Para intentar comprender cara a onde se dirixe a China do presidente Xi Jinping, o primeiro é botar unha mirada cara atrás, en concreto, a 1921. Unha das campañas ideolóxicas máis intensas do seu mandato é a que leva por título “permanecer fieis á misión fundacional”. O relevo que debe acompañalo na dirección do PCCh a partires de 2022, a sexta xeración, terá na súa bagaxe ter vivido a China da reforma de Deng Xiaoping pero a experiencia de Mao, a máis dura e agre, constituirá para moitos un relato remoto.
Para intentar comprender cara a onde se dirixe a China do presidente Xi Jinping, o primeiro é botar unha mirada cara atrás, en concreto, a 1921. Unha das campañas ideolóxicas máis intensas do seu mandato é a que leva por título “permanecer fieis á misión fundacional”. O relevo que debe acompañalo na dirección do PCCh a partires de 2022, a sexta xeración, terá na súa bagaxe ter vivido a China da reforma de Deng Xiaoping pero a experiencia de Mao, a máis dura e agre, constituirá para moitos un relato remoto.
O énfase de Xi en sintetizar e nunca contrapoñer as Chinas de Mao e Deng pretende resaltar o fío de continuidade dun mesmo ideario. En boa medida, o que algúns cualifican de manifestacións de retorno á época maoísta responden a esa lóxica. Xi viviu esa etapa. Tiña 23 anos cando Mao faleceu. A insistencia en rescatar termos ou exaltar conmemoracións de circunstancias daquela etapa a modo de coqueteo con certo neomaoísmo, tanto que parecese suxerir a consideración do denguismo como un “desvío”, apunta a non perder de vista a motivación inicial do proxecto, onde radica o “espírito” do PCCh. É verdade que líderes anteriores tamén secundaban esta práctica pero cun sentido máis ritual e infestado de advertencias.
Dese empeño xorde o “nacionalismo vermello” como marca distintiva do xiísmo. Dunha parte, o propósito de revitalización nacional; doutro, a prosperidade común. O modelo político inaugurado en 1949 permanece practicamente intacto; pola contra, a realidade económica e social cambiou drasticamente, como tamén a significación de China no concerto mundial. O feito máis notorio nesta traxectoria é a reconciliación operada coa propia cultura, tamén o máis recente da súa metamorfose ideolóxica.
Pesan xa que logo neste desenvolvemento unha inxente infinidade de claves locais, as singularidades chinesas que o PCCh reivindica como xustificación dunha orixinalidade diferenciadora. E aínda que podemos contrapoñelas á experiencia occidental, xa sexa na súa formulación liberal ou marxista, o máis que podemos inferir é o orgullo do PCCh por ter ao alcance da man o que a URSS non puido alcanzar. E maniféstao, sobre todo, dende a exhibición da eficiencia, non dende a santificación dun dogma alternativo con vocación irradiadora de alcance global.
A argamasa que moldea a China de Xi vén conformada por ditas tres correntes: a fundacional, a histórica e a cultural. Ao cabo, o PCCh non puido evitar deixarse influír pola forza da cultura do seu propio país. Aí está o Instituto Confucio como mascarón de proa do seu poder brando tras desatar, unha tras outra, campañas ideolóxicas na súa contra. Non sorprende ata que se chegue a defender a planificación económica atendendo á inspiración confuciana e fuxindo da lóxica soviética.
A conxugación destes factores define tanto o ritmo e orientación da súa transformación interna como o seu papel no mundo. Cando Joseph Needham trataba de explicar a imposibilidade do nacemento da ciencia moderna na China imperial centrou a súa atención na eficaz actuación dunha burocracia confuciana que organizou o país creando un marco xeral de estabilidade e impedindo a emerxencia dunha clase mercantil que competise coa súa hexemonía. É o mesmo que hoxe practica o PCCh a respecto desa contorna que pulula ao redor dos sectores emerxentes, impedíndolles o asalto a un Estado que defende contra vento e marea como última garantía dun rumbo alternativo. O estrito control da economía por parte do aparello do Partido ten fortes reminiscencias na ideoloxía imperial.
Por outra banda, queirámolo ou non, o xigantismo chinés fai inevitable a reestruturación da orde mundial. Hai quen ve niso un propósito de desquite ou quizá esa interpretación é mero produto da nosa mala conciencia. En calquera caso, acabamos de ser testemuñas dunha importante inflexión. Do discurso de China campioa da mundialización fronte ao unilateralismo e o proteccionismo dos EUA pasamos dun día para outro ás loas á autosuficiencia económica e tecnolóxica para resistir as presións occidentais. China enrócase para defender a súa soberanía e o dereito a transitar por unha senda propia.
Este novo rumbo deixa máis en claro se cabe que non aspira a expandir o seu modelo, polo demais dificilmente comprensible para terceiros, ambiguo en moitas cuestións e fortemente impregnado dunha cultura de escasa proxección global. Transplantar mecanicamente valores do sistema político chinés a Occidente non funcionaría como tampouco está claro que poidan funcionar sen máis os valores políticos occidentais en China. Nas experiencias históricas recentes nestes empeños predominan máis os fracasos que os acertos e, sobre todo, as traxedias.
Agora, como consecuencia da pandemia e as tensións globais liderada por uns Estados Unidos medorentos de verse ultrapasados, o novo patrón de desenvolvemento que presidirá o impulso económico chinés nos próximos anos suxire tomar distancias dun exterior no que crece a hostilidade. E non é probable que iso cambie coa nova presidencia de Joe Biden, de confirmarse finalmente.