Sara García Mato forma parte do equipo técnico da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento, onde se integran ata 43 ONGD galegas. É politóloga, especializouse en cooperación internacional e marketing político e antes de aterrar na Coordinadora traballou na universidade e nas ONGD. Dende hai 9 anos é responsable da área de incidencia política e xestión de proxectos da entidade.
Nós no Mundo 2023: Construíndo o futuro, activando a Lei de Acción Exterior

A Cooperación Galega, todo o que podería e debería ser. Por Sara García Mato

Este artigo fai parte do Informe anual da acción exterior de Galicia Nós No Mundo 2022-2023 “Construíndo o futuro, activando a Lei de Acción Exterior”, podes descarregalo completo aquí.
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia

Para falar do futuro da Cooperación Galega cómpre primeiro dar un paso atrás e distinguir como entenderon e aínda entenden algúns dos nosos gobernos a cooperación internacional para o desenvolvemento, fronte a como a entende a sociedade civil. Esta política naceu como un instrumento ao servizo dos intereses xeoestratéxicos e económicos dos países enriquecidos. Despois da Segunda Guerra Mundial os Estados Unidos necesitaban exportar o seu modelo económico para estender a súa esfera de influencia contra a URSS. O día despois de que Truman pronunciase o seu discurso sobre o estado da Unión en 1949 e establecese a necesidade de “poñer a disposición das rexións subdesenvolvidas do mundo os beneficios dos nosos avances científicos e o noso progreso industrial” da noite á mañá miles de habitantes das rexións do Sur Global descubriron que polo visto eran países subdesenvolvidos. Ata o momento o vínculo entre os Nortes Globais e os Sures Globais era de colonizadores fronte a colonizados, unha relación de sometemento que se resolvía mediante a liberación e a reparación. O cambio a un marco de relación entre países desenvolvidos e países non desenvolvidos, que necesitaban da nosa axuda, resultaba máis conveniente. Aínda que o concepto e bases da cooperación foron mudando dende entón, as institucións e os pesos e contrapesos establecidos condicionárona ata o presente. É por isto que a visión neocolonial, paternalista e utilitarista da cooperación, aquela que non quere cuestionar as causas do mal chamado subdesenvolvemento, aínda pervive en moitos contextos. Isto explica, en ocasións, a selección de territorios aos que se dirixe a Axuda Oficial ao Desenvolvemento. Pensemos por exemplo na relación de España con América Latina ou a de Francia cos países de África Occidental1. Ou no porqué do interese crecente en que as empresas privadas participen da cooperación ao desenvolvemento.

Pero as ONGD sempre defenderon esta política como un instrumento distinto

Somos da escola de Lynn Margulis, a brillante bióloga que tanto tivo que loitar por defender as súas teorías: “a vida é unha unión simbiótica e cooperativa que permite triunfar aos que se asocian”. O mundo que deu orixe a cooperación ao desenvolvemento xa non existe e a realidade internacional é hoxe moi distinta, pero nunca foi máis necesario cooperar.

Parece difícil discutir que estamos ante unha situación de crises múltiples (social, política e económica) e superpostas provocadas por un modelo que non é compatible coa vida no planeta2. A desigualdade, que acadou cifras históricas3, entrelázase coa emerxencia climática: o 10% da poboación mundial posúe o 76% da riqueza e é responsable do 48% das emisións de CO24. E coma sempre son persoas vulnerables quen máis sofren, acadamos un novo máximo de persoas desprazadas forzosas5: 110 millóns, que tiveron que abandonar os seus fogares por mor fundamentalmente dos conflitos e os fenómenos climáticos.

Tamén parece difícil discutir que ningunha destas complexas crises poderá ser solventada dende a individualidade dos estados. Nun mundo globalizado e complexo xa non podemos responder pechando fronteiras, levantado muros… Os problemas, os actores, os campos do xogo económicos ou políticos transnacionalizáronse. Precisamos de alianzas, de gobernanza global, de pactos internacionais pola fiscalidade, polo clima, e tamén -e sobre todo- pola xustiza e defensa dos dereitos humanos.

O V Plan Director da Cooperación Galega

O V Plan Director da Cooperación Galega pon sobre a mesa algunhas oportunidades para reivindicar unha estratexia propia no eido da solidariedade internacional. E ten, ademais, ao seu favor un amplo consenso social e político.

Nun contexto de máxima polarización o novo plan foi aprobado sen votos en contra e contou co apoio dos distintos axentes de cooperación. Un consenso que se reflicte tamén na propia cidadanía: seguimos a ser unha das sociedades europeas que máis defende esta política social6 e a día de hoxe máis de 25.000 persoas compoñen a base social das ONGD galegas asociadas á Coordinadora Galega de ONGD (un número que debe ser ampliado pois non inclúe ás socias de grandes organizacións como Cruz Vermella ou Médicos sen Fronteiras)7.

Agora ben, vai depender da ambición política determinar como será a Cooperación Galega do futuro e ata onde poderá despregarse da man das nosas parceiras sobre o terreo. Porque neste punto é importante lembrar que todo o traballo das ONGD realízase sempre de acordo ás necesidades identificadas polas organizacións sociais e locais dos territorios nos que estamos presentes.

