Sande Veiga, Diego

O Secretario do IGADI, Diego Sande, gaña o XXVI Premio Colmeiro da EGAP

O Premio Manuel Colmeiro convócase pola Escola Galega de Administración Pública para destacar traballos de investigación que teñan como obxecto a Administración pública de Galicia. Nesta ocasión premiou o traballo de Diego Sande “As políticas rexionais de innovación empresarial en Galiza. Análise de resultados no tecido produtivo a través do fondo tecnolóxico”.

A obra, que será obxecto de publicación, trata a problemática da eficiencia na planificación, deseño e implementación das políticas europeas de innovación rexional na Comunidade Autónoma, así como das dificultades na absorción de recursos europeos por parte do tecido produtivo.

Diego Sande, coordenador da Liña de investigación en Economía do IGADI, é membro do grupo de investigación ICEDE (Innovación, Cambio Estrutural e Desenvolvemento) da Universidade de Santiago de Compostela e profesor na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. É ademais funcionario de carreira en excedencia da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade. Anteriormente, foi galardoado co Premio Extraordinario do Mestrado en Desenvolvemento Económico e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela e co Premio de Investigación sobre Emprego concedido polo Concello de Santiago de Compostela.