Por Pablo L. Orosa, no IGADI Annual Report 2018-2019.

África subsahariana: desafíos democráticos para deixar atrás o estigma dos dramas humanitarios

Unha ducia de países africanos, entre eles Nixeria ou Sudáfrica, afrontan este 2019 procesos electorais que poñerán a proba a madurez democrática dun continente ameazado pola colonización económica e o terror xihadista, mais que avanza a paso firme cara un futuro con axenda propia.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos África
Palabras chave Galicia internacional
Idiomas Galego

Unha ducia de países africanos, entre eles Nixeria ou Sudáfrica, afrontan este 2019 procesos electorais que poñerán a proba a madurez democrática dun continente ameazado pola colonización económica e o terror xihadista, mais que avanza a paso firme cara un futuro con axenda propia.

Aínda que a narrativa mediática continúa a achegar a imaxe africana expresada no famoso libro de Joseph Conrad, O corazón das tebras (1899), a dos paisaxes salvaxes, solpores maxestosos e barbarie social, o continente pula cara un discurso propio que lle está a representar grandes beneficios: solucións africanas para problemas africanos. Deste lado do mundo apenas se fala de que, dende principios de século, a esperanza de vida aumentou nunha década, de que Gana eliminou as cegueiras causadas polo tracoma ou de que en Ruanda hai drones que se encargan de levar aos hospitais a sangue necesaria para as transfusións. Trátase da outra África. Da África que non vemos.

Está o continente inmerso nunha transformación descomunal patrocinada polo xigante chinés. O Programa de Desenvolvemento de Infraestruturas en África (PIDA, en inglés) prevé instalar, antes de 2040, 37.200 quilómetros de autoestradas, 30.200 de camiños de ferro e 16.500 de liñas eléctricas, así como xerar 54.150 megavatios de electricidade a través de centrais hidroeléctricas e aumentar a capacidade dos peiraos en 1.300 millóns de toneladas.

O Goberno chinés, embarcado no impulso dunha nova Ruta da Seda, é o principal inversor destes proxectos: do novo hub aeroportuario en Addis Abeba, da conexión ferroviaria entre Etiopía e Djibuti -onde China ten a súa primeira base militar en territorio estranxeiro-, de turística liña entre Nairobi e Mombassa en Kenia, da autoestrada entre Dakar e Bamako ou do gran proxecto hidroeléctrico Inga 3 na República Democrática do Congo (RDC), onde vai da man da construtora española ACS.

Unha diplomacia económica que lle granxea o control de boa parte dos recursos naturais do continente e que lle outorga un papel cada vez máis decisorio na xeopolítica rexional: en Sudán do Sur, onde a China National Petroleum Corporation (CNPC) manexa o transporte de petróleo, o que nunha das repetidas crises do país obrigou a Beijing a romper o principio de non intervención e despregar tropas en chan africano, o goberno chinés é un dos principais interlocutores para o proceso de paz.

Esta nova -ou non tan nova- expresión colonial é unha das principais ameazas para o continente africano. As antigas metrópoles, como Francia no Sahel, e o gardián estadounidense, non renuncian ás súas esferas de influencia, o que alimenta a inestabilidade nun territorio proclive historicamente á división tribal.

O escándalo pola inxerencia de Cambridge Analytica no proceso electoral do pasado ano en Kenia, que tivo que ser repetido por irregularidades, foi só un aviso do que pode acontecer nun 2019 no que as dúas locomotoras do continente acudirán ás urnas: Nixeria, co problema da milicia islamita de Boko Haram na cerna do país, con eleccións en febreiro; e a Sudáfrica da corrupción, con comicios ao redor de maio. Non son os únicos: ata unha ducia de países, entre eles Senegal, Mauritania, Alxeria, Tunicia ou Mozambique, poñerán a proba os seus avances democráticos.

Porque pese ao empoderamento democrático do continente, aínda son visibles os atrancos provocados pola corrupción ou o nepotismo. A caída de Robert Mugabe en Zimbabue (2017) foi un aviso para outros líderes africanos eternizados no poder, como son os casos de Paul Biya en Camerún, Teodoro Obiang en Guinea Ecuatorial ou Yoweri Museveni en Uganda. As demandas de cambio nun continente que alberga ás 10 sociedades máis novas do mundo, todas con idades medias por debaixo dos 18 anos, son incompatibles cos réximes autoritarios impostos por estes mandatarios. O recente levantamento popular en Sudán contra Omar al Bashir é o último caso.

A loita xihadista

O cóctel de pobreza, aldraxes históricos, presión demográfica e desafecto político segue a facilitar a expansión xihadista polo continente. Os movementos locais, como Boko Haram en Nixeria ou Al Shabab en Somalia, víronse impulsados pola carreira entre Al Qaeda e o Estado Islámico (ISIS polas súas siglas en inglés) polo dominio da xihad global.

Aínda que os herdeiros de Osama Ben Laden manteñen o liderado polo seu vencello histórico coas loitas en África, a nova estratexia do ISIS trala caída de Raqqa (Siria) supuxo a entrada dun novo xogador no escenario africano: a toma da centenaria cidade de Qandala no norte de Somalia ou as escisións no Magreb atomizan e complican aínda máis a loita contra o extremismo islámico. Por riba, no paupérrimo norte de Mozambique agroma tamén un novo grupo radical do que non hai máis pistas que a súa voz armada contra o desleixo do seu territorio.