Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 17 de Novembro de 2012 Abelaira Fernández

A lingua galega, un valioso instrumento de política exterior

Por todos é coñecido que Galiza posúe un amplo e consolidado conxunto de especificidades de carácter identitario, histórico, social e mesmo cultural que lle confiren unha posición privilexiada á hora de presentarse perante a sociedade internacional. E unha delas, senón a máis poderosa en materia de acción exterior, sería a nosa lingua, o galego.

Porén, na actualidade semella que para o goberno galego (ese que deixa a nosa política exterior nas maos dun simbólico departamento dentro dunha consellería, a de Presidencia), o noso idioma en vez de ser unha ferramenta que nos sitúa no mundo e nos permite trabar toda unha serie de amizades e ábrenos un grande abano de oportunidades económicas e de progreso, é máis un símbolo dun pasado que xa non está acorde aos tempos que corren. Mais ben calquera diría que emprega-lo galego ven a ser como aínda posuír certos costumes bárbaros, que non é un medio válido para moverse polo mundo xa que quen o usa asociase novamente cunha certa forma de ser paifoca, co cal non poderá inserirse de xeito satisfactorio no mundo laboral. O galego non serve para medrar.

E é neste aspecto onde as nosas autoridades deberían incidir: o galego e mailo portugués está acreditado que son variantes dunha mesma lingua e que, polo tanto, esta serve como eixo comunicativo coa comunidade lusófona no mundo, a cal atópase representada ao longo de 4 continentes por máis de 250 millóns de persoas.

Estamos no contexto ideal para inserirnos de cheo dentro da comunidade lusófona, ente que se está a converter nunha larpeirada ben apetitosa, posto que as economías de países como Angola e Mozambique, e mesmo dos PALOP no seu conxunto (Países Africanos de Lingua Oficial Portuguesa) atópanse nunha continua expansión e nin que dicir ten da disparidade de recursos estratéxicos que albergan dentro das súas fronteiras, o cal acrecenta o seu atractivo.

De feito, Angola é a economía máis puxante neste momento de todo o seu continente (algo normal, pois posúe óleo, gas, ouro e diamantes), o que á súa vez confírelle unha relación privilexiada coa China e o entorno dos BRICS.

Pola súa parte, Mozambique constitúe ao longo do tempo un importante banco de pesca para a flota galega, nun período en que, mais unha vez vemos como Europa se obstina en poñer obstáculos no camiño cunha política pesqueira que despreza os intereses de Galiza.

Outro caso é o da China, Estado-continente destinado a converterse no curto prazo, na principal potencia política e económica mundial, algo que os galegos, da mao da lusofonía non deberíamos desaproveitar, valéndonos como porta de entrada a ese comercio da ex-colonia lusa de Macau.

E tampouco podemos deixar de lado o Brasil, a quen se sinala neste 2012 (segundo o FMI) como a sexta economía mundial (e a maior de América do Sur) e que fai parte dos denominados BRICS (Brasil, Rusia, India, China e África do Sur), simbolizando unha verdadeira locomotora do desenvolvemento. Ademais, cómpre destacar que a súa poboación é a máis numerosa do seu entorno xeográfico e que agora ultima a preparación de dous acontecementos relevantes: a Copa do Mundo de Fútbol no 2014, e os Xogos Olímpicos, no 2016, o que abre aínda máis as perspectivas de negocio, incentivadas polo poderoso crecemento que poidan experimentar sectores como o do turismo e os servizos.

Como vemos, no contexto dunha crise brutal e de consecuencias cada día máis incertas, países como Brasil ou a India (onde non debemos esquecer a rexión de Goa, plenamente tamén integrada na lusofonía) posúen unhas altas cotas de crecemento que contrastan coa nosa recesión.

Desta forma, ben lles conviría aos nosos empresarios e entidades privadas deixar de lado as súas endémicas xenreiras contra a lingua galega e tirar proveito do seu potencial comercial para abrirse novas oportunidades de negocio empresarial. Por iso, os galegos deberiamos centrar a nosa acción exterior en estabelecer, en base a ese feito de compartirmos unha lingua común, relacións privilexiadas con este entorno xeopolítico, poñendo de manifesto o noso papel de ponte entre a cultura hispana e a lusa así como a nosa localización marítima estratéxica de conexión entre as dúas beiras do Atlántico.

Afortunadamente, nestes últimos tempos semella que algo comeza a moverse entre o tecido empresarial galego e neste mesmo outono a FEGAPE (Federación Galega de Parques Empresariais), lanzou unha campaña á que denominou `` O galego, chave para os teus negocios no mundo ´´,  que remarca a potencialidade do noso idioma como vantaxe competitiva dentro dos países da órbita lusófona. O mercado da lusofonía  ten atinxido unha quinta parte dos 12.000 millóns de euros que a nosa economía exportou ao longo de todo o ano 2011. Os nosos empresarios farían ben en perseverar nesta andaina e as nosas autoridades, tamén.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais