A “Doutrina Trump” para América Latina

Grandes incógnitas xorden á hora de tentar interpretar cales serán as prioridades de Donald Trump co respecto á política exterior estadounidense. As mesmas tórnanse aínda máis grises cara un concerto hemisférico que para Washington preséntase preventivamente determinado por incertas aperturas (Cuba), tensións fronteirizas (México, NAFTA), crises periféricas (Venezuela) e a dimensión rexional da cada vez mais acentuada presenza chinesa. A visión de Trump sobre América Latina interprétase principalmente como un apéndice das súas percepcións sobre a complexa composición multicultural da sociedade estadounidense, destacando a súa reaccionaria e virulenta posición contra a inmigración de orixe hispano. Marcando distancias cara unha área xeográfica e xeopolítica aparentemente de escaso interese para a súa próxima administración, non é descartable considerar que Trump iniciará unha política de pragmático e expectante distanciamento cos seus veciños hemisféricos, en aras de acometer outros escenarios de calado mais estratéxico, en particular Rusia, Europa e China.

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Latinoamérica
Palabras chave América Latina Trump
Idiomas Galego

Grandes incógnitas xorden á hora de tentar interpretar cales serán as prioridades de Donald Trump co respecto á política exterior estadounidense. As mesmas tórnanse aínda máis grises cara un concerto hemisférico que para Washington preséntase preventivamente determinado por incertas aperturas (Cuba), tensións fronteirizas (México, NAFTA), crises periféricas (Venezuela) e a dimensión rexional da cada vez mais acentuada presenza chinesa. A visión de Trump sobre América Latina interprétase principalmente como un apéndice das súas percepcións sobre a complexa composición multicultural da sociedade estadounidense, destacando a súa reaccionaria e virulenta posición contra a inmigración de orixe hispano. Marcando distancias cara unha área xeográfica e xeopolítica aparentemente de escaso interese para a súa próxima administración, non é descartable considerar que Trump iniciará unha política de pragmático e expectante distanciamento cos seus veciños hemisféricos, en aras de acometer outros escenarios de calado mais estratéxico, en particular Rusia, Europa e China.

Con maioría republicana na Cámara de Representantes e no Senado, esta percepción de pragmatismo distante, se ben aparentemente consolidada con síntomas de consenso político na Casa Branca, incrementa ó mesmo tempo as incertezas sobre determinados escenarios estratéxicos existentes para a próxima política hemisférica de Washington, así como as súas previsibles reaccións unha vez os seus intereses véxanse alterados.

Cuba: apertura con presión

Un caso particularmente visible é Cuba. Se ben o tecido empresarial estadounidense ansía tomar a iniciativa dentro das oportunidades económicas que se presentan coa apertura cubana, Trump non semella proclive a reproducir integramente a “Doutrina Obama” de normalización acelerada das relacións diplomáticas entre ambos países, toda vez manterá esa normalización de relacións baixo preceptos de presión política cara A Habana.

Un exemplo deste tratamento puido observarse coa súa inmediata reacción trala morte de Fidel Castro, cualificando ao líder cubano como “ditador”. Isto permite inferir o peso de determinadas conexións internas, como é o caso do exilio cubano, na interpretación da política “cubana” de Trump. Aquí imponse notablemente o apoio electoral da comunidade cubano-estadounidense a súa candidatura, descontentos coa apertura cubana iniciada por Obama e que moi probablemente resultou decisiva para gañar estados con votos electorais estratéxicos como Florida.

Neste sentido, non semella probable observar un encontro entre Trump e o presidente cubano Raúl Castro similar aos acontecidos polo seu antecesor Obama tanto no Cumio das Américas de Panamá (abril de 2015) como na histórica visita do presidente estadounidense a Cuba (marzo de 2016). Distante no tempo quedará o VIII Cumio das Américas a celebrarse en Perú (marzo de 2018), cando Trump leve mais dun ano na presidencia e Raúl Castro deixe a presidencia para dar curso a unha transición política xeracional a través do VIII Congreso do Partido Comunista de Cuba.

México: algo mais cun muro

Por tanto, a calculada distancia semella dominar a percepción hemisférica de Trump. Con todo, existen aspectos de aparente prioridade, visualizadas na súa atención por consolidar políticas antimigratorias mais punitivas na fronteira con México. Políticas que os seus antecesores Bill Clinton, George W. Bush e o propio Obama mantiveron ou ben reforzaron.

Toda vez buscará acentuar a política antiinmigratoria co presidente mexicano Enrique Peña Nieto e o seu sucesor a partir das eleccións presidenciais mexicanas de 2018, Trump quere reconducir un NAFTA plenamente “norteamericano” entre EUA e Canadá, neutralizando así a México como socio periférico. Visión extensiva cara o concerto centroamericano no mantemento de iniciativas (Triángulo Norte, Seguridade Rexional para América Central) basicamente concibidas para frear a inmigración ilegal.

Así, a expulsión de inmigrantes ilegais desde territorio estadounidense e o freo á inmigración dende Centroamérica repercutirán nun 2017 no que Trump estará probablemente mais interesado en reconducir as súas relacións con Rusia e Europa (OTAN mediante) e pulsar en qué medida as friccións con China se sentirán no ámbito xeopolítico global e incluso hemisférico.

China: o rival emerxente

Neste último apartado, está igualmente por ver cal será a reacción de Trump ante o avance económico e xeopolítico de China. O público rexeite de Trump á iniciativa de Obama plasmada na Asociación Transpacífico (TTP) implicará non só un reforzamento dos imperativos estratéxicos de Beijing en Asia-Pacífico senón tamén no plano hemisférico co respecto á Alianza do Pacífico conformada por México, Perú, Colombia e Chile.

