Por Emilio Insua, na Revista Galega de Educación Nº77

Tempo Exterior: Ollar ao mundo desde nós

Desde a segunda metade do século XIX en diante, a cultura galega foi forxando unha tradición relativamente nutrida de revistas e publicacións periódicas, procurando unha “normalización” que, alén do plano idiomático - vector fundamental e irrenunciábel, xaora-, abranguese todos os campos da vida social.

Liñas de investigación Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Palabras chave Galicia internacional
Idiomas Galego

Desde a segunda metade do século XIX en diante, a cultura galega foi forxando unha tradición relativamente nutrida de revistas e publicacións periódicas, procurando unha “normalización” que, alén do plano idiomático - vector fundamental e irrenunciábel, xaora-, abranguese todos os campos da vida social.

Unha simple enumeración non exhaustiva de cabeceiras editadas desde os comezos do século XX ata a actualidade, na que a propia revista que nos acolle debería tamén ter o seu pequeno quiñón, ofrece sen dúbida unha idea do enorme esforzo colectivo realizado, a miúdo en medio de todo tipo de hostilidades e dificultades que levaron en demasiadas ocasións á temperá e/ou traumática desaparición dalgunhas delas: boletín Nós, Logos, Galicia Emigrante, Vieiros, Grial, Revista de Economía de Galicia, Chan, Nordés, Dorna, Man Común, Vagalume, Braña, Teima, Luzes de Galiza (1ªépoca), Ólisbos, Revista Galega de Teatro, O Mono da Tinta, A Festa da Palabra Silenciada, Encrucillada, Casa Hamlet, Agália, Fadamorgana, Unión Libre, Raigame, Escrita Contemporánea, ProTexta, Murguía, Xó!, A Retranca, O Golfiño, GCiencia, Labirinto, Madrygal, Viceversa, A Xanela...

Actualmente, o amplo campo temático da vida social contemporánea, coa súa implícita diversidade de intereses e manifestacións, aparece parcialmente cuberto na lingua de noso por publicacións como Cerna, no eido do ecoloxismo; Andaina, no do feminismo; Nova Ardentía, no mundo da cultura marítima; A Trabe de Ouro, Terra e Tempo e Tempos Novos, no da actualidade política e o pensamento crítico; Luzes e a exclusivamente dixital Vinte, no do xornalismo con enfoques alternativos; etc., etc.

Todo o antecedente quere servir de preámbulo e necesariamente incompleta contextualización para presentarmos unha publicación galega de carácter pluridisciplinar que, próxima xa a cumprir vinte anos de andaina na súa 2ª época, tentou servir desde o primeiro instante de plataforma para termos unha ollada propia sobre os fenómenos xeopolíticos que estaban e están a se producir no mundo. Referímonos a Tempo exterior, promovida polo IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional).

O IGADI (www.igadi.gal) naceu como unha iniciativa cívica e independente en 1991, con vocación de converterse nunha especie de “think tank” galego que se ocupase de reflexionar sobre as tendencias e os problemas da sociedade internacional contemporánea e procurase, ao mesmo tempo, dar pulo ás estratexias que garantisen unha inserción e un papel de Galiza máis relevante no mundo, a todos os niveis. Guiado polos principios da democracia, a distribución equitativa dos recursos, o desenvolvemento sustentábel, o respecto aos Dereitos Humanos e a aposta pola coexistencia e o diálogo como ferramentas de resolución dos conflitos, o IGADI dispuxo de sucesivas sedes (Baiona, Illa de San Simón…), ata recalar actualmente na cidade de Pontevedra, e impulsou, entre moitas outras iniciativas, unha publicación periódica, Tempo exterior.

Nunha primeira época, entre o verán de 1997 e o de 2000, Tempo exterior funcionou como unha especie de dossier editado periodicamente, necesariamente breve, que xiraba sobre asuntos da actualidade internacional do momento.

No entanto, no segundo semestre do ano 2000 deu o salto para se converter nunha revista de estrutura sólida e periodicidade semestral, baixo a dirección de Xulio Ríos, a coordinación de Laudelino Pellitero e un consello de redacción limitado inicialmente a tres persoas: Marta G. Cabrera, Carlos Méixome e Mª Xosé Viqueira. O primeiro número da nova andaina, correspondente a xullo-decembro de 2000, presentouse ao público co esclarecedor subtítulo de “revista de análise e estudos internacionais” e levou unha portada de Pepe Carreiro, portada que se mantivo, no esencial, ata o presente.

Ampliando e anovando paulatinamente o seu consello de redacción (con nomes como Roberto Mansilla Blanco, Daniel González Palau, Luciano Concheiro, Álvaro López Mira, Ánxelo Gonzalves…) e creando asemade amplos consellos asesores (un denominado “consello reitor” e outro “consello académico”), a revista levedou satisfactoriamente durante estas primeira dúas décadas do século XXI mercé ás achegas de numerosas persoas estranxeiras especialistas en temas moi diversos de política internacional, mais tamén grazas á desinteresada colaboración textual dunha longa listaxe de sinaturas autorizadas do propio país, facendo bo o necesario “feed-back” entre o particular e o universal.

