¿Un novo branqueo? A comisión británica que vai investigar a invasión de Iraq

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Tiña cento once anos cando morreu. Era o derradeiro sobrevivente dos soldados de infantería que sofriron o pesadelo da “guerra de trincheiras” nas gabias enlamadas de Francia ou Bélxica, no conflicto de 1914-1918.  Harry Patch, inglés, fontaneiro de profesión, non quixo por moitos anos falar do horror daquela guerra, mais chegou un momento na sua vida que decidiu convertirse en voceiro da paz para denunciar os enganos e miserias da guerra que ía acabar con todalas guerras.  Xoves pasado, día 6 de agosto, foi agasallado nun funeral como él quería: sen honras militares (ás que tiña dereito) e con prohibición de que houbera armas nas honras fúnebres. Coa morte de Harry Patch péchase un doroso capítulo da historia europea sen que en momento algún se tiveran pedido responsabilidades a políticos e xefes militares que – cousa probada – por ineptitude e orgullo foron causantes da morte de toda unha xeración.  Todo foi silenciado, branqueado: un auténtico whitewash, en certeira expresión inglesa.

¿Estaremos ás portas dun novo branqueo coa comisión encarregada de investigar a guerra de Iraq, constituida recentemente no Reino Unido?

Despóis dos longos traballos de duas comisións, pretendidamente serias, que non chegaron a acrararen nada porque o goberno de Tony Blair, amparándose na pantasma da “seguridade nacional” negouse a achegar documentación fundamental, o actual goberno británico acordou crear unha nova comisión investigadora.  Presidida por un ex alto funcionario público, Sir John Chilcot, a comisión tén o mandato de esculcar en profundidade os antecedentes, o desenvolvemento e as consecuencias da invasión de Irak en procura das “armas de destrucción masiva” de Sadam Hussein.

De entrada, o Primeiro Ministro Gordon Brown pretendía que as actuacións da comisión fosen privadas. Sir John Chilcot dixo que non, que serán públicas “na sua maioría”.  E que terán que comparecer como testemuñas tanto Tony Blair, “que ordenou esa desastrosa guerra”, como Gordon Brown, “que asinaba os cheques”, dito con palabras do dirixente liberal demócrata Nick Clegg (unha guerra que lle está costando 6.500 millóns de libras ao contribuinte británico).

Mais nin así parece que cheguemos a saber a verdade.  Primeiro, porque a Comisión Chilcot non é un tribunal e as testemuñas non van decrarar baixo xuramento de decir a verdade. Segundo, porque o labor da Comisión é inmenso – abarcará os acontecementos entre o vran de 2001 e o final de xullo de 2009 – e calcúlase que as conclusións non serán públicas antes de 2011; de xeito que, como en xuño de 2010 terá que haber eleccións xerais, os traballos da Comisión non incidirán na campaña electoral.

Amáis, o propio Sir John Chilcot xa tén dito que algunhas sesións terán que se celebrar a porta pechada, “de conformidade coa necesidade de protexer a seguridade nacional, e outras veces para que as testemuñas poidan falaren crara e abertamente”.

“Será bonito voltar a ver xuntos aos membros da vella cuadrilla”, decía, sin grandes esperanzas do resultado, Marina Hyde, comentarista do xornal “The Guardian”1 (por certo que, cando no Reino Unido se fala da vella cuadrilla da guerra de Irak, non aparece o ex presidente Aznar: a “foto das Azores” non parece ter tanta trascendencia nestas latitudes).  Mais a comentarista engadía que Toni Blair sabe moi ben cómo tourear comisións, mesmo si lle fan preguntas delicadas. Marina Hyde fala do hipotético caso de que alguén lle pregunte a Blair si, con tantos mortos en Iraq, durme ben polas noites. “Tranquilamente”, respondería. Pregunta desperdiciada, dí a xornalista.

A opinión xeral – fora dos círculos oficiais – é de desconfianza sobre os posibles resultados da Comisión Chilcot.  E as informacións que a cotío falan de outros probables casos de futuras comisións non achegan confianza. Por unha banda, a presunta complicidade dos servicios británicos de espionaxe en casos de tortura de sospeitosos de terrorismo, ainda que sexa por admitiren “probas” obtidas por quén sabe qué métodos noutros países: non calan as voces que esixen investigar. Por outra, a guerra de Afganistán, con mortos británicos pouco menos que cada día e que agora adquire novas e preocupantes dimensións desde que hai moi poucos días o novo Xefe do Exército británico estimou que os militares británicos van ter que permanecer en Afganstán trinta ou corenta anos máis.

1 “My alternative to another round of Iraq whitewashing”, The Guardian, 1 de agosto de 2009, páx.30.