O eixo electoral
Imaxe sen dereitos de autor 1 1

Tres candidatos e un país en suspenso – 1ª volta nas eleccións presidenciais do Perú

Imaxina un país no que, nos últimos dez anos, oito persoas diferentes ocuparon a presidencia. Non por mortes, nin por revolucións senón por vacancias, renuncias forzadas, autogolpes de Estado e crisis institucionais nun bucle que semella estar no día da marmota. Ese país non hai que imaxinalo porque é o Perú. E, a pregunta que estaba no aire o pasado domingo 12 de abril, non era tanto quen pasaría a 2ª volta, senón se o sistema democrático por fin sería capaz de producir un presidente que realmente puidera gobernar ante un abanico de máis de 35 candidatos.
Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Latinoamérica

Un país esgotado de si mesmo

Para entender estas eleccións é necesario coñecer o camiño que atravesou o país nos últimos dez anos. Todo comezou cando, nas eleccións presidenciais de 2016, Pedro Pablo Kuczynski gañou a presidencia por un marxe mínimo fronte a Keiko Fujimori, mentres o fujimorismo obtiña 73 dos 130 escanos do Congreso. Ese desequilibrio de poder permitido polo sistema peruano inaugurou un ciclo de confrontación entre o Executivo e o Lexislativo que non parou ata hoxe (Infobae Perú, 2026a). Kuczynski renunciou en 2018 para evitar a vacancia, envolto no escándalo Odebrecht. O seu sucesor, Martín Vizcarra, foi destituído en 2020 por “incapacidade moral”, figura constitucional que o Congreso converteu nun instrumento político de uso case cotián, e acabaría sendo condenado a catorce anos de prisión. Manuel Merino durou cinco días antes de que as protestas cidadás o forzasen a dimitir. Francisco Sagasti asumiu como presidente de transición. Pedro Castillo gañou en 2021 cun discurso agrarista e antiestablishment, gobernando en medio dun caos ministerial constante ata que en decembro de 2022 intentou disolver o Congreso e gobernar por decreto, un autogolpe frustrado que acabou coa súa detención e posterior condena a once anos e medio de prisión. Dina Boluarte, a súa vicepresidenta, asumiu o cargo e sobreviviu durante máis de dous anos a múltiples intentos de vacancia, ata que o Parlamento acabou por destituíla. Isto levaría a que o Lexislativo elixira a José Jerí en outubro de ano pasado como presidente de transición pero acabaría sendo destituido en febreiro par que finalmente José María Balcázar ocupara a presidencia de xeito interino para entregar o mando ao gañador das elecciones deste ano 2026 (Perú Mira, 2025).

O mecanismo que fixo posible todos estos cambios de presidencia foi a vacancia por “incapacidade moral”, contemplada no artigo 113 da Constitución. A súa natureza permite un marxe amplo ao Congreso para interpretar que condutas xustifican a destitución dun presidente. O resultado, segundo o politólogo Alonso Cárdenas da Universidade Antonio Ruiz de Montoya, é que o Perú “xa non funciona baixo un presidencialismo clásico”, senón baixo “un parlamentarismo forzoso, improvisado, sen partidos fortes que estruturen o poder” (Infobae Perú, 2026b). Dende 2016, o Congreso activou ese mecanismo en seis ocasións diferentes (Directorio Lexislativo, 2026).

O custo humano e institucional deste ciclo é visible en todos os indicadores. Os homicidios anuais case triplicaron entre 2018 e 2025, pasando de 1.000 a 2.600 casos. As denuncias por extorsión multiplicáronse por oito no mesmo período, de 3.200 a máis de 26.500 (Infobae Perú, 2026c). O crimen organizado, con vínculos internacionais e control sobre sectores como a minaría ilegal, desprázase pola xeografía peruana con maior velocidade que o Estado. Segundo enquisas previas á votación, máis do 60% dos electores acudiría ás urnas en 2026 con escepticismo ou rexeitamento cara ás instituciones (Infobae Perú, 2026a). A consigna “que se vayan todos” voltou a circular nas redes sociais con forza.

O proceso electoral de 2026 incorpora dúas novidades institucionais de calado. En primeiro lugar, a reintrodución do sistema bicameral, con 130 deputados e 60 senadores por primeira vez en trinta anos, coa expectativa de que a existencia de dúas cámaras complique e realentice os procesos de vacancia presidencial. En segundo lugar, novas regras de acceso a escanos que poderían reducir drasticamente a fragmentación parlamentaria: segundo as proxeccións previas, só cinco partidos lograrían representación no novo Congreso, fronte ás ducias de grupos que poboaron as lexislaturas anteriores (Directorio Lexislativo, 2026).