China reforza así o seu peso nesta área, tal e como observouse coa recente xira do presidente chinés Xi Jinping a Perú (Cumio da APEC) e Ecuador, a terceira que realiza a América Latina trala súa chegada ao poder en 2012. A consecuencia, Trump tentará revitalizar os Tratados de Libre Comercio hemisféricos como medida de amortización da presenza chinesa. Pero aquí os resultados asúmense tamén como imprevisibles.

Tras Asia, América Latina é a segunda rexión de maior destino dos investimentos anuais de China, duplicando esta relación entre 2005 e 2015 para ascender a investimentos valorados en US$ 12.600 millóns(1). En 2015, o volume de intercambio comercial entre China e América Latina alcanzou os US$ 236.500 millóns, multiplicándose por vinte desde a pasada década. Grazas aos intercambios comerciais con China, a CEPAL prognostica para 2017 un incremento do 1,7% no crecemento económico de América Latina e do Caribe(2).

China é igualmente o maior socio comercial para varios países da rexión, destacando aquí economías emerxentes como Brasil, Chile e Perú, sen desestimar o seu peso comercial e de investimentos en Cuba e Venezuela, mantendo con varios deles o status de “asociación estratéxica”.

O distanciamento hemisférico que se prevé coa presidencia de Trump repercutirá nun maior caudal de influencia e de presenza chinesa en América Latina e o Caribe, principalmente de carácter económico e financeiro pero tamén cultural e político, aspecto que pode reforzar foros rexionais estratéxicos como o Foro China-CELAC.

Venezuela: "socialismo fracasado"

Cunha Colombia en proceso de pacificación, Venezuela pode converterse no foco mais inestable a nivel hemisférico. Pero aquí Trump adoece dunha visión concreta, alén das súas esporádicas referencias a Venezuela durante a campaña electoral, utilizadas para denigrar ao goberno de Nicolás Maduro a través dun modelo cualificado como de “socialismo fracasado” con pinzas autoritarias.

Esta percepción anuncia maior distanciamento con sinuosa observación expectante entre Washington e Caracas con Trump na Casa Branca. Un aspecto que condiciona os recentes (e igualmente imprevisibles) esforzos da administración Obama por consolidar un diálogo político en Venezuela con mediación vaticana e da misión UNASUR.

En chave de presión cara Caracas, Trump moi probablemente reforzará a estratexia “obamiana” de neutralizar a Maduro a través da Iniciativa de Seguridade Enerxética para o Caribe, co obxectivo de socavar definitivamente o cada vez mais minguante peso rexional de mecanismos como PETROCARIBE así como do erosionado “eixe ALBA”.

Durante a súa campaña electoral, Trump cualificou ao sistema venezolano como “malo” pero a súa poboación como “vibrante e grande”, argumentando que presuntamente atópanse “feridos polos socialistas de Venezuela”. A estridencia da súa dialéctica enmarcada dentro do contexto electoral estadounidense permite intuír que Trump apelaba cara o electorado de orixe venezolano, principalmente residente no estado de Florida, aplicando a mesma conxunción de percepcións e intereses que cos seus homólogos e politicamente influentes cubano-estadounidenses.

Este aspecto simplifica as percepcións que Trump ten sobre a crise venezolana: degradar e erosionar ao “chavismo” a través do distanciamento diplomático toda vez observa ata qué punto os avances do actual e incerto diálogo poden eventualmente repercutir nunha saída electoral antes de 2019, que progresivamente signifique o final da hexemonía política “chavista” en Venezuela.

Revival do “watchful waiting”

Este distanciamento expectante repercutirá igualmente na contención do avance dunha esquerda progresista actualmente atomizada tralos cambios de goberno en Brasil, Arxentina e Perú. Cabe por tanto intuír a activación de medidas disuasivas, vía TLC e mecanismos financeiros, orientados a neutralizar os conflitos e degradar as crises políticas hemisféricas. Degradadas as prioridades no contexto latinoamericano, Trump verase mais ben interesado en focalizar a súa atención cara as denominadas “economías emerxentes”, particularmente Brasil, México e Arxentina.

Trump poderá así acentuar unha simbiose de pragmatismo empresarial e de redución do plano político e diplomático a través dun distanciamento expectante na súa relación con América Latina. Unha visión que levemente retrotrae á política de watchful waiting ou “vixilancia expectante” institucionalizada por Washington durante as presidencias de James Madison (1809-1817) e James Monroe (1817-1825), acontecidas ambas dentro do contexto das loitas de emancipación latinoamericanas de comezos do século XIX.

Marcando distancias, a política hemisférica de Trump acelera un feito igualmente inevitable: a progresiva perda de influencia dos asuntos latinoamericanos nas axendas de política exterior da Casa Branca, unha percepción xa anteriormente establecida pola administración Bush post-11/S de 2001.

Coa súa estratexia de “pragmático distanciamento”, non é descartable que Trump tense dialecticamente as súas relacións cos seus veciños hemisféricos. Sen ameazas aparentes alén da presenza económica chinesa, no fondo a “doutrina Trump” para América Latina semella mais ben focalizar na intención de degradar politicamente o contexto hemisférico sen comprometer os intereses estratéxicos estadounidenses. Está por ver, por tanto, se esta especie de “divorcio pactado” entre EUA e América Latina consolídase baixo a presidencia de Trump.