Sen ningún ánimo de exhaustividade, cómpre referir a presenza nas súas páxinas de traballos asinados por figuras da política e do tecido cívico galego como Fraga Iribarne, Beiras Torrado, Pérez Touriño, González Laxe, Camilo Nogueira, Xavier Vence, Rosa Miguélez, Ana Miranda, Lidia Senra… Na pléiade de competentes analistas políticos que teñen achegado as súas reflexións á revista podemos nomes como os de Ignacio Ramonet, Fernando Pérez-Barreiro Nolla, Ramón Lugrís, Xosé Luís Franco Grande, Silvia Gómez Saborido, Roberto Mansilla, Argimiro Rojo, Carlos Sixirei Paredes, Luís Álvarez Pousa, Manuel M. Barreiro, Tino Cordal, Antonio Pereira Menaut ou Emilio Martínez Rivas.
Enumerar a totalidade de temáticas e latitudes abordadas na revista esixiría un espazo que non temos, mais cómpre dar idea, tan sequera, da variedade de enfoques e da multiplicidade de focos xeográficos de interese obxecto da súa atención.

As evolucións da economía globalizada, a situación dos dereitos humanos, as iniciativas de cooperación ao desenvolvemento, as evolucións políticas internas relevantes dalgúns estados (Franza, Italia, Alemaña…), os conflitos armados que tristemente se verifican en numerosas áreas do planeta, as problemáticasde diversos pobos sen estado e minorías nacionais e o rol dalgunhas superpotencias como EE.UU., China, Rusia e Xapón foron tratados con pluralidade de opinións nos sucesivos números.

Non deixaron de ser analizados, desde logo, fenómenos do mundo actual como as guerras de Iraq, Siria e Libia, o conflito palestino, a situación do pobo saharauí, o proceso de paz en Colombia ou o terrorismo de Al Qaeda, así como as sucesivas crises nucleares (Irán, Corea do Norte…), a evolución pos-comunista de varios estados da Europa do Leste (Lituania, Polonia, Hungría, Chequia…), a crecente penetración da influencia chinesa en varios continentes, o ciclo de mudanzas políticas vivido en Latinoamérica (Arxentina, Uruguai, Venezuela, Bolivia, Ecuador, o Brasil de Lula da Silva…) e as chamadas “primaveras árabes”.

Tamén houbo continua atención ás evolucións de Cuba e á crise grega, ao lado de reflexións sobre cuestións máis xenéricas e globais como a espionaxe (a raíz do caso Snowden), a cooperación internacional, o rol das ONGs e a evolución da acción humanitaria no mundo, a seguridade alimentar, o grao de respecto aos dereitos humanos, as reformas que debería afrontar a ONU, etc.

O lugar de Galiza neste escenario mundial (particularmente, no marco europeo) e o debate sobre as estratexias e ferramentas que deberían proporcionarlle ao noso país unha presenza activa e beneficiosa nese contexto foron o leit motiv de numerosas achegas á revista, con variadas perspectivas e propostas, moitas delas aínda sen asumir polos poderes públicos. Son de destacar, neste sentido, os traballos en que se deitou atención á acción exterior de Euzkadi e Catalunya (número 26); os que se centraron no labor de internacionalización das Universidades galegas (número 22) e os relatorios presentados ao 2º Congreso de Estudos Internacionais “Repensar Europa desde aquí”, recollidos estes últimos no número 35 de Tempo exterior (xullo-decembro de 2017).

Algunha vez, mesmo cuestións de índole cultural, como a Lusofonía, ou especificamente educativas fixeron parte das súas entregas, con traballos de Manuel Dios, Xesús R. Jares, Santiago Veloso, etc. Co gallo do número 25 (xullo-decembro de 2012), a revista convidou ás súas páxinas escritoras como Rosa Aneiros, Vicente Araguas, Xavier Queipo, García Bodaño, Franco Grande, Domínguez Rey, Riveiro Coello, Fran Alonso e Dores Tembrás e ilustradoras como Noemí López, Pepe Carreiro, Pinto&Chinto, Xose Lois, Orballo, Tokío, Peixe, Manel Cráneo, Xosé Freixanes, Siro e Miguel Cuba.

Tempo exterior, que recensiona en cada número novidades editoriais e bibliográficas sobre os asuntos do seu interese e que ofrece “abstracts” en tres idiomas (galego, castelán e inglés) dos traballos que reproduce, está indexada en diversos repertorios, como LATINDEX, ISOC, DICE e DIALNET.

Polos días en que se escriben estas notas, acaba de poñer na rúa o seu número 38, correspondente ao primeiro semestre de 2019. Con moitos menos asinantes, anuncios publicitarios e apoios institucionais dos que a súa traxectoria, interese, rigor e calidade probabelmente merecerían, a revista camiña non obstante con paso firme cara ao vinte aniversario nesta súa segunda época. Facemos votos porque a celebración se acompañe cun crecemento pola súa parte en todos os sentidos.