É neste escenario no que 35 candidatos competiron pola presidencia peruana o 12 de abril. Nin un só superaba o 12% de intención de voto nas enquisas previas, reflexo dunha desconfianza cara ao sistema político no seu conxunto (Directorio Lexislativo, 2026).

Os candidatos á segunda volta.

Con preto do 93% das actas procesadas no momento de redactar estas liñas os resultados parciais sitúan a Keiko Fujimori (Fuerza Popular) en primeiro lugar cun 17,60% dos votos válidos, seguida de Roberto Sánchez (Juntos por el Perú) cun 11,97% e Rafael López Aliaga (Renovación Popular) cun 11,93% (ONPE, 2026). A diferenza entre o segundo e o terceiro posto non supera os 30.000 votos sobre un universo de máis de 15 millóns de sufraxios emitidos nun reconto que leva, case unha semana, sen dicirnos que dous candidatos serán presentados en segunda volta polas dificultades presentadas a hora de validar as actas presentadas en diversas zonas do Perú.

Keiko Fujimori: a candidata que non rende

Hai algo case fascinante na resistencia electoral de Keiko Fujimori. Por cuarta vez en quince anos, a filla do expresidente Alberto Fujimori encabeza o escrutinio nunhas eleccións presidenciais peruanas. O fujimorismo transformouse e, a diferenza do seu país, Keiko Fujimori intentou institucionalizar ese partido en fronte da idea de movemento líquido que o seu pai mantiña. Esa estrutura partidaria, con presenza nacional real, militancia activa e representación parlamentaria estable, é o que lle permite conseguir un 17% case invariable dende hai quince anos, sen importar demasiado o contexto.

Os seus bastións están na costa norte do país e en amplas zonas da selva, rexións onde o aparato de Fuerza Popular ten máis décadas de implantación territorial. O seu voto é relativamente homoxéneo por toda a xeografía, o que a diferenza dos candidatos con apoios máis concentrados.

O seu programa de goberno xira en torno a dous conceptos que se repiten como un mantra: orde e estabilidade. En materia económica, a proposta defende o modelo de libre mercado, a independencia do Banco Central de Reserva, a consolidación fiscal e a reorientación do gasto cara a sectores produtivos (Gestión, 2026a). Para a minaría, sector chave da economía peruana, propón distribuír directamente o 40% do canon mineiro ás comunidades afectadas, nunha tentativa de reducir a conflitividade social que xera a extracción de recursos. No terreo da seguridade cidadá, a principal preocupación dos peruanos segundo todas as enquisas, propón aumentar o número de efectivos policiais, mellorar o seu equipamento e endurecer as penas contra o crime organizado (El Comercio, 2026a). En educación, contempla a construción de 2.000 novos colexios e a eliminación do que denomina a ideoloxía de xénero dos currículos escolares.

O seu principal lastre é o propio legado familiar e os anos de Fuerza Popular no Congreso. Investigada pola suposta recepción de fondos de Odebrecht para financiar campañas pasadas, con tres fracasos consecutivos en segunda volta e un antifujimorismo que se mantén vivo o gran interrogante de cara ao balotaje de xuño é se poderá ampliar ese teito histórico do 17%.

Roberto Sánchez: o candidato que chegou dende o sur

Se hai un protagonista inesperado destas elecciones, ese é Roberto Sánchez. O psicólogo huaralino e exministro de Comercio Exterior durante o goberno de Pedro Castillo, chegou á campaña cunha proposta que en Lima soaba a marxinal e que no interior rural do país conectou cunha forza que os sóndeos previos non souberon anticipar. Nas primeiras horas do escrutinio, cando a ONPE procesaba fundamentalmente actas limeñas, o seu resultado era modesto. Conforme chegaban as actas da serra e da selva, o seu porcentaxe foi medrando ata superar a López Aliaga e instalarse no segundo posto (La República, 2026).

Os seus bastións son as zonas rurais do interior, especialmente a serra sur e a selva, territorios onde o discurso castillista de reivindicación do “Perú profundo” ten maior arraigo. En Lima, pola contra, o seu apoio é moi limitado.