As oportunidades que abre o novo Plan

  • 1. Novos enfoques. O Plan recolle, na definición de ámbitos estratéxicos, moitas das demandas das ONGD para introducir novos enfoques. Fálase de “impulsar a igualdade de xénero cun enfoque feminista, interseccional e de diversidades”; de “loitar contra o cambio climático e promover a sustentabilidade e a xustiza ambientais” ou de “promover a garantía e a defensa dos dereitos humanos, a democracia e o fortalecemento da sociedade civil organizada”. E é precisamente a sociedade civil quen debe premer para encher de contido estes enfoques e conseguir:
    • Que se asuman definitivamente as orientacións das teorías da dependencia e recoñecer que desenvolvemento e subdesenvolvemento ou os centros e periferias do mundo son as dúas caras dunha mesma moeda e que o noso benestar non tería sido posible sen o espolio doutros territorios. Dende esta perspectiva ao mellor tamén cómpre comezar a falar de reparación dende as alianzas e a horizontalidade xunto as nosas socias, e non de “axuda ao desenvolvemento”.
    • Que se aposte polo enfoque ecoloxista. Non hai modelos alternativos que poidan desenvolverse sen entender un axioma que o pensamento occidental parece esquecer: somos ecodependentes, a economía é un subsistema dentro do planeta e non ao contrario e, por tanto, non podemos crecer sen límite. Non hai “transición verde” que poida facerse baseándose no extractivismo. Os galegos e galegas estamos comezando a entendelo na medida en que enfrontamos, cada vez máis, o que moitas comunidades latinoamericanas e africanas levan décadas denunciando sobre os proxectos megamineiros, os macro parques eólicos, etc.
    • Que se avance no enfoque feminista. Este enfoque ten o potencial de cambiar non só a vida das mulleres senón ao conxunto das sociedades. Traballar dende a humildade, situando aos feminismos como un piar fundamental e facelo ademais coa intención de establecer asociacións con movementos e organizacións feministas doutras latitudes, parécenos unha enorme oportunidade. Para avanzar neste eido teremos que cuestionarnos e revisarnos ao interno para ir máis aló do feminismo branco e eurocéntrico e aprender do feminismo decolonial, postcolonial, intereseccional, de ecofeminismo, da economía feminista, etc.
    • Situar a defensa dos dereitos humanos como punto de consenso, na súa definición máis ampla. Non hai desenvolvemento humano nin liberdade real sen dereitos.8
    • Que se aposte polo fortalecemento da propias organizacións da sociedade civil como antídoto e barreira contra o discurso do odio e as axendas do medo. Tamén contra o aumento dos autoritarismos en todo o mundo9. Os novos líderes autoritarios xa non dan golpes de estado, agora preséntase ás eleccións como demócratas e cando chegan ao poder van pouco a pouco acabando con ela, liquidan a separación de poderes, criminalizan a protesta, perseguen á prensa, ás ONG, etc. Tanto é así que unha das patas fundamentais do traballo das ONGD galegas actualmente é o de protexer e amparar ás activistas e organizacións que defenden o territorio ou os dereitos das mulleres. En 2022 documentáronse10 os asasinatos de ata 401 defensores de dereitos en 26 países. América Latina segue sendo a rexión máis mortífera do mundo para estas persoas.
  • 2. Mellores ferramentas. Non é fácil aplicar a Lei de Subvencións no medio dun desastre humanitario ou cando se traballa na outra parte do mundo e nas condicións máis desfavorables. E neste sentido debemos poñer en valor a empatía e esforzos da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e a Unión Europea por adaptar aos distintos contextos a canalización dos fondos da Cooperación Galega. Somos vangarda a nivel estatal pero aínda quedo moito que avanzar.

Os lastres que nos atopamos

O primeiro lastre que atopamos é o compromiso económico, un atranco que é determinante para que o que está escrito sobre o papel poida levarse á realidade. Adicamos só o 0,06% do noso orzamento consolidado á cooperación ao desenvolvemento fronte ao 0,13% de media das CCAA e somos 11ª no ranking na comparativa co resto de comunidades.11 Xa non digamos o lonxe que estamos do compromiso internacional do 0,7%. E o marco orzamentario do novo plan non supón melloras significativas para os próximos anos.

O segundo, a necesidade de avanzar na coherencia de políticas. De pouco vale ter unha Cooperación Galega forte se todo o demais camiña na liña contraria: temos que analizar o comercio de armas, o impacto das actuacións das multinacionais, tamén das galegas, as nosas políticas migratorias, etc. Nesta liña camiñan tamén os propios Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a Axenda 2030.

En conclusión, a Cooperación Galega conta con consenso, con base social e cunha visión renovada.

Agora ben, no vindeiro período 2023-2026 teremos que responder algunhas cuestións fundamentais:

  • Que cooperación queremos? Isto é, que obxectivos van definir a Nova Cooperación Galega para que sexa transformadora e que estea á altura dos grandes retos globais?
  • E, canta cooperación queremos? Vai seguir sendo sendo unha política pequena e acurralada ou un instrumento dende o que situar a Galicia no mundo en clave de xustiza global?

Este artigo fai parte do Informe anual da acción exterior de Galicia Nós No Mundo 2022-2023 “Construíndo o futuro, activando a Lei de Acción Exterior”, podes descarregalo completo aquí. Consulta todos os Informes Nós No Mundo aquí.