Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
18 de Novembro de 2020 VV.AA.

O Movemento Islámico do Turquestán Oriental (MITO) xa non é “terrorista” para os EUA

Luís Antonio González Francisco é especialista en seguridade internacional e terrorismo xihadista

«Pola presente revoco a designación do Movemento Islámico do Turquestán Oriental, tamén coñecido coma ETIM [siglas en inglés do East Turkestan Islamic Movement], como unha "organización terrorista”» Con este burocrático formulismo, Michael R. Pompeo, Secretario de Estado dos Estados Unidos de América (EUA), asinaba unha resolución datada no 20 de outubro do 2020, que foi publicada no Rexistro Federal, o xornal oficial do goberno dos EUA, o día 05 de novembro, cando xa se coñecía o resultado das eleccións presidenciais que anticipan un máis que probable relevo na Casa Branca.

As autoridades chinas fixeron pública a súa frontal oposición á postura adaptada polos seus homólogos estadounidenses a través Geng Shuang, portavoz do Ministerio de Relaciones Exteriores de China, quen declarou: «O Movemento Islámico do Turquestán Oriental (MITO) é unha organización terrorista incluída na lista do Consello de Seguridade da ONU. Nos últimos anos membros do MITO levaron a cabo actividades en áreas devastadas pola guerra e o caos, e confabuláronse con forzas terroristas internacionais». Geng Shuan destacou a preocupación do seu goberno pola actividade en Siria de xihadistas uigures e seu posible retorno a China trala ofensiva turca na rexión. Tamén suliñou que os integrantes do Movemento Islámico do Turquestán Oriental deben ser combatidos «onde queira que estén e co nome que teñan».

Imaxe 1.- Fonte:  https://news.cgtn.com/news/2020-11-06/Pompeo-s-green-light-for-injiang-terrorism-is-callous-opportunism-VbXiYiedHO/index.html

O Movemento Islámico do Turquestán Oriental (MITO) é orixinario da rexión de Xinjiang, situada nunha remota área de China no deserto de Taklimakan.  Limita cos estados veciños de Kazajstán e Paquistán. A lonxanía que mantén  cos principais centros de decisión de China ponse de manifesto en que a distancia que a separa de Bagdad, a capital do Iraq, e menor que a que mantén con Beijing. Xinjiang tamén é coñecida coma “Turquestán do Leste” ou “Uiguristán” en referencia á etnia orixinaria da rexión, os uigures. Este grupo étnico, que ten a súa propia lingua e profesa fundamentalmente o credo islámico, xa no é maioritario en Xinjiang. Isto é debido á política imprementada polas autoridades chinas  coa denominación de “Desenrolar o Oeste”.

Baixo este aparentemente aséptico epígrafe escóndese a vontade do goberno de Beijing orientada a fomentar o asentamento na zona de cidadáns doutras rexións do país pertencentes a etnia Han, maioritaria na China. Os cidadáns étnicamente uigures teñen grandes limitacións nos seus dereitos xa que aos musulmáns non lles está permitido afiliarse ao Partido Comunista Chino (PCC) o que leva aparellado o veto automático de acceso a calquer posto de poder. Ademais, ata os menores de idade poden ser detidos se son vistos practicando o rezo. Tamén se da con relativa frecuencia o arresto, baixo acusacións non de todo claras, de destacados líderes da comunidade. O acoso que sofren os uigures non se limita unicamente á rexión de Xinjiang xa que noutras localizacións, coma na mesma capital do país, cando as autoridades ten coñecemento da concentración en determinados barrios de compoñentes da diáspora uigur, as vivendas son derrubadas sen previo aviso.

O Movemento Islámico do Turquestán Oriental (MITO) ten as súas orixes na década dos anos 80 do pasado século. Dende o ano 1997 ten as súas bases en territorio do Afganistán. No 1998, o líder del grupo, Hasan Mahsum, recibiu na capital afgán un pasaporte dos talibáns, que controlaban Kabul dende o 1996. A Misión Permanente da República Popular China ante as Nacións Unidas informou o 29 de novembro do 2001, que o MITO mantiña estreitos vínculos tanto cos talibáns como con Al Qaeda, a organización entonces liderada por Osama Bin Laden- Al Qaeda teríalle facilitado a Hasan Mahsum un total de 300.000 dólares americanos en varios envíos. A misión diplomática china tamén facía referencia a varios ataques atribuídos ao grupo, algún dos cales databa do 5 de abril do ano 1990. Durante esa xornada, no municipio de Barin, membros da organización xihadista provocaron máis de 100 baixas, contando mortos e feridos, entre os que había civís e militares.

En xaneiro do 2002 as autoridades chinas fixeron público un documento no que sinalaban que unha organización denominada Movemento Islámico do Turquestán Occidental (MITO) asentada en Afganistán e apoiada e financiada» por Al Qaeda fora responsable de numerosos ataques terroristas en Xinjiang. Beijing seguiu mantendo que a violencia na rexión era responsabilidade do MITO e doutro grupo considerado coma sucesor deste o izb al-Islāmī al-Turkistānī, Partido Islámico do Turquestán(PIT). O Consello de Seguridade das Nacións Unidas incluíu, o 11 de setembro do 2002, ao MITO na lista de organizacións que apoiaban a Al Qaeda e mantiñan vínculos cos talibáns e co Movemento Islámico do Uzbekistan (MIU).