O programa de Juntos por el Perú parte dun diagnóstico radical: o modelo neoliberal está esgotado. A proposta central é a convocatoria dunha Nova Constitución que devolva ao Estado a soberanía sobre os recursos naturais, recupere a capacidade de regulación dos mercados e consagre un Estado social e democrático de dereito nun Perú definido como plurinacional e intercultural (Infobae Perú, 2026d). En economía, propón un modelo mixto no que o sector público e o privado coexistan, coa prioridade posta na produción nacional e na defensa dos traballadores fronte ao capital transnacional, xunto con créditos accesibles para as pequenas empresas e impulso á agricultura familiar. En seguridade, aposta por un enfoque de dereitos humanos, a creación dun Sistema Nacional Integrado de Información Criminal e a desarticulación das mafias desde a súa base financeira (Andina, 2026). En educación, propón aumentar as becas de pregrao ,o programa Beca 18, e incrementar o orzamento das universidades e institutos públicos. E, como bandeira irrenunciable, comprométese a liberar a Pedro Castillo, a quen considera vítima dun complot golpista: “Ha llegado el momento de la verdadera refundación de la patria: una patria soberana, justa y construida desde las bases del pueblo peruano”, declara Sánchez (CNN en Español, 2026).

Se confirma o pase á segunda volta, o balotaxe de xuño reproduciría a mesma fractura territorial e de clase que fixo de 2021 un proceso histórico.

López Aliaga: a ira como programa

Rafael López Aliaga, empresario e exalcalde de Lima, membro do Opus Dei e referente da ultradereita peruana, protagonizou desde a noite electoral un espectáculo político que as misións internacionais de observación describiron con preocupación crecente.

Os seus bastións son fundamentalmente Lima e as grandes cidades costeiras, onde o seu paso pola alcaldía da capital lle deu visibilidade e onde o discurso de orde e eficiencia xestora conecta mellor co electorado urbano. Fóra do ámbito metropolitano, o seu apoio é marcadamente máis feble.

O seu plan de goberno para Renovación Popular defínese baixo unha concepción humanista e cristiá, con énfase na familia como base do ben común. En economía, a proposta máis chamativa é elevar o crecemento anual do 2-3% actual ata o 7% mediante un shock de inversión, a simplificación tributaria a xeración de dous millóns de empregos novos e a creación dun Banco Pyme (Gestión, 2026b). En seguridade, aposta por medidas de man dura: unidades itinerantes de pacificación cidadá, videovixilancia integral, ampliación do servizo de intelixencia, un convenio con Estados Unidos para extradición de cabecillas criminais e a utilización das Forzas Armadas na loita contra o crime organizado (Infobae Perú, 2026e). En canto ao Estado, propón unha reestruturación profunda co obxectivo de eliminar burocracia, reducir ministerios e crear un código do servizo público con sancións por mal desempeño.

O problema é que, cando os datos comezaron a mostrar que Sánchez o superaba no segundo posto, López Aliaga decidiu non aceptalo. Sen presentar probas, acusou de fraude aos organismos electorais, convocou os seus seguidores, esixiu a detención inmediata do xefe da ONPE e ameazou con convocar a “insurgencia civil” (El Comercio, 2026b).

Que Perú emerxe destas eleccións

Con case o 93% do escrutinio completado, o que estas eleccións revelan vai moito alén dos porcentaxes. Ningún candidato supera o 17% en primeira volta. Catro deles comparten entre o 11 e o 17% dos sufraxios. Oito de cada dez peruanos votaron por alguén distinto ao líder da primeira volta. A fragmentación é case matemática, e reflicte algo máis profundo que a mera proliferación de candidaturas: é a expresión dunha desconfianza cidadá cara ao conxunto do sistema político que ningún candidato conseguiu mobilizar de xeito positivo.

A segunda volta de xuño presentará, con case toda probabilidade, un escenario de polarización intensa. Se o rival de Keiko é Sánchez, o balotaxe reactivará a fractura territorial e de clase que definiu 2021. Se é López Aliaga, o antifujimorismo histórico seguirá pesando, pero a dinámica será distinta. En calquera caso, o relevante nestas eleccións presidencias é que o presidente que salga das urnas poida, por primeira vez en dez anos, lograr algo que parece sinxelo pero que en Perú é case imposible que é gobernar.

Referencias bibliográficas:

Andina – Agencia Peruana de Noticias. (2026, 11 de marzo). Elecciones 2026: conoce el plan de gobierno de Roberto Sánchez Palomino. https://andina.pe/agencia/noticia-elecciones-2026-conoce-plan-gobierno-roberto-sanchez-palomino-1062540.aspx

CNN en Español. (2026, 15 de abril). Quién es y qué propone Roberto Sánchez, el izquierdista que pugna por pasar a la segunda vuelta en Perú. http://cnnespanol.cnn.com/2026/04/15/latinoamerica/peru-candidato-izquierdista-roberto-sanchez-orix

Directorio Lexislativo. (2026, abril). Perú. Elecciones presidenciales y legislativas 2026: informe preelectoral. https://alertas-v3.directoriolegislativo.org

El Comercio (Perú). (2026a, 15 de abril). Keiko Fujimori: estos son los motivos por los que pasó a segunda vuelta por cuarta vez y los hitos de su campaña. https://elcomercio.pe/politica/keiko-fujimori-estos-son-los-motivos-por-los-que-paso-a-segunda-vuelta-por-cuarta-vez-noticia/

El Comercio (Perú). (2026b, 15 de abril). Rafael López Aliaga denuncia “fraude” y pide que se declaren nulas las elecciones. https://elcomercio.pe/politica/elecciones-generales-2026-rafael-lopez-aliaga-denuncia-fraude-noticia/

Gestión. (2026a, 12 de abril). Keiko Fujimori a segunda vuelta: estas son sus propuestas sobre el gasto público, Petroperú, Mypes, minería y más. https://gestion.pe/economia/keiko-fujimori-a-segunda-vuelta-de-las-elecciones-generales-2026-propuestas-noticia/

Gestión. (2026b, 12 de abril). Rafael López Aliaga camino a segunda vuelta: cuáles son sus propuestas económicas. https://gestion.pe/economia/rafael-lopez-aliaga-de-renovacion-popular-camino-a-segunda-vuelta-propuestas-economicas-noticia/

Infobae Perú. (2026a, 31 de decembro de 2025). ¿Está el Perú al borde de otro colapso político en 2026? https://www.infobae.com/peru/2025/12/31/esta-el-peru-al-borde-de-otro-colapso-politico-en-2026/

Infobae Perú. (2026b, 18 de febreiro). Crisis política en Perú: seis de los últimos ocho presidentes no llegaron al poder por elecciones. https://www.infobae.com/peru/2026/02/18/crisis-politica-en-peru-seis-de-los-ultimos-ocho-presidentes-no-llegaron-al-poder-por-elecciones/

Infobae Perú. (2026c, 12 de abril). Perú elige a su nuevo presidente entre 35 candidatos en una de las elecciones más complejas de su historia. https://www.infobae.com/peru/2026/04/12/peru-elige-a-su-nuevo-presidente-entre-35-candidatos/

Infobae Perú. (2026d, 15 de abril). Roberto Sánchez pasaría a segunda vuelta junto con Keiko Fujimori: este es el programa de gobierno del candidato de izquierda. https://www.infobae.com/peru/2026/04/15/roberto-sanchez-pasaria-a-segunda-vuelta-junto-con-keiko-fujimori-estos-son-los-planes-de-gobierno/

Infobae Perú. (2026e, 6 de abril). Plan de gobierno de Renovación Popular 2026-2031: propuestas en economía, seguridad ciudadana, migración y salud. https://www.infobae.com/peru/2026/04/06/plan-de-gobierno-de-renovacion-popular-2026-2030/

La República (Perú). (2026, 16 de abril). Resultados ONPE en vivo: Sánchez supera a López Aliaga [cobertura en directo]. https://larepublica.pe/politica/2026/04/12/resultados-elecciones-2026-en-vivo-onpe-noticia/

La República (Perú). (2026b, 25 de marzo). Elecciones 2026: sin mayoría en el Senado, el próximo gobierno enfrentará el mismo ciclo de crisis. https://larepublica.pe/politica/2026/03/25/elecciones-2026-sin-mayoria-en-el-senado-el-proximo-gobierno-enfrentara-el-mismo-ciclo-de-crisis-hnews-961625

Oficina Nacional de Procesos Electorales (ONPE). (2026, 16 de abril). Resultados oficiales parciales: Elecciones Generales 2026 [base de datos en liña]. https://www.onpe.gob.pe

Perú Mira. (2025, 12 de outubro). Perú (2016–2026): 8 presidentes en una década de turbulencias políticas. https://perumira.org/peru-2016-2026-8-presidentes-en-una-decada-de-turbulencias-politicas/