan, un tanto alonxado da primeira liña da política nos últimos anos, pero non noutros. A converxencia de dinámicas internas e intereses exteriores, de ambicións políticas e intereses criminais, tampouco sería descartable.

En todo caso, o novo clima xerado por esta situación acentúa a percepción do esgotamento do propio sistema, do camiño sen saída en que se atopa, e, sobre todo, advirte a existencia dunhas arrepíantes dinámicas con vida propia, á marxe das institucións e dos procedementos usuais para resolver as diferencias do tipo que sexan, asediando ó conxunto da sociedade serbia. Son as sombras das guerras iugoslavas que aínda tardarán en esvaerse.