Militantes do grupo desprazáronse ao territorio afgán baixo control dos talibáns en distintas localizacións coma Kabul, Mazar-i-Sharif, Kunduz, Herat, Qandahar, Sheberghan ou Wardak para recibir adestramento militar. Trala invasión do Afganistán polos EUA no  ano 2001  e coa posterior  caída do goberno dos talibáns, a organización trasladou súa base de operacións a Waziristán do Sul nas Áreas Tribais baixo Administración Federal do Paquistán . No 2003, nunha operación das forzas armadas paquistanís, foi abatido Hasan Mahsum, líder do grupo. Este foi relevado por Abd al-Haqq al Turkistani. No ano 2005, Abd al-Haqq al Turkistani entrou a formar parte da Shura (Consello) de Al Qaeda. En febreiro do 2012, Ayman Al Zawahiri, “emir” de Al Qaeda fixo un chamamento aos musulmáns do mundo a desprazarse a Siria para derrocar ao “pernicioso e canceríxeno réxime” de Bachar Al Assad. En outubro dese mesmo ano, Yin Jinan xeneral de división do Exército Popular de Liberación, as forzas armadas chinas, sinalou que, con ocasión da guerra civil siria, individuos de organizacións radicadas en Xinjiang estaban aproveitando a situación para acadar un maior nivel de experiencia militar e elevar seu perfil entre outros grupos xihadistas .

O canal Al Aan TV, que emite en árabe dende Dubai (Emiratos Árabes Unidos), situou a cifra de uigures trasladados a zona de conflito sirio-iraquí no pouco probable espectro duns 10.000-20.000 individuos. Outros cálculos, como os de Uran Toktonazarovich Botobekov, Doutor en Ciencias Políticas pola Academia Nacional de Ciencias da República do Kirguistán, apuntaban no 2017 , de maneira posiblemente máis realista,  que uns 2.000 xihadistas uigures e os seus familiares, teríanse desprazado a Siria. Destes, uns seiscentos incorporaríanse ao Daesh resultando mortos ou fuxindo a Turquía, Paquistán e o Afganistán.

Un vídeo propagandístico titulado “Emigración a Deus”, difundido a finais de maio do 2018, recollía as experiencias de xihadistas de diversas orixes que contaban como acabaron recalando no territorio de conflito sirio-iraquí. A gravación estaba firmada por izb al-Islāmī al-Turkistānī in Bilād al-Shām, o Partido Islámico do Turquestán (PIT) no Levante (Siria).Este grupo xa tiña xogado un importante papel nunha ofensiva desenrolada no ano 2015 en Jisr al Shughur na provincia  de Idlib, ao noroeste da Siria, Naquela ocasión o TIP estaba integrado nunha coalición chamada Tahrir Sahl al-Ghab (“Batalla da Vitoria”)  na que participaban varias organizacións xihadistas, coma por exemplo a Fronte Al Nusrah ou Ahrar al Sham.

 

Imaxe 2.- Fonte: https://news.cgtn.com/news/2019-10-17/China-ETIM-terrorists-must-be-fought-globally-wherever-they-are--KRvKPtUY5G/index.html

Aló polo 2015, o PIT publicara unha gravación na que aparecían nenos recibindo adestramento no manexo de fusís de asalto. Un contido de similares características tamén se difundira no 2013. Amais diso, un atentado levado a cabo por Zoir Khalilov, un xihadista de etnia uigur con pasaporte tayiko, aos mandos dun vehículo carregado con explosivos que impactou contra a porta da embaixada china en Bishkek, a capital de Kirguistán, foi atribuído ao TIP polas autoridades kirguises.

Imaxe 3.- Fonte: http://thelineofsteel.weebly.com/news/turkistan-islamic-party-in-syria-shows-little-mujahideen-in-new-video

Segundo Thomas Joscelyn, da FDD, o Partido Islámico do Turquestán (PIT) é a denominación máis común do Movemento Islámico do Turquestán Oriental (MITO), é esta organización «é claramente parte da rede de Al Qaeda; non hai dúbida real sobre ese feito. Al Qaeda non oculta o seu patrocinio do PIT e o PIT no oculta súa lealdade a Al Qaeda. Pero as detestables políticas do PCCh [Partido Comunista da China] levaron a algúns activistas da democracia a descartar o xihadismo manifesto do TIP».

Pese a que non parece haber dúbidas sobre a política represiva das autoridades chinas respecto dos uigures musulmáns de Xinjiang, todo o que se opoña a ela ten que ser necesariamente bo. As informacións dispoñibles do MITO/TIP parecen mostrar que se trata dunha organización netamente xihadista.

Esta circunstancia confírelle unha axenda propia e específica polo que un eventual apoio a organizacións deste tipo pode facer, como en outras ocasións, que escape ao control de aqueles que puidesen ter interese en fomentalas, indirectamente e/ou de facto. Pese a se busque debilitar ao adversario empregando calquera medio, unha situación inxusta rara vez se corrixe con outra.

Queda por ver se esta decisión do Departamento de Estado dos EUA corresponde aos estertores dunha administración que -politicamente falando- está agonizando ou se esta actitude ante o MITO/TIP se manterá no curto-medio prazo. Parafraseando a Charles Bukowski, xenial escritor e poeta -estadounidense tamén-: « Esas e outras cousas demostran que a vida xira sobre un eixo podrecido».

Luís Antonio González Francisco.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais